Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local

Desde o ano 1999, no que a Deputación contou por primeira vez con axentes de emprego e desenvolvemento local, ata hoxe leváronse a cabo distintos proxectos cun importante coñecemento do mercado laboral provincial, formuláronse multitude de actividades dirixidas á dinamización do mercado e mellorouse a empregabilidade das persoas.

En 2015, por acordo do pleno da Corporación provincial, creouse o Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local para agrupar tanto as persoas que traballan na promoción do emprego e desenvolvemento local nesta institución coma as diversas iniciativas e programas que se estaban realizando nestas materias noutros servizos.

Dentro das políticas activas de emprego que se impulsan desde a Comunidade Europea, neste Servizo trabállase no ámbito do emprego desde estas áreas:

  • Área de Orientación e Procura de Emprego: Desenvolven medidas dirixidas a mellorar a eficiencia na procura de emprego como un primeiro paso para determinar a formación que, segundo o perfil de cada persoa, se require para a súa integración no mercado laboral.
  • Área de Formación para o Emprego: Nesta liña de traballo a prioridade do servizo é, por unha banda, consolidar a realización de accións formativas que acrediten as persoas con certificados de profesionalidade, independentemente da entidade que financie os cursos, e, por outra, crear un observatorio formativo que permita dotar de profesionais cualificados aquelas áreas territoriais que o demanden.
    É un dos eixes fundamentais da estratexia que esta institución levará a cabo no ámbito da creación de emprego e que abarcará medidas coma iniciativas de formación para persoas desempregadas (AFD, obradoiros) e de experiencia laboral.
  • Área de Información e Asesoramento a Emprendedores: Nesta área trabállase para fomentar a cultura emprendedora, estimular o autoemprego e asesorar para a creación e posta en marcha dun negocio.

información

  • Pazo provincial
  • Avenida de Montero Ríos, s/n - 36071
  • +34 986 804 100
  • promociondoemprego@depo.es