As “Rosas” que fixeron historia na música clásica “reviven” nun belísimo espectáculo multidisciplinar que encheu o Pazo Provincial

Carmela Silva subliñou a necesidade de “seguir recuperando a metade da historia, escrita polas mulleres” nun acto que repasou a pegada feminina na música con Gallaecia Ensemble Barroco, Yoseba Muruzábal, María Lado e Montse Piñeiro, dirixida por María José Pámpano

25/03/2023

Espectáculo Oh Rosas Vivas

Unha velada para revivir ás pioneiras que coa súa loita conseguiron ser recoñecidas na música pero cuxa pegada foi silenciada ao longo da historia. “Oh, Rosas Vivas” homenaxeou a mulleres como Francesca Caccini, Elisabeth Jacquet de la Guerre ou Bianca María Meda nun escenario tan acaído para o evento como o salón de plenos do Pazo Provincial, ateigado con máis dun cento de persoas que o deixaron pequeno para escoitar a música de Gallaecia Ensemble Barroco, ver a pintura ao vivo do prestixioso artista Yoseba Muruzábal, a videocreación de Montse Piñeiro e a poesía de María Lado, baixo a dirección da violinista María José Pámpano, creadora deste fermoso proxecto. Foi, como destacou a presidenta, Carmela Silva, “unha belísima homenaxe a todas estas mulleres celebradas no seu momento, que foron coñecidas e recoñecidas, de altísima calidade na súa época  e pioneiras da profesionalización da música, pero que foron esquecidas. Témolas que recuperar, rescatar as súas historias e convertelas en referentes nas que poidan mirarse as novas xeracións de músicas”.

O título do espectáculo toma como referencia unha das pezas de Francesca Caccini, Oh, Rose Vive! e precisamente con el arrancou esta singular proposta escénica, toda unha viaxe musical polos séculos XVII e XVIII para dar a coñecer a súa aportación á historia da música. Un percorrido que comezou en Italia con esta gran compositora e continuou con outras grandes como Isabella Leonarda, María Bianca Meda, Bárbara Strozzi, Antonia Bembo, para concluír en Francia no século XVIII con obras de Élisabeth Jacquet de la Guerre. E, o broche de ouro, con máis rosas, con Red, Red, Rose, unha obra contemporánea doutra das grandes da música actuais, Caroline Shaw, Pulitzer da música (2013).

“É importantísimo o labor que están a facer profesionais como María José Pámpano ao poñer en marcha estes proxectos –subliñou na súa intervención Carmela Silva- e a quen temos que agradecer a dirección e idea deste magnífico espectáculo e a súa implicación en varias iniciativas para recuperar as grandes da música, para que sigan estando connosco. E  paréceme do máis acaído o título con que ela ideou esta homenaxe, baseándose na simboloxía da rosa, unha flor tan bela que necesita as espiñas para crecer e desenvolverse, ao igual que estas mulleres tiveron que loitar tanto para facerse escoitar. Como administración plenamente comprometida coa igualdade, parécenos crucial seguir reivindicando o papel das mulleres na música”.

Galerias de imaxes

videos