A Epic Race exhibe músculo deportivo, turístico e institucional gracias á alianza entre a Deputación e os 18 concellos da provincia polos que pasa a proba

Carmela Silva: “É unha aposta polo rural, onde hai lugares de postal, e polas mellores rías do mundo; temos patrimonio, gastronomía e xente que recibe cos brazos abertos”

26/05/2022

Presentación da Epic Race

A sexta edición da Epic Race, a proba de ultrarresistencia sobre bicicleta todo terreo máis prestixiosa de Galicia, volve durante a próxima fin de semana do 4 e 5 de xuño. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou hoxe o evento acompañada de Josevi Cimadevila, director da empresa organizadora (Global DXT) e representantes dos sete concellos nos que se sitúan as “estacións de paso”: Agustín Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra; Carlos Viéitez, alcalde de Meaño; Ricardo Martínez, alcalde de Portas; José Cela, alcalde de Moraña, David Vidal, concelleiro de Deportes da Lama; José Luis Fernández, alcalde en funcións de Mondariz e Olga García, concelleira de Redondela. A proba, non obstante, transcorre por un total de 18 municipios.

Os xardíns do palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu unha presentación na que quedou claro que a Epic Race é un “escaparate da provincia” e o máximo expoñente do “turismo activo” que a Deputación quere promover no marco dunha estratexia provincial que se resume na campaña “Love Rías Baixas”, motivo polo que a presidenta provincial, Carmela Silva, invitou a tódalas/os participantes a “namorarse desta provincia”, cousa que deu por feita, porque “quen vén a Epic Race, repite”.

A presidenta amosouse encantada da imaxe da Deputación, patrocinador principal, acompañada por concellos de toda a provincia. Administracións públicas traballando man con man coa organización e patrocinadores privados nun exemplo de cooperación: “xuntos somos máis fortes!”, recalcou. Carmela Silva cualificou como “unha gran decisión” o nacemento da Epic Race hai xa seis anos, unha proba “que crece e seguirá crecendo, que responde a un modelo de deporte activo, vinculado ao territorio, e que revelouse como unha oportunidade única de coñecer paisaxes moi fermosas, lugares aos que só se pode chegar a pé ou en bici”.

A titular da Deputación definiu este reto deportivo como “unha aposta polo interior da provincia, polo rural, onde temos unha beleza natural extraordinaria e lugares de postal, pero tamén pola nosa gastronomía con produto de proximidade, polo patrimonio arqueolóxico e arquitectónico e tamén pola nosa xente, que é absolutamente hospitalaria e recibe sempre aos visitantes cos brazos abertos”. E, engadiu, unha aposta polas Rías Baixas, “onde están as mellores rías do mundo, como dixo Pardo Bazán”. Todo elo incardinado nun modelo de provincia no que, recalcou, conxúganse “deporte, turismo, territorio, valores e a nosa autenticidade”.

Agustín Fernández, tenente de alcalde pontevedrés subliñou a forza de Pontevedra como cidade do deporte e subliñou que probas como a Epic Race serven para amosar “tesouros da nosa provincia”. Carlos Viéitez, alcalde meañés, saudou ao primeiro paso da proba polo seu concello, onde se gozará da Ruta dos Muíños. Ricardo Martínez, rexedor de Portas, aplaudiu a escolla de paisaxes do rural como Os Pazos. José Cela, alcalde Moraña, destacou a “veteranía” do seu concello, que repite, e a promoción que supón para a Festa do Carneiro ao Espeto. David Vidal, concelleiro da Lama, falou da oportunidade de achegarse ás fervenzas de Liñares e ás Ermidas. José Luis Fernández, alcalde en funcións de Mondariz, recordou que no seu concello están “as mellores augas” e un balneario “para recuperar forzas”. Finalmente, Olga García, concelleira redondelá expresou a satisfacción polo paso nocturno pola zona vella e desexou sorte a tódalas/os “choqueiras/os” inscritas/os.

300 ciclistas, un 20% deles/as portugueses/as

Un total de 300 ciclistas (preto dun 20% deles portugueses), que reforzarán a ocupación hoteleira durante a primeira fin de semana de xuño, tomarán a saída para enfrontarse ao reto da gran distancia (300 Km ou 200 Km) e a pendente acumulada (8.500 metros ou 5.500 metros), tanto nas modalidades individuais como por equipos. O percorrido transcorre, “despois de moitas horas de traballo”, como remarcou Carmela Silva, polo territorio de 97 comunidades de montes ao longo de 18 concellos da provincia, dos que sete acollen as “estacións de paso” para cronometraxe e avituallamento. Nos seis anos de celebración da “Epic”, son xa preto de 1.400 persoas as que teñen participado no evento.

A carreira, nas súas dúas distancias, ten formato “non stop” e tempos límite de 28 horas e 19 horas respectivamente para completala. Hai categorías masculinas e femininas tanto en individual como en parellas e tamén nos equipos, que poden ser de ata tres ciclistas. A proba está dividida en 7 etapas coa estación de paso ao remate de cada unha: Pontevedra-Meaño, Meaño-Portas, Portas-Moraña, Moraña-A Lama, A Lama-Mondariz, Mondariz-Redondela e, finalmente, Redondela-Pontevedra, que serven para realizar os avituallamentos e facer os controis de paso cos xeolocalizadores. No caso dos equipos serven para a entrega da testemuña. O percorrido non está sinalizado, polo que faise con navegación GPS. A meta e chegada está na avenida de Montero Ríos pontevedresa, fronte ao Pazo Provincial.

Galerias de imaxes

videos

audios