Recepción ao Equipo Minibasket do Estudiantes de Pontevedra no Pazo Provincial

13/06/2022

Club estudiantes baloncesto

Oito xogadores e tres xogadoras do Equipo Minibasket do Club Baloncesto Estudiantes de Pontevedra foron recibidos hoxe no Pazo Provincial, onde a presidenta Carmela Silva afirmou que son “un orgullo para a provincia”, tras obter o campionato galego da súa categoría cun conxunto mixto.

Pola súa banda, o deputado Gorka Gómez quixo destacar o traballo que leva desenvolvendo o club pontevedrés no eido do deporte base e como “exemplo da igualdade” en todo o proxecto de club.  “As diferencias venas algúns, porque a vista está que se pode conseguir un título como este cun equipo mixto”, engadiu. Gómez subliñou tamén a obriga que para a Deputación é o apoio ao deporte base “con axudas e visibilizando os éxitos para que os nenos e nenas da provincia fagan deporte, o que sexa, polos valores que transmite”.

Este é, como sinalou o seu presidente, Miguel Ángel Barreiro, o primeiro equipo do club que consegue un campionato galego e o fixo con este conxunto mixto: “Costounos moito,  houbo que pelexar coa federación galega para que competise; esperamos que estas iniciativas sigan en máis categorías”. Tanto Barreiro como a adestradora Rosa Crespo, agradeceron o apoio da institución provincial e Crespo destacou que o club está “crecendo moito grazas á xente coma esta e ás súas familias; creo que estamos indo pola vía boa”. No acto interviñeron as tres xogadoras do equipo, Sabela Solla, Daniela Cal e Carla Sanmartín, que agradeceron poder xogar cos seus compañeiros esta tempada “inexplicable e marabillosa” co éxito dun equipo mixto “que non é o máis común”, así como o capitán Fernando Fariña e os xogadores Mateo Refojo e Bruno López, que subliñaron que este ano gañaron todos os seus partidos, 22.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.