O Museo acolle un espectáculo de clowns para crianzas sobre reciclaxe e conciencia ecolóxica para celebrar o Día do Medio Ambiente

Será este domingo día 5, o propio día da celebración, ás 12 do mediodía con entrada libre no auditorio do Edificio Castelao

31/05/2022

Cartoóns  

O Museo de Pontevedra vai celebrar o Día Internacional do Medio Ambiente cun espectáculo de clowns destinado ás crianzas de 4 a 12 anos que tratará sobre a reciclaxe e a conciencia ecolóxica. A peza titúlase 'Cartoons' e correrá a cargo de Josito Porto e Víctor Maquieira, que abordarán "a arte poética de converter os refugallos en bens de uso" e falarán das tres famosas 'R' do ecoloxismo: reducir, reutilizar e reciclar.

A actuación terá lugar o domingo 5, o propio día da celebración do Día do Medio Ambiente, ás 12 da mañá no salón de actos no Museo con entrada libre ata completar cabida. A historia a representar conta a vida de “dous tipos abandonados nas marxes, o que se chama vulgarmente náufragos, robinsones, persoas que perderon pé e teñen que aprender a facelo todo de novo, dende a cunca na que beber até o esmoquin que necesitan para acudir a unha gala. perderon todo e teñen que inventalo todo de novo: poden ser marxinais que viven na marxe da nosa sociedade e converten en luxo o noso lixo”.

Todo isto parece un drama, mais non -explican os autores- é porque os que penetran e esculcan neses mundos son dous clowns. A súa ollada inocente fará ver as cousas diferentes e ao se atopar coa inocencia da crearanse mundos que antes non existían: "as crianzas verán o mundo como non o volverán ver e as e os adultos que os acompañen poderán descubrir algo novo tamén".

Os clowns, que teñen algo de debuxo animado (cartoons) no seu modo paródico e eficaz de comportarse, aparecerán vivindo rodeados de cartóns, unha materia valiosísima que, inexplicablemente, a maioría da xente tira ao lixo diariamente. Ese cartón serviralles para construír casas, canalizacións do gas, cortinas das xanelas, revisteiro, rolo de papel hixiénico, bandexas, edredóns, motos, parasol de praia, telescopios, esquís, ponchos, avións, emparrados... "en definitiva, todo o que o común da xente vai adquirir a unha coñecida multinacional sueca".

A intención é que as escenas descritas estimulen no auditorio infantil o impulso lúdico, a capacidade mimética, a plasticidade imaxinativa e a creatividade orientada. Tamén é un espectáculo vehículo de valores, como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a consciencia ecolóxica, a empatía social e a autosuficiencia.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 17 resultados.