A Deputación adxudica por 411.312 euros a mellora da mobilidade peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros

Os traballos desenvolveranse no primeiro tramo da estrada, no Concello de Mos, onde se habilitará unha senda peonil na maior parte dos case 600 metros de actuación

09/12/2022

A Xunta de Goberno da Deputación vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria e peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros, no Concello de Mos, por un orzamento de 411.312 euros e ao abeiro do modelo de mobilidade amable e sostible da institución provincial, “que permite gañar espazo para as persoas”, como destacou a presidenta Carmela Silva . Os traballos serán financiados ao 100% pola Deputación, xa que o 30% que lle correspondía aportar ao Concello no convenio asinado entre ambas administracións para estas obras financiarase a través dunha achega do Plan Concellos 2022-2023.

As obras, cun prazo de execución de seis meses, desenvolveranse nun treito de 580 metros do primeiro tramo da EP-2601 Mos-Puxeiros, na parroquia de Santa Eulalia, concretamente dende o p.q. 0+020 ata o p.q. 0+600. Por esta zona transcorre o Camiño de Santiago polo que ten unha forte presión peonil, que se ve incrementada co acceso ao paseo fluvial e ao parque infantil, á igrexa de Santa Eulalia, á entrada ao albergue para as persoas peregrinas e ao aparcamento e parque do Pazo de Mos. As obras reforzarán a prioridade de paso para as e os viandantes coa execución dunha senda de 2,5 metros de ancho mínimo, desde a intersección do Camiño de Santiago e na maior parte da estrada.

A sección da calzada estará constituída por dous carrís cun ancho mínimo de 3 metros e beiravía na marxe esquerda, e as obras contemplan a ordenación dos espazos e a renovación do pavimento. Colocaranse tres pasos de peóns sobreelevados e instalarase mobiliario como bancos e varanda e renovarase a iluminación mediante o soterrado da liña e da instalación de novos puntos de luz con LED.  Por último, renovarase a recollida de pluviais.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.