O Museo publicará tres vídeos sobre os achados das escavacións arqueolóxicas en Santa Clara

A primeira peza está a disposición nas redes sociais da Deputación

06/09/2022

O Museo de Pontevedra vai publicar tres vídeos sobre os achados das escavacións arqueolóxicas que se están a realizar en Santa Clara. A primeira peza está xa a disposición do público nas redes sociais da Deputación e do Museo e dá conta do que as catas están a desvelar: novas construcións, elementos estruturais, e varias zonas de enterramentos con información valiosa para comprender a evolución do convento ao longo do tempo.

As producións audiovisuais estanse a producir grazas ao contrato asinado polo Museo coa unión temporal de empresas ‘Citania+Prospectiva+Gabinete’. É o director da intervención, Rafael Rodríguez Martínez, o que vai narrando o traballo que se está a realizar: afondar no estudo dos máis de 15.ooo metros cadrados do conxunto histórico artístico do convento, con máis de 60 sondaxes nunha superficie de aproximadamente 700 metros cadrados.

Con imaxes das escavacións, na primeira produción (de tres minutos aproximadamente), explícase que se iniciaron os labores pola zona leste do convento, onde se abriron catro sondaxes. Nunha delas atopouse –relata Rodríguez- un enlousado dun edificio xa desaparecido do século XVI ou XVII; noutra unha canle de pedra para abastecer de auga os diferentes terreos do convento e, por baixo, a dous metros de profundidade, cinco tumbas das que se escavaron tres. Nun deses enterramentos había restos humanos moi deteriorados. Tamén se relatan os traballos na zona sur e oeste, abrindo diferentes sondaxes para ver as estruturas que poidesen aparecer, onde saíron á luz algúns restos dos que aínda é difícil determinar procedencia e datación.

O máis sorprendente do aparecido ata o de agora, revela o arqueólogo xefe, é o achado na zona norte do claustro: unha vez levantado o cemento que recubría a área documentáronse ata 26 tumbas das que se escavaron dez e nas que se atoparon restos humanos, nalgúns casos en bo estado e outros feitos realmente pó. Tamén se recollen os achados da zona da portería, onde se escavaron cinco tumbas e tres caixas de madeira, algo excepcional en Galicia, en cuxo interior tamén había restos humanos

 

videos

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 20 resultados.