A Deputación e o concello de Silleda planean enlazar con 1,3 km de sendas peonís todo o frente do centro urbano de Silleda, entre o cruce de Toiriz e a rotonda da N-525

“Modernícense un pouquiño: hai 6 anos que a Deputación non fai “aceriñas”; agora executamos sendas peonís de 2,50 metros de ancho e sen barreiras arquitectónicas”

29/04/2022

Silleda Rotonda

A totalidade da fachada urbana de Silleda ao longo da estrada provincial EP-7201 quedará dotada con itinerarios peonís seguros unha vez que a Deputación complete a planificación para executar sendas de interconexión nos tramos entre a rotonda da N-525 (gasolineira), a que se está a executar nestes intres e a rotonda do instituto Pintor Colmeiro. A actuación prolongarase aínda, en sentido Forcarei, ata o cruce de Toiriz, co obxectivo de dar servizo ás vivendas desta zona. Unha gran obra que abrangue un total de 1,3 Km e cuxo proxecto xa está a ser redactado pola Deputación en colaboración co Concello de Silleda.

O anuncio foi realizado polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, durante o Pleno da Deputación celebrado hoxe venres e no que respondeu a unha moción presentada polo grupo provincial do PP na que se demandaban tan só 430 metros de beirarrúas entre o cruce de Toiriz e a rotonda do instituto de Secundaria. Gregorio Agís afeoulle ao PP que presente este tipo de mocións “de oportunismo barato” porque alguén lle deu “o chivatazo” de que os técnicos do servizo de Infraestruturas estiveron reunidos co alcalde, Manuel Cuíña falando deste tema, “pero o problema é que quen lle foi co conto ao PP silledense non coñece toda a información”.

Agís aconsellou aos populares que “se modernicen un pouquiño” “porque hai 6 anos que a Deputación deixou de facer “aceriñas” con bordillos e lousetas para executar sendas peonís sen barreiras arquitectónicas e cun ancho mínimo de 2,50 metros”. “Nunca máis imos facer aquelas “aceriñas” que facía Louzán e que ían en contra xa non dun modelo de mobilidade do século XXI, senón dun modelo do século XX, porque eran “aceriñas” das do século XIX”. Agís definiu a moción como “un puro exercicio de curtopracismo político”  que se salda coa contradición de que se reclama algo moito menos ambicioso que o que xa está proxectado. Ademais, lembroulle ao PP que o anterior presidente da Deputación, Rafael Louzán, non investiu un euro nas estradas provinciais de Silleda, que estaban completamente abandonadas. A situación actual é ben distinta, pois hai poucos meses vén de rematar “unha radical transformación” da rúa do Centro de Saúde e o Centro de Maiores, tras un investimento provincial de 448.552 euros. Unha obra que a Deputación está a complementar, a petición da veciñanza de Silleda, coa nova rotonda de acceso ao cemiterio e o parque das Pedrosas. Toda a contorna quedará rematada trala execución dos 1,3 Km de sendas peonís en toda a fronte urbana.

Agís recalcou que nestes últimos 6 anos fíxose máis pola seguridade viaria en Silleda que nos últimos 40 anos. Así, a modo de repaso, recordou os 123.602 euros investidos na dotación de cunetas tendidas e elementos de seguridade na antiga estrada EP-6509 Escuadro-Silleda; os 600.000 euros da reforma da EP-6518 fronte ao novo centro xeriátrico ou os 233.053 euros da pavimentación da EP-7201, que vai a Cachafeiro. Neste senso invitou ao PP a preguntar polas actuacións previstas pola Xunta de Galicia na estrada autonómica de Laro, “pola que é imposible camiñar e que, ademais, ten un asfalto mellorable e non nos consta que haxa actuacións previstas”.

Avances nas obras da rotonda

Por outra banda, Gregorio Agís informou de que as obras da rotonda, valoradas en 255.175 euros, están xa moi avanzadas e serán inauguradas en cuestión de poucas semanas. A glorieta, que supuxo tamén a retirada da vella pasarela sobreelevada que, polas súas pendentes, constituía unha barreira arquitectónica e un obstáculo visual, supón un novo paso na mobilidade integral en toda esta zona, reforzando a prioridade das persoas que camiñan. De feito, o deputado invitou a comprobar como o deseño xa inclúe o arranque das futuras sendas peonís, que terán continuidade cara ambos lados. “É unha obra que, xa por si soa, supón un antes e un despois nesta zona do centro de Silleda”, afirmou.

O deputado aplaudiu a aposta pola planificación da mobilidade do Concello de Silleda que comezou coa aprobación do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) gracias a unha subvención da Deputación. No PMUS xa quedaron definidas as liñas mestras das actuacións en materia de seguridade viaria, entre elas o proxecto do Camiño Escolar seguro ao instituto Pintor Colmeiro, que tamén está previsto executar no futuro ao longo da rúa Silleda (EP-6517) e que o propio Concello presentou á candidatura dos fondos europeos DUS5000.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.