A Deputación xestiona 1,1 millóns de euros para a conservación da biodiversidade, o uso de vehículos eléctricos e reducir a fenda dixital

O goberno provincial completará estas axudas con 300.000 euros de recursos propios para protexer a flora e fauna na desembocadura do Miño, instalar puntos de recarga de coches en centros da Deputación e para formar en novas tecnoloxías á veciñanza de cinco concellos

13/10/2023

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aproba tres proxectos relacionados coa conservación dos hábitats na franxa marítimo terrestre do espazo transfronteirizo entre a provincia de Pontevedra e Viana de Castelo, coa instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos en centros da Deputación e a posta en marcha dun hub para a loita contra a fenda dixital. Tres plans que contan co apoio económico da Unión Europea e o Goberno de España, que achegan un total de 800.000 euros, e que se complementan co investimento de 300.000 euros de fondos propios da Deputación de Pontevedra.

O proxecto Biocosteiro-Conservación da biodiversidade en hábitats costeiros galaico-portugueses para promover e lograr un desenvolvemento equilibrado das economías locais ten como obxectivo mellorar a conservación destes hábitats a través da redución da presenza de especies invasoras, promover actividades económicas locais como o turismo ou o desenvolvemento de acción de sensibilización entre escolares e a sociedade en xeral.

O orzamento desta iniciativa alcanza os 750.000 euros financiados a cargo do programa de cooperación interrexional POCTEP 2021-2027. A Deputación é o beneficiario principal desde proxecto e supera os 350.000 euros, dos que este programa financia o 75 %, uns 262.500 euros.

Para a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos en centros dependentes da Deputación, o goberno provincial recibe 290.000 euros procedentes do programa Moves III, financiado cos fondos europeos Next Generation. Un investimento que servirá para fomentar a mobilidade sustentable a través da instalación de dous puntos de recarga no Centro Príncipe Felipe, tres na Estacion Fitopatolóxica do Areeiro, dous dobres no Viveiro de Empresas de Barro, tres dobres e dous simples no Parque de Maquinaria, dous na Finca Mouriscade e un punto dobre no Viveiro de Empresas de Lalín.

O terceiro dos plans está relacionado co reto demográfico do rural, para o que se pon en marcha un “Hub para a loita contra a fenda dixital e a sociedade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”. O proxecto conta cun orzamento de 500.000 euros dos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico aporta 280.000 euros e a Deputación os 220.000 euros restantes.

A iniciativa porase en marcha cun programa piloto nos concellos de A Illa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña. Unha vez firmados os convenios con estes cinco concellos, o primeiro paso será a posta en marcha dunha plataforma innovadora de formación que constará de cinco fases: a posta en marcha das aulas virtuais, a posta en marcha da plataforma de formación activa e contidos dixitais, a realización dunha experiencia formativa e interna, a entrega dun libro blanco de servizos dixitais e a xestión de datos a través da Big Data.

“Queremos mellorar a calidade de vida dos habitantes do rural da provincia e iso conséguese garantindo o seu acceso ás novas tecnoloxías”, sinalou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sobre a importancia deste proxecto. 

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.