A Deputación e o Consello Regulador DOP Mexillón de Galicia asinan un convenio para dar un paso máis na garantía da orixe e da excelencia

O obxectivo do Consello Regulador é conseguir a acreditación da ENAC que o valide para autenticar que o produto é realmente mexillón de Galicia, amais da súa calidade

20/07/2022

Sinatura de convenio

A Sala de Xuntas do Pazo Provincial acolleu hoxe a sinatura do convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Consello Regulador de Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, mediante o que se mellorarán aínda máis as garantías de calidade e de orixe deste produto aos seus consumidores/as. O documento recolleu as firmas da presidenta, Carmela Silva, e do presidente do Consello, Mané Calvo, xunto a quen estiveron a deputada provincial Iria Lamas e o secretario xeral do Consello, Joaquín Garrido. Para conseguir este fito, a institución provincial subvenciona con 21.780 euros o procedemento de acreditación do consello ante a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para acadar a certificación EN ISO/IEC 17065. Con ela o Consello converterase nunha entidade validamente acreditada para autenticar ante as e os consumidores finais que o que produto que están degustando é realmente mexillón de Galicia.

A presidenta provincial amosou a “importancia da sinatura deste convenio que é un paso máis na excelencia e cumprimento das garantías do mexillón de Galicia”. No proceso de certificación, explicou, “a ENAC vai facer un estudio moi profundo que vai identificar tamén as oportunidades de mellora dun Consello que busca a excelencia, aposta pola sostibilidade e por coidar o noso produto e que está nos mellores espazos con todas as garantías medioambientais, un traballo que agradezo”. “Pronto coñeceremos os resultados desta análise e estou segura de que esta certificación da ENAC vai a ser unha realidade”. Para Camela Silva “falar de mexillón é facelo do sector primario e dunha actividade económica que xera moita riqueza e emprego en toda a costa, e que ao longo da provincia de Pontevedra é fundamental”. “En Galicia o mexillón xera máis de 13.000 postos de traballo e a nosa provincia aglutina o 71% das empresas comercializadoras de mexillón de Galicia, un sector no que nas que as mulleres xogan un papel moi importante”.

Ademais, aportou datos da facturación mexilloneira das provincias marítimas de Vilagarcía e Vigo  que reflexan a “creación de riqueza que logo pode ser redistribuída” xa que, como recordou, “somos o primeiro espazo produtor da Unión Europea”. “O mexillón de Galicia referencia á provincia de Pontevedra como produtora e as ás persoas que habitan nela como xente que se dedica a un sector no que somos líderes mundiais”.

Mané Calvo, presidente do Consello, “sentir o apoio da Deputación de Pontevedra, a provincia máis importante respecto ao mexillón, é o recoñecemento definitivo e vainos a axudar moito para acadar esta certificación que significa unha maior unión do sector e o actuar todas e todos cun mesmo obxectivo”. Mané Calvo secundou as palabras da presidenta provincial sobre a importancia que ten o sector do mexillón na economía “moi atomizado no que os 13.000 postos de traballo son realmente 13.000 familias ás que hai que sumar todo o traballo indirecto que é bastante importante”. Pola súa banda, o secretario xeral do Consello, Joaquín Garrido, explicou como será o procedemento para acadar a certificación, no que “todos os procesos e mecanismos quedarán documentados en diferentes protocolos que permitirán saber en todo momento os pasos que hai que dar para garantir a orixe da certificación do mexillón de Galicia”.

Galerias de imaxes

audios