Areeiro advirte da necesidade de continuar a revisión das viñas pola inestabilidade meteorolóxica

A Estación Fitopatolóxica aconsella tamén vixilar o oídio e o Black rot nas viñas

27/05/2022

acio con mildio

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que volve advertir das condicións favorables para o desenvolvemento do mildio das viñas, tanto pola situación meteorolóxica da última semana como polas previsións para a vindeira, que anuncian precipitacións e temperaturas mínimas altas. O persoal da EFA non atopou nas súas revisións novas manchas, consecuencia dos anteriores tratamentos aplicados, aínda que polas citadas condicións aconsella a revisión detallada das viñas para comprobar o seu estado.  En caso de que as plantas aínda se atopen nos comezos da protección do tratamento anterior, as revisións poderán ser máis distantes no tempo, pero se xa transcorrera a metade da protección, deberán ser máis frecuentes co obxectivo de actuar inmediatamente se aparecen novos síntomas.

Areeiro sinala que, no caso de ter que actuar, deberase facelo nos períodos sen choiva e subliña a importancia de que o funxicida aplicado chegue ben ao envés das follas, xa que se só se trata a parte superior, o produto non será eficaz.

O aviso fitosanitario refírese tamén á aparición dos primeiros síntomas do oídio nunhas viñas de variedades tintas e, aínda que en albariño non se observaron, aconsella manter a vixilancia, e de momento non tratar. Nese mesmo lugar detectáronse síntomas da presencia do Black rot, aínda que no resto de viñas revisadas apenas se atoparon algunha que outra mancha moi illada e puntual nalgunhas plantas de parte dos predios. Con todo, agora que a floración é plena e que xa hai froito callado empeza o período de maior sensibilidade da uva á enfermidade e, co tempo húmido e cálido que se prevé, Areeiro sinala que haberá que incrementar a vixilancia. Así mesmo, observáronse os primeiros indicios das avelaíñas do acio en todas as parcelas, aínda que de xeito anecdótico.

O aviso a Estación Fitopatolóxica refírese tamén a outros cultivos como a maceira. Deste xeito, advirte do elevado risco, debido ás condicións meteorolóxicas, do moteado, polo que sinala que ao menos as variedades sensibles deben estar protexidas. E tamén apunta a presenza bastante xeneralizada de colonias de  pulgón, especialmente da especie Aphis pomi (pulgón verde), que non produce danos á froita, aínda que si produce que as follas dos brotes terminais se enrosquen. Neste senso, desde a EFA sinalan que se as plantas son pequenas ou as maceiras se plantaron con interese ornamental é conveniente aplicar un tratamento antes de que as follas se enrodelen totalmente.

Por outra banda, no caso do kiwi, a recomendación fronte á bacterioses segue a ser a de manter as plantas protexidas ante a probabilidade de que o tempo siga húmido. E, no da pataca. Areeiro apunta que a humidade incrementa sensiblemente o risco do mildio, polo que deben manterse as plantas protexidas mentres se manteñan esta climatoloxía.

Por último, o aviso fai referencia tamén ás frondosas, no senso de que nas árbores de ribeira dalgúns ríos comezan a ser notorios os síntomas típicos da alimentación dalgunhas especies de crisomélidos, que no estado adulto soen ser pequenos e ter cores metálicas.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.