O núcleo central de Ribadelouro prepárase para un “cambio total” coas obras que executa a Deputación

A actual estrada provincial converterase nun espazo de preferencia peonil e o tráfico de paso desviarase pola ampliada estrada municipal que, ademais, incorporará unha senda

14/07/2022

EP-2502 Cerquido-Ribadelouro

As máquinas traballan xa nas obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, en Tui. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou Ribadelouro para explicar o proxecto acompañada do alcalde, Enrique Cabaleiro, e do deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís. Os traballos, que teñen un orzamento de 359.503 euros, están sufragados ao 70% pola Deputación, que achega 251.652 euros, e o 30% restante corre a cargo do Concello. O prazo de execución é de seis meses, aínda que Carmela Silva anticipou hoxe que agarda volver para inaugurar “antes do previsto”.

A presidenta provincial asegurou que estamos “diante dunha obra especial” porque a Deputación vai facer “un cambio radical” nos 180 metros da estrada provincial que transcorren por diante do centro sociocultural de Ribadelouro, a igrexa parroquial, o cemiterio e o adro da festa. Alí vaise construír plataforma única sobreelevada con piso de formigón e bandas transversais de pedra facendo xogos xeométricos. Quedará, por tanto, como zona de preferencia peonil e reservada para o tránsito local. O tráfico de paso será desviado ao longo da estrada provincial que conecta xustamente o principio e o fin desta actuación, cunha lonxitude duns 300 metros.

As obras comezaron precisamente no punto de comezo para suavizar a curva de entrada. Todo este novo tramo pola actual estrada municipal, que Carmela Silva definiu como “unha auténtica variante”, vai ser asfaltado, dotado de medidas de calmado de tráfico (dous pasos de peóns elevados e dous badéns redutores) e dunha senda peonil de 2,50 metros de ancho mínimo. Contará, ademais, con nova iluminación led e un tratamento patrimonial na fonte da Patela. No marco do convenio asinado por ámbalas dúas institucións, a Deputación transfire ao Concello os 180 metros da plataforma única e o Concello transfire á Deputación o tramo da estrada municipal que pasa a dar continuidade ao tráfico de paso na EP-2502 a modo de variante.

 “Toda esta zona vai ter un cambio total; cando rematen as obras non vai haber quen recoñeza a contorna; gañarán protagonismo as veciñas e veciños e tamén as persoas que peregrinan, porque Tui é o corazón do Camiño portugués”, recalcou Carmela Silva. A presidenta relacionou esta nova actuación nas estradas provinciais “co modelo que temos na provincia de Pontevedra, da man dos concellos”. Neste senso, enxalzou o traballo previo do alcalde e a súa equipa de goberno, que acordaron coa veciñanza o deseño dunha actuación que recupera espazo público e transforma o territorio.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, afirmou que “é un día importante para Tui, en especial para a parroquia de Ribadelouro, que demandaba esta actuación dende hai moitos anos”. Cualificou como “anacrónico” que unha estrada invadise o epicentro da parroquia sen conceder espazo para a veciñanza e, por iso, engadiu, “era unha prioridade”. “Teño que agradecer á Deputación que nunha xuntanza en Pontevedra que non durou máis de 10 minutos puxémoslle sobre a mesa dúas obras, como a famosa curva de Rebordáns (máis de 30 anos agardando unha solución), e esta en Ribadelouro; a primeira xa está feita e a segunda en obras”. “O 90% da transformación que se fai no Concello de Tui faise con financiamento da Deputación e iso hai que recoñecelo”, concluíu. Cabaleiro explicou que o Goberno local de Tui ten un “compromiso moi firme co rural e neste mandato imos acometer estas dúas obras, pero tamén outros proxectos porque parroquias como Caldelas, Randufe, Pazos de Rei ou Guillarei tamén teñen espazos centrais urbanos que van ser humanizados.

As obras en marcha no núcleo de Ribadelouro inclúen, ademais da plataforma única, a habilitación dunha pequena zona verde, a instalación de 32 bancos e iluminación led de alta eficiencia. Ademais tódalas redes de recollida de augas pluviais e telecomunicacións serán soterradas. Para facer posible a nova “variante”, que pasará a contar con carrís de circulación en dobre sentido de 3 metros e a nova senda peonil de 2,50 metros de ancho, foi tamén necesario expropiar catro fincas, cun total de 103 metros cadrados, que asumiu o Concello.

 

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.