O Museo comeza a súa semana de actividades para celebrar o Día da Muller

Cada día ata o venres haberá itinerarios comentados baixo o título ‘Artistas visibles’ para a coñecer 17 das autoras que forman parte dos fondos propios

07/03/2022

Día da muller no Museo

O Museo de Pontevedra comeza mañá martes unha semana de actividades e contidos para celebrar o Día da Muller, e farao coas visitas comentadas  baixo o título ‘Artistas Visibles’, que se repetirán diariamente ata o venres (ás seis da tarde) facendo un percorrido para visibilizar ás artistas que forman parte das coleccións propias do Museo desde o s. XIX ata o s. XX.

Serán itinerarios de  45 minutos  nos que o persoal da Unidade de Educación falará principalmente das dezasete mulleres artistas, catorce pintoras e dúas escultoras que se exhiben nas coleccións permanentes, aínda que en total nos fondos do museo hai obras de máis de oitenta.

As artistas nas que se fará fincapé serán as que están na terceira planta: Julia Minguillón , Maruja Mallo, Mª Victoria de la Fuente, Mª Antonia Dans, Elena Colmeiro, Almudena Fernández,Tatiana Medal, Berta Cáccamo, e Sofía Morales. Tamén se poderán ver producións femininas na primeira planta (Carmen Babiano) e na segunda (Elvira Santiso, María del Carmen Corredoyra, María Röesset e Carmen Alcoverro). Ademais, na segunda planta do Edificio Sarmiento, dentro da sala dedicada á colección Sánchez-Mesas, poderase coñecer a obra de Juana Francés, Mariña Núñez del Prado, Sofía Morales e Isabel Villar Ortiz de Urbina.

Dende o departamento de Educación do Museo quérese afondar con estas visitas á pregunta “Onde están as mulleres artistas no Museo?”, unha cuestión moi presente nos centros de arte de todo o mundo durante os últimos anos co obxectivo de recuperar a memoria das artistas a través de grandes exposicións, actividades monográficas sobre o papel da muller na historia da arte ou aumentando as obras femininas expostas.

As pinturas e as esculturas das artistas permitirán ao público aproximarse ás diferentes correntes artísticas que predominaron en España desde as últimas décadas do século XIX ata principios do 2000. Así mesmo, coñecer as súas traxectorias tamén axuda a saber de primeira man as dificultades que experimentaron cando decidiron consagrar a súa vida á arte: ‘Muller e creación plástica: unha carreira de obstáculos’.

Ademais das visitas guiadas, esta semana no Museo de Pontevedra desenvolverase máis programación especial. O mércores día 9 haberá  teatro infantil para alumnado de 1º e 2º Curso de Educación Primaria a cargo de Compañía Eléctrica trae o espectáculo Carabranca. Xa pola tarde impartirase o curso de arte de Carolina Munáiz ‘Aventaxado feminino. Creadoras do século XX’ que ten todas as súas prazas esgotadas.

O xoves 10, ás sete da tarde, celebrarase unha conversa entre mulleres creadoras baixo o título ‘Aínda queda moito ferro!!!’,un coloquio no que participarán mulleres do mundo das artes plásticas, algunhas cunha longa traxectoria e outras dando os seus primeiros pasos (Sara Sánchez, Soledad Penalta e Basilisa Fiestras), que analizarán a situación da muller no mundo das artes con Carmen Hermo como moderadora.

Finalmente, o venres 11 ás 19 horas terá lugar a representación de ‘Matrioskas’, teatro para adultos con Marta Ortiz e Sofía Espiñeira, “dúas mulleres cantando e contando sobre mulleres. Todas feitas da mesma madeira. Todas vestidas de cores. Todas elas, grandes e pequenas, con historias para contar e cos desexos agochados no ventre”, segundo explica a sinopse da peza da compañía ‘Charlatana’. É precisa inscrición previa en reservas.museo@depo.gal.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.