A Rede Ágora da Deputación repartirá outro 1.960.000 € entre os concellos

O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez anuncia un suplemento do crédito no caso de que os fondos non alcancen para todos os proxectos presentados que cumpran os requisitos.

18/05/2022

Espazos amables e de calidade. ‘Paseo de Vilaxoán’, de Mónica Vila Ferreirós  

 

A Deputación de Pontevedra, a través da área de Mobilidade e Espazo Público, quere seguir a impulsar a recuperación do espazo público para as persoas gañándollo aos coches. Con ese obxectivo acábanse de aprobar as 'Subvencións para a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís nos concellos da Rede Ágora', que nesta 2ª edición ascenden a 1.960.000 euros.

Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a finalidade da convocatoria é impulsar a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos no ámbito municipal para devolvérllelos ás persoas, así como a creación de sendas peonís para permitir a implantación de formas de desprazamento máis sostibles -a pé, en bicicleta...-. Os destinatarios serán os 54 concellos adheridos á rede Ágora de menos de 50.000 habitantes, que verán subvencionado o 90% do custe de redacción dos proxectos, ata un máximo de 50.000 € por concello, por un montante total de 1,96 millóns de euros.

O responsable da área de Mobilidade e Espazo Público sinala que no caso de que o crédito disposto non alcance para subvencionar tódolos proxectos presentados que cumpran os requisitos, a Deputación resérvase o dereito de incrementar a dotación orzamentaria. Pola contra, en caso de que non se consuma a totalidade do crédito, poderá abrirse un novo prazo de solicitudes ao que se poderán presentar tanto concellos que non o fixeran na primeira convocatoria como os que xa o fixeran, poñéndose a disposición de cada un deles de novo outros 50.000 € como máximo.

As subvencións desta segunda convocatoria contemplan dúas casuísticas, sempre subvencionando a elaboración de proxectos e non de obras. A primeira é a redacción de proxectos de recuperación de espazos que actualmente están ocupados por tráfico a motor para devolvérllelos ás persoas. A segunda supón unha novidade: proxectos para a creación ou mellora de espazos segregados para a circulación peonil e ciclista, é dicir, para sendas peonís ou ciclistas anexas a vías existentes que non contan na actualidade con espazos adecuados para este tipo de desprazamentos.

No caso de recuperación de espazos, o proxecto debe supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e os espazos gañados para as e os peóns deberán ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista onde non existía un espazo adecuado para este tipo de mobilidades o itinerario peonil deberá ter unha superficie mínima de 100 metros e un largo mínimo de 2,5 metros. Finalmente, o proxecto pode combinar as dúas casuísticas seguindo os criterios establecidos nas bases.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados dende o día seguinte a publicación no BOPPO (previsiblemente este venres), tendo que presentar unha estimación do gasto de redacción do proxecto e unha memoria explicativa que inclúa o título do proxecto, resumo, obxecto e ámbito de actuación, e un plano ou bosquexo explicativo das liñas xerais das actuacións que se pretenden proxectar.

Subvencións 2021

As Subvencións Ágora de 2022 veñen completar as axudas do pasado exercicio, que chegaron a 39 concellos da provincia. Segundo explicou o deputado Benítez, repartíronse 2,2 millóns de euros, 1.550.000 euros entre 31 concellos que solicitaron subvencións no Eixo 1 -para redactar proxectos-, recibindo cada un 50.000 euros; e 666.682,9 euros no Eixo 2 -de execución de obras-, con montantes de ata 100.000 euros.

Benítez lembrou que a Deputación creou Ágora, unha rede de acción institucional cos concellos da provincia, para valorizar o espazo público como un dereito fundamental das persoas e co obxectivo de poñer en marcha políticas de recuperación do espazo público e de obter resultados cuantitativos de cara a 2023. Para iso, explicou, puxéronse en marcha diversas iniciativas como a Facultade Ágora de formación técnica, o asesoramento aos concellos, e tamén as subvencións, para incentivar a redacción de proxectos seguindo as filosofías de poñer ás "persoas primeiro".