Unha gran gala de patinaxe estrea o renovado pavillón das Touzosas financiado co Plan Concellos

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña, asistiron á inauguración en Valeixe e expresaron a súa satisfacción polo cumprimento dunha demanda histórica da veciñanza

16/07/2022

Touzosas

A parroquia de Valeixe, no Concello da Cañiza, celebrou este sábado a súa gran Gala de Patinaxe con motivo da inauguración da nova cuberta do pavillón das Touzosas, financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña, asistiron ao acto celebrado esta tarde coas exhibicións individuais, por parellas e grupais da Asociación Deportiva Sobre Rodas, e expresaron a súa satisfacción polo cumprimento dunha demanda histórica da veciñanza. A reforma da cuberta foi unha das prioridades marcadas polo actual goberno da Cañiza, e obtivo financiamento provincial cunha achega próxima aos 120.000 €. Con estas obras, a Deputación atendeu unha demanda longamente esperada na vila e avanza así na súa aposta por dotar todos os concellos de equipamentos de calidade para garantir que a veciñanza teña acceso a servizos e instalacións públicas de primeiro nivel viva onde viva, como garantía da calidade de vida da veciñanza e tamén con vistas á fixación de poboación na provincia, especialmente nos concellos máis pequenos e de carácter rural que máis sofren o éxodo.

O pavillón das Touzosas é un equipamento de vital importancia para a parroquia de Valeixe. Co gallo da súa proximidade ao CEIP Touzas-Valeixe, o edificio é empregado para a práctica deportiva e, ademais, tamén polo club Reviravoltas. A través das obras, se remata coas carencias do edificio, de 1976, que presentaba un serio deterioro na cuberta por mor das deficiencias do deseño orixinal e polo tempo transcorrido, amais das filtracións de auga, manchas de humidade ou o incumprimento do código técnico de prevención de incendios.

De feito, procedeuse á substitución integral da cuberta, á colocación de “paneis tipo sándwich” de 5 centímetros de grosor, novos canalóns e baixantes, á retirada e limpeza dos restos do inxectado da espuma de poliuretano, á aplicación de pintura protectora e resistente á humidade nas vigas e pilares metálicos, así como ao embelecemento da cara interior da nova cuberta cunha chapa de aceiro perforada prelacada con panel flexible interior de lá de vidro hidrofugada.

Os resultados supoñen unha mellora na funcionalidade do equipamento, acabando coas goteiras sobre a pista de xogo e as filtracións aos muros; tamén en estética, solucionando o mal aspecto que ofrecía con anterioridade; e en climatización, xa que a utilización de materiais illantes como o panel sándwich ou a lá de vidro garanten unha temperatura máis estable, así como o aforro en consumo enerxético. Do mesmo xeito, as obras financiadas pola Deputación supoñen un aforro económico ao concello, que non terá que seguir facendo fronte ás reparacións periódicas que viña asumindo ano a ano no pavillón.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.