A Deputación repartirá no Canteira Fest unha revista sobre mulleres “de referencia” na memoria histórica da provincia

A publicación, que poderá recollerse no ‘Espazo Memoria’ provincial, inclúe información sobre como foi a represión do franquismo en Vilaboa

12/09/2022

Canteira Fest

A Deputación de Pontevedra vai repartir no ‘Canteira Fest’ que se celebra esta fin de semana en Vilaboa máis de 2.000 exemplares dunha revista na que se quere poñer en valor a moitas mulleres que son figuras de referencia na memoria histórica da provincia. A publicación, que poderá recollerse de balde no ‘Espazo Memoria’ provincial, incluirá tamén información sobre como foi a represión do franquismo na vila.

Segundo explica a deputada de Memoria María Ortega a intención desta revista, baixo o lema ‘A memoria ten Canteira!’ é chegar á xente moza para avanzar na loita contra o silencio e a impunidade a través da mellor ferramenta: o coñecemento.

Nos artigos, realizados pola xornalista e técnica de memoria Montse Fajardo e maquetados pola deseñadora Sara Otero, faise un repaso pola historia de figuras de mulleres como Rosario Hernández ‘A Calesa’, Carmen Pesqueira ‘A Capirota’, María Gómez, Ernestina Otero, Placeres Castellanos , e Juana Otero, ademais doutras veciñas de Vilaboa.

Nas 36 páxinas da publicación tamén se fala das mentiras que agocha o relato franquista, as vivencias dos canteiros de Vilaboa, os ‘topos’ que viviron agochados para escapar da represión, ou como viviu a resistencia a veciñanza.

Calquera persoa interesada en facerse cun exemplar pode retiralo de balde no ‘Espazo Memoria da Deputación’ dentro do festival. Neste espazo reservado para a Deputación desenvolveranse ademais moitas outras actividades relacionadas coa memoria histórica.

Na tarde do venres 16 de setembro ás 17.30h desenvolverase unha nova contada de Polo Correo do Vento -destinada ás crianzas-, desta volta centrada nas Misións Pedagóxicas que durante a República levaron libros, teatro e cultura polas distintas aldeas de Galicia. A continuación terá lugar a apertura do Espazo Memoria, coa presenza da presidenta da Deputación, a deputada de Memoria, Xosé Álvarez Cáccamo e representantes do colectivo ‘A Regaduxa’. Posteriormente realizarase un obradoiro con Xurxo Souto sobre a música represaliada polo franquismo.

O sábado 17 de setembro iniciarase a programación cunha sesión vermú, a cargo de Nasla, ás 13.00 horas. Pola tarde haberá un taller de regueifa sobre memoria histórica a cargo do Rabelo ás 16.30 e ás 18.30 haberá unha nova contada das misións pedagóxicas a cargo de Polo Correo do Vento no espazo de crianzas, onde haberá tamén algunha que outra sorpresa. Tamén haberá sorpresas no escenario principal, cunha  performance de ‘Os Quinquilláns’ que non deixará a ninguén indiferente.

Ademais, durante todo o festival, ‘Cestola na Cachola’ pintará un mural sobre memoria nunha das paredes do edificio da canteira, que se unirá aos realizados os anos anteriores, e permanecerá en futuras edicións.

Durante o 16 e o 17 de setembro, ademais das e dos protagonistas do ‘espazo memoria’ pasarán polo festival artistas de todo o país: Tanxugueiras, Hihg Paw, Huntza, Punkiereteiras, Jinetes del Trópico, Flow do toxo, Grande Amore, Bravatukas, ou Sleeply Spiece, entre outros grupos. Completarase a programación con postos de artesanía, zona gastronómica e coloquios.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.