“A astronauta de campo” da bailarina Mónica Cofiño chega a Caldas de Reis da man do programa da Deputación “Violencia Zero”

A performance reivindicou a liberdade, o amor e os bos tratos en contraposición coa violencia machista que sofren milleiros de mulleres cada día

12/05/2022

Violencia Zero Caldas  

A bailarina Mónica Cofiño chegou ao concello de Caldas de Reis para poñer en escena a performance "A astronauta de campo" coa que transportou ao público presente no Auditorio Municipal a outro universo a través dunha vídeo-instalación escénica. A performance estivo enmarcada no programa da Deputación "Mulleres en Acción. Violencia Zero" a través do que a artista reivindicou a liberdade, o amor e os bos tratos en contraposición coa violencia machista que sofren milleiros de mulleres cada día. Fíxoo ante a deputada de Igualdade, Victoria Alonso; o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey; e alumnado de 2°, 3° e 4° da ESO do CPR Plurilingüe San Fermín, do CPI Plurilingüe Alfonso VII e do IES Aquis Celenis entre os que se repartiron as bolsas de tea que a Deputación realizou con motivo deste programa provincial.

A acción comezou cun vídeo no que se podía ver á propia Mónica Cofiño, ataviada de astronauta, descubrindo os lugares e as persoas que habitan Caldas de Rei, para ao seu remate percorrer o escenario do auditorio co seu traxe de astronauta levando nas súas mans unha gaiola na que portaba caracois, uns animais que co seu corpo e cornos lembran a figura dos extraterrestres que existe no imaxinario colectivo. Mentres tanto a artista expresaba os seus sentimentos con frases como "estou soa e confío na miña forza. Debería escoitarme con máis respecto", coa que fixo ante o alumnado unha reflexión baseada no empoderamento feminino tan necesario para loitar contra a lacra da violencia machista.

Logo desprendeuse da roupa de astronauta e deitouse no chan interactuando cos caracois. Para que o público puidera ver estes animais a gaoila contaba cunha cámara que transmitía en directo o movemento dos mesmos nunha pantalla situada no fondo do escenario. A artista interactuou co público a través de elementos como verzas, follas secas e lume lanzando reflexións sobre o amor e a liberdade. Ademais, unha vez finalizada a acción xuntas e xuntos analizaron a peza nun coloquio no que se puxo en valor a importancia da danza á hora de reivindicar o corpo das mulleres e darlle importancia alén da sexualización.

Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia e Moaña esta foi a décimo primeira acción da VII edición de "Violencia Zero" coa que a Deputación continuará a expandir a loita feminista noutros dezanove concellos da provincia baixo o lema "Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!". Así, este ano o programa continuará visibilizando o talento das mulleres con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico-culturais en A Guarda, Fornelos, As Neves, Redondela, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 21 resultados.