A residencia artística Conecta Lab recibe unha axuda europea de máis de 180.000 € e sitúase como o proxecto mellor valorado de Galicia

O programa, desenvolvido pola asociación CREA co apoio da Deputación, proxéctase como laboratorio audiovisual creativo con sede na Illa de San Simón

08/09/2022

A iniciativa cultural Conecta Lab, que proxecta un centro de networking e residencia artística para creadores/as audiovisuais na Illa de San Simón e que desenvolve a asociación CREA co apoio da Deputación de Pontevedra, ven de recibir o espadarazo do Goberno de España na convocatoria da Dirección xeral do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais nas axudas correspondentes a laboratorios e incubadoras de creación e desenvolvemento de proxectos audiovisuais. O proxecto, que ten xa confirmada a concesión dunha axuda europea de 182.920 euros, foi o mellor valorado de Galicia con 69,8 puntos, e se situou entre os 16 mellores de toda España, ao nivel de propostas de festivais tan potentes como os de San Sebastián (77,2)  ou Sitges (72,5).

A esta convocatoria, enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, presentáronse 127 proxectos de todo o territorio do Estado, dos que só 49 foron seleccionados, entre eles Conecta Lab. Esta iniciativa forma parte de Conecta, unha das pezas clave da Asociación de Profesionais de Dirección e Realización de Galicia (CREA), que leva desenvolvendo desde o ano 2012 coa colaboración da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), así como o apoio de AGADIC e da Fundación SGAE.

Agora, coa intención de potenciar e dotar dunha nova dimensión á actividade e co apoio da Deputación de Pontevedra, intensifícase o traballo de acompañamento e impulso dos proxectos e dos creadores e creadoras audiovisuais, convertendo o que antes eran asesorías creativas nunha residencia artística a modo de laboratorio creativo con sede nun espazo moi especial, a Illa de San Simón.

Conecta comezará en novembro, cunha clase maxistral e a selección de proxectos que participarán en Conecta Lab, que terá lugar no mes de abril de 2023 e que se presenta como unha residencia artística de dez días na que os e as participantes terán a posibilidade de traballar nos seus propios proxectos e profundar en aspectos artísticos e narrativos titorizados por profesionais cunha ampla experiencia, ademais de poder asistir a clases maxistrais.

A reubicación que Conecta Lab terá na Illa de San Simón, grazas ao apoio da Deputación, é un pulo importante neste labor de asesoría, formación e preparación para conseguir proxectos máis competitivos. Durante os dez días do laboratorio creadores e creadoras terán á súa disposición todas as dotacións coas que conta o espazo e as propias condicións do entorno natural da illa pontevedresa facilitarán a inspiración e concentración necesarias para o traballo máis persoal de creación. San Simón será tamén escenario de encontros profesionais, mesas redondas, proxeccións e instalacións artísticas.

Unha provincia con potencial audiovisual

Conecta Lab preséntase como unha oportunidade única máis para desenvolver a industria cinematográfica da provincia e aproveitar todas as súas potencialidades. O audiovisual ten aínda moito espazo para crecer neste territorio, que conta cunha gran capacidade para acoller rodaxes no que tamén se está a traballar desde a Pontevedra Film Commission. Destaca, ademais, a especial relación emocional e profesional da provincia co norte de Portugal e coa súa cinematografía. Neste eido, é un dos motores necesarios para establecer os cimentos sobre os que construír o futuro do sector.

Darlle un pulo á industria cinematográfica de Pontevedra servirá, ademais, para incrementar a visibilidade da provincia, o que repercutirá positivamente na economía, no emprego e na promoción do territorio, potenciando outros sectores vitais, como o turístico. O apoio a Conecta Lab é un paso máis no traballo da Deputación de cara á posta en valor do audiovisual da provincia.