A Deputación destina este ano 230.000 € ao fomento da igualdade e prevención das violencias machistas nos concellos da provincia

Carmela Silva: “Estamos a transformar o compromiso dos concellos, converténdonos nunha provincia que aposta firmemente pola igualdade e contra as violencias machistas”

04/03/2022

Rolda de prensa de Carmela Silva  

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases de subvencións, por valor de 230.000 €, para que os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes poidan impulsar iniciativas para fomentar a igualdade e previr as violencias machistas. No 2021 os 51 concellos que hai na provincia de menos de 20.00 habitantes presentaron proxectos no marco destas axudas. A presidenta Carmela Silva subliñou que “foi a primeira vez que todos se sumaron a estas axudas o que manifesta que dende que temos creado a área de Igualdade, fai sete anos, estamos a transformar o compromiso dos concellos, converténdonos nunha provincia que aposta firmemente pola igualdade entre mulleres e homes e que loita contra as violencias machistas”.

Mediante esta liña de axudas, os concellos poderán subvencionar proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, iniciativas das Mesas Locais ou proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas da violencia de xénero, ben sexan fillas, fillos ou persoas dependentes ao seu cargo. Tamén son obxecto destas subvencións programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; para a mellora da formación e o emprendemento, da inserción laboral e accións para os plans municipais de igualdade.

Amais, a través destes recursos os concellos poderán crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade na vida persoal, familiar e persoal, así como actividades dirixidas ao alumando, profesorado, familias e campañas de difusión e sensibilización á cidadanía en materia de igualdade.
 

audios