A histórica médica Olimpia Valencia, protagonista en Vigo do proxecto “Aquí faltan páxinas”

A sede da Deputación acolleu o faladoiro da xornalista Ana Fuentes centrado en Olimpia Valencia, primeira licenciada en Medicina de Galicia

23/03/2023

Olimpia

Olimpia Valencia, a primeira muller galega en licenciarse en Medicina no ano 1925, foi a protagonista esta tarde na sede da Deputación en Vigo do programa “Aquí faltan páxinas”, a colección de relatos sonoros que nace da institución e O Cable Inglés para narrar episodios fundamentais da nosa historia protagonizados por mulleres galegas extraordinarias que non sempre aparecen nos libros. A sede provincial no Casco Vello de Vigo vén de acoller a conferencia impartida pola xornalista Ana Fuentes, autora da biografía ‘Olimpia Valencia. Oito décadas de historia desde os ollos dunha pioneira’, á que asistiu a presidenta provincial Carmela Silva.

A vida dunha médica estigmatizada no franquismo

Tal e como relatou Ana Fuentes,  Olimpia Valencia, malia ter pensado cursar Maxisterio, decidiu seguir a súa verdadeira vocación e ingresou en 1919 na facultade de Medicina da Universidade de Santiago. O seu expediente inclúe 19 matrículas de honra e o premio extraordinario de licenciatura, e en 1925 converteuse na primeira muller galega en obter a licenciatura. Quixo especializarse en Pneumoloxía, pero cedeu ás presións familiares e á influencia dos catedráticos, que pensaban que tiña que dedicarse a cuestións relativas á maternidade –ademais, estaba mal visto que unha muller tratara a homes–, e inclinouse por Xinecoloxía.

O episodio máis negro da súa historia tivo lugar en 1937, cando foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil acusada de pertencer ao Partido Galeguista (o cal negou) e de ter trato con xente de esquerdas. Previamente a iso, en 1931 encabezara un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas da provincia e outro en 1936 a prol do si no plebiscito do Estatuto Galego, ambos asinados exclusivamente por mulleres. Foi unha muller de inquietudes culturais e con relación con recoñecidos intelectuais do seu momento, pero tralo seu paso polo cárcere e as acusacións de ‘roja’ non se puido liberar do estigma e moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Refuxiouse na súa vida familiar e no seu traballo, que continuou realizando ata con máis de oitenta anos.

Ademais do faladoiro desta tarde, a Deputación tamén publicou xa o episodio do podcast "Aquí faltan páxinas" (dispoñible nas principais plataformas de streaming de audio e no sitio web da institución provincial) e un roteiro virtual que inclúe puntos da provincia importantes na biografía de Olimpia Valencia, neste caso centralizados todos eles na cidade de Vigo: o Hotel Roma que abriron a súa nai e o seu pai, a Academia Minerva onde preparou o Maxisterio, as súas consultas nas rúas Príncipe, Velázquez Moreno e Uruguai (onde tamén residiu), a antiga sede da Filharmónica da que foi socia, o desaparecido Frontón Vigués na rúa María Berdiales, o Náutico de Vigo onde impartiu unha conferencia nas súas ‘vodas de ouro’ como profesional da medicina, a rúa co seu nome en Canido onde tiña unha casa, o Edificio Olimpia Valencia no Campus e o futuro centro de saúde, tamén co seu nome, que comezará a funcionar en 2024 na antiga sede da Audiencia Provincial da rúa Lalín.

“Aquí faltan páxinas” naceu cun dobre obxectivo: contar toda a historia, xa que faltan moitas páxinas por escribir, e rescatar as referentes femininas para paliar o alarmante déficit. A historia constrúese a través dunha visión nesgada, xa que non se teñen en conta as contribucións das mulleres ao desenvolvemento da humanidade, malia que xunto aos homes sempre foron axentes activas que participaron no cambio social e xeraron coñecemento. A primeira antoloxía acolle 12 episodios, un por mes, para pór en valor os logros de 12 grandes mulleres con relación coa provincia: María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestida Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa.

Galerias de imaxes

videos