A Deputación dá un novo impulso á estrada de Puxeiros presentando ao concello de Mos o proxecto da segunda fase das obras

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, destaca que o importe final deste novo tramo “dunha obra especialmente complexa” estará en torno aos 700.000 euros 

11/05/2022

A Deputación de Pontevedra, que xa dispón dun convenio acordado co Concello de Mos para executar as obras do primeiro dos catro tramos da estrada provincial EP-2601 Mos-Puxeiros, deu hoxe un novo paso para continuar avanzando na transformación desta importante vía presentando o avance do proxecto do segundo tramo, que chegará ata Dornelas. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, así llelo expuxo á alcaldesa, Nidia Arévalo, durante a xuntanza celebrada hoxe na sede da Administración provincial en Pontevedra.

O tramo de Dornelas abrangue entre os PQ 2+250 e o PQ 3+550. Contempla a mellora da seguridade viaria incluíndo a creación dunha senda peonil de 2,5 metros de anchura, a renovación integral do firme e a incorporación de redutores de velocidade na calzada, así como pasos de peóns elevados, que irán colocados nos puntos acordados entre a Deputación e o Concello. Ademais, Gregorio Agís comprometeuse a valorar a petición de Arévalo de que se estude a ampliación adicional das paradas de autobús, unha vez que o Concello garanta os terreos necesarios. O importe final deste segundo tramo, á espera dos últimos axustes, estará en torno aos 700.000 euros.

Unha vez concluída a xuntanza deuse xa a orde de facer os últimos axustes no proxecto final desta segunda fase. A Deputación enviará ao Concello as fichas dos 56 terreos afectados polas obras. Gregorio Agís afirma que a reforma integral da estrada entre Mos e Puxeiros é unha obra "especialmente complexa" e que, unha vez acordada esta segunda fase, quedarán aínda por redactar os proxectos das fases de Tameiga e Torroso.

O pasado mes de decembro a Deputación presentou xa o proxecto da primeira fase das obras, dende o comezo da vía ata o PQ 0+600, cun orzamento total de 446.545 euros, dos que a Deputación farase cargo dun 70% (312.582 euros) e o Concello deberá responder do 30% restante (133.963 euros). Este tramo, que coincide co Camiño de Santiago e serve de acceso a servizos e equipamentos como o pazo de Mos, disporá tamén dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho e medidas de calmado de tráfico.

A EP-2601 ten un trazado total de 5.678 metros e a Deputación ten intención de abordar a súa transformación total, no marco do modelo de mobilidade integral e do século XXI que caracteriza tódalas obras que se acometen na rede provincial de estradas. Diante da envergadura da obra acordouse dividila en catro frases diferenciadas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.