A Deputación recoñece o esforzo e o compromiso dos clubs de elite masculinos para situar á provincia como referente do deporte no estado

Representantes do Pontevedra C.F, GD Supermercados Froiz, Sociedade Ximnástica, Coruxo, Club Balonmán Cangas, AMFIV, Club Ciclista Rías Baixas, Tenis de Mesa Monte Porreiro-Visit Pontevedra e Bádminton Ravachol agradeceron a axilidade na tramitación das axudas

27/03/2023

Os clubs de elite masculinos da provincia no Pazo Provincial

Os clubs de elite masculinos da provincia estiveron hoxe no Pazo Provincial para recibir o recoñecemento público da Deputación da man do responsable da área de Deportes, Gorka Gómez: “Queremos darvos as gracias polo voso esforzo e compromiso, que leva posicionando á provincia como referente do deporte a nivel nacional, e desexarvos todos os éxitos”. No acto participaron Marcos del Río, directivo do Pontevedra C.F.; Ana Portela, directora deportiva do GD Supermercados Froiz; Charo Castro, presidenta da Sociedade Ximnástica de Pontevedra; Gustavo Falque, vicepresidente do Coruxo C.F; Alberto González, presidente do Club Balonmán Cangas; Santiago Picallo, presidente do Cisne; José Antonio Beiro, presidente do Club AMFIV; José Luis Chamorro, presidente do Club Ciclista Rías Baixas; Fernando Álvarez, director deportivo do Tenis de Mesa Monte Porreiro-Visit Pontevedra; Enrique Vaz, presidente da Asociación Deportiva Punta Fondón e Jesús Pereiro, director técnico do Bádminton Ravachol.

No acto puxéronse en valor os logros dos equipos “por un esforzo encomiable día a día para sacar adiante os clubs cun grande compromiso social”. Lembrouse que a provincia de Pontevedra é xa un referente estatal con distintos éxitos e coa representación de máis de 700 clubs de distintas disciplinas, e 280 deportistas becados coas achegas DepoDan e DepoPromesa, e o deputado destacou como “unha obriga da Administración provincial” a necesidade de adiantar o pago das achegas que reciben ata o primeiro trimestre “que é cando é necesario” e tamén a necesidade de seguir establecendo a colaboración público privada “con empresas que fagan posible ese salto de calidade” para que os equipos sigan conseguindo os seus obxectivos. Amais, fixo un chamamento para o apoio da afección en aqueles que estar a atravesar momentos máis complicados, como o Pontevedra CF ou o Coruxo.

Preto de 800.000 euros no apoio ao deporte na provincia

Os clubs de elite masculinos da provincia recibiron este 2023 da Deputación 585.000 euros en achegas, que sumados aos concedidos aos clubs femininos suman un total de 776.000 euros cos que a institución provincial continúa a impulsar o deporte na provincia. As e os representantes dos distintos clubs agradeceron de xeito especial o apoio da Deputación. Marcos del Río destacou a este respecto que no Pontevedra “somos orgullosos portadores  da Deputación na nosa camiseta e neste ano complicado vaise intentar todo o posible ata o final para salvar a situación e seguir facendo do Pontevedra un referente”. “Grazas por estar sempre aí –sinalou Charo Castro- cunha axuda que sempre se distribúe en todo o club e serve para financiar tamén desprazamentos da base. Estamos a piques de empezar a tempada e o obxectivo é loitar pola permanencia que creo que non vai haber problema”. Ana Portela coincidiu en que este apoio provincial “permítenos seguir sendo un equipo competitivo e seguir facendo historia no ciclismo amateur español”.

Tanto Jose Luis Chamorro , do Club Ciclista Rías Baixas, como Fernando Álvarez, do Bádminton Ravachol, destacaron a axilidade da administración provincial no adianto das achegas que reciben. O primeiro, cuxo club está de segundo na Copa estatal, indicou que o comezo da tempada é o máis complicado e “para nós que sexan das primeiras administración onde recibimos a axuda é fundamental, por ser un momento clave; o foi incluso na pandemia”. Pola súa banda, Álvarez, lembrou que este equipo do barrio pontevedrés vén de conseguir o terceiro posto na Copa do Rei “e posiblemente poidamos entrar en Europa”. “Sentímonos súper valorados por la Deputación –dixo-, sen a cal non poderíamos facer o que estamos a facer. E sobre todo polo adianto do diñeiro; sen iso non poderíamos funci0nar. Que en marzo teñamos ese diñeiro, que é o 25% do noso orzamento é fundamental”, como tamén, engadiu, a posibilidade de adestrar en Príncipe Felipe. Este adianto dos fondos tamén foi destacado por Jesús Pereiro, quen lembrou que este apoio “fundamental” axudou a conseguir o obxectivo de manter o equipo na División de Honra, e por Alberto González, do Club Balonmán Cangas, que lembrou que o adianto do pago das axudas “foi moi importante para impulsar a actividade dos nosos clubs”. Pola súa banda, Santiago Picallo, do Cisne, lembrou que este respaldo das institucións “é fundamental”, especialmente tamén para o traballo cos equipos de base: “Que saibamos con que recursos contamos é imprescindible e esta é a administración que mellor o fai”.

José Antonio Beiro, do club AMFIV, quixo poñer de relevo tamén a sensibilidade da institución “por entender e valorar as peculiaridades do noso deporte, tanto polo feito de ser para persoas con discapacidade e tamén por ser mixto: “Foi a primeira administración que o entendeu e se implicou en aupar un deporte mixto na provincia e valoralo na subvención. Esta administración é algo especial non só pola parte política senón tamén administrativa”. Pola súa banda Gustavo Falque reiterou a importancia do labor da Deputación en todo o que ten que ver co deporte “é un estandarte que levamos todos, e a liña a seguir é a súa”. “Vivimos unha época complicada –engadiu- a nivel económico y dependemos que de que as administracións públicas sexan sensibles á realidade para levar adiante os nosos problemas, tanto na elite como na base, porque ese é po futuro e en ambos temos que traballar duramente”. E Enrique Vaz, presidente da Asociación Deportiva Punta Fondón, recentemente ascendido, agradeceu tamén o compromiso provincial “e intentaremos deixar o nome da Deputación e de Pontevedra o máis arriba posible”.

Galerias de imaxes