A Aceleradora de Turismo da Deputación arranca este xoves con oito proxectos emprendedores

Participarán persoas de Baiona, Moaña, Nigrán, Pontevedra, Tomiño e Vilagarcía de Arousa que desde este xoves e ata o 16 de febreiro recibirán de xeito telemático formación especializada para impulsar ou consolidar os seus proxectos

13/12/2023

Aceleradora de Turismo

A Aceleradora de Empresas do Sector Turístico que promove a Deputación de Pontevedra a través de SmartPeme comeza este xoves, 14 de decembro, coa participación de oito proxectos emprendedores vinculados aos concellos de Baiona, Moaña, Nigrán, Pontevedra, Tomiño e Vilagarcía de Arousa. Trátanse de axencias de viaxes, blogs de información turística, establecementos hoteleiros e experiencias gastronómicas, en fase temperá de desenvolvemento ou cun alto potencial de crecemento, que pretenden a través do completo programa formativo da Deputación reorientar ou poñer en marcha a súa actividade en liña. 

Arturo Lorenzo, de Baiona, participará na Aceleradora de Empresas do Sector Turístico con Nacamar, un proxecto centrado en recuperar un inmoble protexido mediante a posta en marcha dun establecemento hostaleiro; Patricia Cortizo, de Moaña, pretende realizar unha mellora interna do Hotel Bienestar de Moaña, co obxectivo de proporcionarlles aos hóspedes unha experiencia única de benestar na contorna da ría de Vigo; Ángeles Paz, de Nigrán, impulsar a axencia de viaxes Rekunchos, centrada na riqueza cultural, tradicional e gastronómica do rural da provincia; Sonia Márquez, de Tomiño, acelerar This is Galicia unha axencia que aposta por atoparlles plans de viaxe adaptados ás persoas a través dun proceso innovador de coñecemento das necesidades do cliente; e Elida Rey, de Vilagarcía de Arousa, impulsar o seu blog Enxebreworld, no que publica artigos sobre lugares para visitar en Galicia.

Ademais, na Aceleradora de Empresas do Sector Turístico participan outras tres iniciativas da cidade de Pontevedra. Sabela Gippini con Galiwonders, unha axencia de viaxes en liña especializada no Camiño de Santiago; Marcos Sánchez con É Restaurantes, unha experiencia gastronómica distinta e accesible centrada en produtos de proximidade; e Elena Vitoria con Salmoira, unha proposta cuxo principal obxectivo é a creación dun novo tipo de turismo gastronómico: o turismo de sal.

Desde este xoves e ata o 16 de febreiro estas oito iniciativas emprendedoras participarán nun completo roteiro formativo telemático centrado no uso das tecnoloxías de información e comunicación no sector turístico. Así, afondarán en técnicas para mellorar a estratexia de imaxe dos seus proxectos e recibirán asesoramentos individuais con persoas especializadas en turismo e TIC sobre imaxe dixital, tecnoloxía, competitividade e turismo. O programa rematará cun “Demo Day” onde todos os proxectos que finalizaron con éxito a súa participación na aceleradora poderán presentarse ante o público e establecer sinerxías.