A Deputación destina novos recursos do Plan Concellos por un millón de euros que beneficiarán a sete municipios da provincia

Salceda, Ponte Caldelas, Tomiño, O Porriño, Vilagarcía, Poio e A Guarda poderán facer transformacións de espazos, reforma de viarios e novos servizos públicos

29/07/2022

Xunta de Goberno  

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos no marco do Plan Concellos que ascenden a preto de máis a un millón de euros (989.786€) e que chegarán a sete Concellos: Salceda de Caselas, Ponte Caldelas, Tomiño, O Porriño, Vilagarcía, A Guarda e Poio. Con estas achegas estes municipios levarán a cabo obras de humanización do espazo público, reformas de viarios e equipamentos e servizos públicos.

Vilagarcía recibirá unha achega por 238.384 € para a reforma das instalacións, pavimentos e elementos construtivos do cemiterio de Rubiáns. A través desta actuación acondicionarase a pavimentación na zona máis antiga do cemiterio, mellorando o tránsito desde a entrada principal, a capela e o conxunto de panteóns familiares e xardíns. Amais, consolidarase o pavimento do cemiterio e disporase unha nova canalización de pluviais.

Na comarca de Pontevedra, Poio disporá de 190.252 € para as obras de humanización do entorno da Travesía Porteliña e a rúa do Adro, na parroquia de San Salvador. Os traballos incluirán a mellora do pavimento, a adaptación de rasantes e eliminación de barreiras arquitectónicas, integrando os novos materiais co medio que o rodea, e dándolle especial tratamento aos peóns/as. Deste xeito, a renovación incluirá unha plataforma única de lastra de granito na intersección coa Rúa do Adro. Amais, renovaranse os servizos de saneamento e pluviais. Por outra banda, Ponte Caldelas terá unha achega de 64.830€ para financiar as obras de ensanche dun viario municipal na Insua. Trátase dun camiño cunha sección insuficiente para a circulación de vehículos e persoas, que nalgunhas zonas non chega aos 3,5 metros. O ensanche requirirá, para a ampliación do ancho do camiño, a pavimentación dos tramos ampliados e a reposición de servizos afectados.

Por outra parte, no Baixo Miño, Tomiño contará cunha achega de 197.386€ para o acondicionamento do Torreiro de Taborda. Esta actuación busca xerar un ámbito atractivo para as persoas, seguro e accesible, poñendo en valor a arquitectura e o espazo público. Melloraranse as condicións espaciais do torreiro, potenciando os elementos patrimoniais, así como as cualidades do espazo público e incrementaranse as áreas de estancia. A zona do oeste, pavimentada en xabre, contará con bancos, mesas e arborado e será atravesada por unha senda en formigón coloreado ocre.

Unha achega de 107.594 euros permitirá ao Concello da Guarda a urbanización da prolongación da Rúa Baixo Muro e a súa conexión coa Rúa Ireira. Búscase mellorar a calidade dos espazos, a accesibilidade e a posta en valor do casco histórico. Actuarase nun treito de 30m onde se optimizará a sección da rúa, eliminaranse as barreiras arquitectónicas que faciliten o tránsito a persoas con diversidade funcional e dotarase dun novo acceso ao casco histórico da vila.

Na comarca de Vigo, Salceda recibirá 121.115 euros para a mellora e acondicionamento do Carreiro do Rollo, entre as rúas Rollo e Pérez Vidal. Pavimentarase o viario e adecuaranse ás instalacións urbanas, cun novo saneamento e abastecemento. O pavimento será de pedra natural e lastra en case todo o trazado, con pezas especiais en determinados puntos singulares. Amais, porase en valor o castaño existente, e renovarase a iluminación. E completarase o espazo con novo mobiliario urbano, con bancos de pedra, papeleiras e un aparcabicis,

Finalmente, O Porriño contará con 70.221 € para a ampliación da rede de saneamento en Mosende, unha actuacion que busca posibilitar a conexión de diferentes vivendas á rede municipal existente. Executaranse tres tramos de rede de augas residuais e proxéctase a reposición do firme demolido para a realización dos traballos.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.