A Deputación destina 250.000 € a financiar o persoal de 28 oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas

Carmela Silva: “Esta provincia vai como un tiro grazas a esta administración que cre na provincia, traballa en positivo e apoia aos concellos. Tamén grazas ao sector privado e  municipios que fan un labor indispensable para promover un destino que é un tesouro”

27/05/2022

Carmela Silva - Xunta de Goberno

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar destinar 250.000 € aos concellos que acollen 28 oficinas de turismo da Rede Info Rías Baixas para subvencionar os gastos de persoal. A institución provincial, tal e como explicou a presidenta, “asume tamén gastos de vestiario, de sinalización e material divulgativo destas oficinas para crear un servizo en rede intelixente, que suma sinerxías, eficaz, de calidade e cunha imaxe común do destino de cara ás persoas visitantes que se achegan ás oficinas de turismo na procura de información”.

“A provincia de Pontevedra vai como un tiro, rexistra os mellores datos turísticos de Galicia, grazas a esta administración que leva sete anos facendo un grande traballo, que cre na provincia, traballa en positivo e apoia aos concellos” explicou Carmela Silva, quen engadiu que o esforzo é compartido co “sector privado e os municipios que fan un labor indispensable para promover un destino que é un tesouro”. A presidenta remarcou que “os datos avalan que imos polo bo camiño” e recordou que fai tres anos arrancou o proxecto da Rede Info Rías Baixas, con 13 oficinas que hoxe son xa 28. Tamén adiantou que a partir do verán as oficinas da rede contarán con tótems dixitais para prestar servizos personalizados ás persoas visitantes. “Trátase de moito máis que dixitalizar  xa que empregaremos a tecnoloxía big data para coñecer o comportamento das persoas que asisten ás oficinas de turismo, o que nos permitirá orientar e planificar a promoción do noso destino dunha forma máis intelixente”.

Sendeiros azuis

A presidenta tamén amosou a súa alegría tras ter coñecido que a provincia de Pontevedra é a líder do Estado en sendeiros azuis. “Dos 29 que ten Galicia, aquí temos 19. As medallas son desta provincia e teñen moito que ver co que fan os concellos e co que fai esta administración provincial”. Carmela Silva recordou que “xa no 2016 puxemos en marcha un proxecto de acondicionamento dos sendeiros azuis, no que investimos preto de 200.000 €, para impulsar a súa excelencia medioambiental e revitalizalos con elementos de sinalización, mobiliario, reparando e acondicionando sendas, restaurando fontes, realizando actividades de promoción e impulsando o aforro enerxético”.  E concluíu resaltando  que “somos a provincia máis innovadora, dinámica e comprometida coa sostibilidade e isto reflíctese en todos os datos. Non hai estudo onde a provincia de Pontevedra non apareza liderando todo o bo”.

Famtrip “Camiños do Sur”

Na aposta do goberno provincial polo turismo experiencial e no marco do proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular” e da exposición “Camiños do Sur”, esta semana un grupo de bloggers están a desenvolver un famtrip pola provincia. Trátase, tal e como informou a presidenta, de “poñer en valor os recursos turísticos e a historia, gastronomía, etnografía e forma de vida dos espazos polos que transcorre o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa”.

O famtrip está a percorrer Tui, A Guarda, Baiona, Redondela, Cuntis e Caldas e nel participan Alberto Ribas de Alvientooo, Eva Abal de Una idea, un viaje, Dani Keral de Un viaje creativo e Leticia Prieto e Alberto de Trucos viajeros. Elas e eles contan nos seus blogs con máis de 1,5 millóns de persoas lectoras e durante este famtrip xeraron xa máis de 4 millóns de impactos, compartiron máis de 160 stories, fotografías e vídeos en Instagram e máis de 400 tuits cos hasthag #LoveRiasBaixas, #caminosjacobeosdeloestepeninsular e #CamiñosDoSur.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.