A Deputación impulsa unha nova aceleradora para empresas turísticas da provincia

A institución provincial escollerá oito proxectos empresariais que recibirán, a partir do 14 de decembro, dous meses de formación no uso das novas tecnoloxías de comunicación

03/12/2023

Aceleradora para empresas turísticas da provincia

O Goberno de Luis López acaba de abrir o prazo para participar, no marco do proxecto “SmartPeme”, na sexta edición da Aceleradora de Empresas do Sector Turístico, que se desenvolverá de xeito telemático. O programa, que comezará o próximo 14 de decembro, permitirá impulsar ata un máximo de oito proxectos empresariais. As empresas interesadas en participar poden presentar a súa candidatura ata o 11 de decembro na páxina web de “SmartPeme”.

A Aceleradora de Empresas do Sector Turístico de “SmartPeme” está destinada a persoas e empresas con negocios, ligados ao sector turístico ou cunha actividade vinculada a este, que desexen reorientar ou poñer en marcha a súa actividade en liña. Tamén poden participar aqueles que estean en fase temperá de desenvolvemento ou que teñan un alto potencial de crecemento. As persoas seleccionadas realizarán unha ruta formativa no uso das tecnoloxías de información e comunicación (TIC) centrada no sector turístico, na que recibirán formación en técnicas que melloren a estratexia de imaxe dos seus establecementos, así como asesoramento individual con persoas especializadas en turismo e TIC.

As persoas interesadas deberán cubrir o formulario na web de “SmartPeme” e achegar unha memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, na que se detalle o obxectivo do proxecto; a misión, a visión e os seus valores; a actividade que se pretende realizar; a descrición do produto ou servizo; e tamén o que pretende alcanzar coa súa participación na Aceleradora de Empresas do Sector Turístico. A documentación avaliaraa un equipo técnico de “SmartPeme”, que seleccionará ata un máximo de oito proxectos para participar no programa, tras unha preselección de candidaturas ás que se lles realizará unha entrevista.

Os proxectos seleccionados pola Deputación beneficiaranse dun programa formativo de xeito telemático que se estenderá entre o 14 de decembro de 2023 e o 16 de febreiro de 2024. Durante este período, recibirán sesións de titorías individualizadas para afondar en temas vinculados á imaxe dixital, á tecnoloxía, á competitividade e ao turismo, con sesións a medida adaptadas ás súas necesidades específicas. O programa rematará cun demo day onde todos os proxectos que finalizaron con éxito a súa participación na aceleradora poderán presentarse ante o público e establecer sinerxías.