A Deputación deseña o Plan de Enogastronomía para converter á provincia nun territorio de excelencia

O Plan provincial, que contou coa participación do sector e está aliñado co Plan Nacional de Turismo Gastronómico, presentarase á convocatoria dos Fondos Next Generation

05/05/2022

Mesa de Turismo. Fondos Next Generation

O goberno da Deputación de Pontevedra ven de deseñar o Plan Provincial de Desenvolvemento Turístico do Destino centrado na Enogastronomía que se presentará á convocatoria dos Fondos Next Generation e que ten por obxectivo contribuír ao desenvolvemento económico fixando poboación no rural a través dunha iniciativa multiexperiencial que quere converter á provincia nun destino sostible, dixital, integrador e innovador e nun territorio de Excelencia. O traballo contou con un amplo proceso participativo onde o sector público e privado estivo activamente implicado e que se perfilou hoxe na reunión da Mesa Provincial de Turismo. No encontro,  presidido por Carmela Silva e no que participaron, entre outras persoas, o presidente do Clúster de Turismo, deputada e concelleiras de Vigo, Pontevedra e Poio, a directora do Aeroporto de Peinador e representantes da Ruta do Viño, Turismo de Sanxenxo, FEPROHOS e dos CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo), déronse a coñecer as principais liñas da proposta, que está aliñada co Plan Nacional de Turismo Gastronómico.

A presidenta da Deputación incidiu na importancia de que “falamos dun proxecto conxunto, dun plan moi diverso e plural, que parte do consenso entre o sector público e o sector privado, dando resposta a este territorio que é unha forza da natureza enogastronómica. Temos que ser ambiciosas e ambiciosos, sinalou, porque a nosa provincia conta con elementos para poder selo e sentirnos moi orgullosas e orgullosos”.

O plan baséase na transición verde, na competitividade, na transición dixital e na eficiencia enerxética para converter á provincia nun destino enogastronómico que promova o desenvolvemento económico tanto dos concellos como do sector privado relacionado coa cadea de valor enogastronómica, desde a produción ata a transformación do produto, e a creación de experiencias turísticas. “As persoas turistas –remarcou Carmela Silva- buscan experiencias, emocións, contacto coa natureza, coa historia, co que identifica aos lugares ata onde se desprazan. A xente quere moverse, vivir cousas, ter coñecemento e involucrarse e nós temos moitas opcións que ofrecerlle, dende logo, todo o que ten que ver coa enogastronomía é fundamental. Este plan conta con iniciativas diferentes, moi diversas, multiexperienciais e traballadas conxuntamente que conforman unha idea turística moi potente para a provincia”. Así, o Plan contempla accións co sector privado, tanto da hostalería como das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas que operan na provincia, sexan do eido da economía circular ou do impulso de iniciativas turísticas. Tamén prevé actuacións e investimentos como a sinalización de recursos enogastronómicos e accións de dixitalización e creación de produto.