O Museo acolle o 25 aniversario do proxecto ‘Voilà la femme’ cunha mostra colectiva sobre a muller, a identidade e o xénero

Exporanse obras de 25 creadoras galegas co obxectivo de facer visible a creación artística realizada por mulleres       

16/05/2022

Voilà la femme

O Museo de Pontevedra acollerá entre este xoves 19  de maio e o 10 de xullo o 25 aniversario do proxecto ‘Voilà la femme’ cunha mostra colectiva sobre a muller, a identidade e o xénero da man de 25 creadoras galegas.

Voilà la femme’ naceu en marzo de 1992 no Ateneo Santa Cecilia de Marín e creouse para reivindicar o papel das mulleres no ámbito da arte e da cultura, converténdose nun referente emblemático a nivel artístico por consolidarse como a mostra de mulleres artistas con maior traxectoria dentro do territorio español.

O proxecto chega ao Museo de Pontevedra pola súa especial relación coa cidade despois dunha ampla traxectoria. Así, o Edificio Castelao acollerá unha selección das obras das artistas máis relevantes que participaron nas súas 25 edicións, en total máis de 200, que naceron, viven ou traballan en Galicia, moitas delas téndose formado ou impartido docencia na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

A mostra do 25 aniversario no Museo está comisariada por Yolanda Herranz Pascual e Celeste Garrido Meira, e conta coa participación de Menchu Lamas Pérez, Ánxeles Iglesias Charlín, Carme Nogueira Alonso, Carmen Hermo Sánchez, Mar Vicente Souto, Sara Sapetti, Reme Remedios Fernández, Sonia Tourón Estévez, Mª Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, Ana Gil Rodríguez, Basilisa Fiestras Cachafeiro, Noemí Lorenzo Pérez, Beatriz Sieiro Caramés, Nuria Ruibal García, Itziar Ezquieta Llamas, Ofelia Cardo Cañizares, Gema López González, Isabel Alonso Vázquez, Mery Pais Domínguez, Colectivo LAG, Raquel Blanco Iglesias, Belén Diz Juncal e Tania Crego Gutiérrez.

Trátase dunha exposición que pretende contribuír a poñer no foco e na axenda pública o debate sobre onde están as mulleres artistas nos museos, reivindicando a arte en feminino con conciencia e compromiso a través de grandes eventos e aumentando as obras femininas expostas nas coleccións temporais. Todo iso para xerar unha reflexión sobre a identidade e a desigualdade.

A inauguración será o xoves 19 ás sete e media da tarde. Posteriormente, realizaranse visitas guiadas e outras actividades a cargo das artistas para facilitar unha aproximación e coñecemento das obras e do plantexamento feminista da mosta. Tamén se editará un catálogo que servirá de análise e estudo para investigacións futuras.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.