As actuacións e pasarrúas do Apalpador organizadas pola Deputación xuntaron este Nadal a preto de 10.000 persoas

A deputada de Lingua María Ortega amosa a súa satisfacción pola acollida “máis grande cada ano” que ten o programa ‘Nadal en galego’ nos concellos da provincia

11/01/2023

Apalpador

As actuacións e pasarrúas do Apalpador organizadas pola Deputación entre o 19 de decembro e o 4 de xaneiro dentro do programa ‘Nadal en galego’ xuntaron a preto de 10.000 persoas. Trátase dunha cifra moi superior ás acadadas en anteriores edicións, polo que a deputada de Lingua María Ortega amosou a súa satisfacción pola acollida crecente da iniciativa entre os concellos e a veciñanza da provincia.

Segundo destacou Ortega, os números –que amosan un incremento do 40% con respecto ao ano pasado- fan que o programa se consolide na programación xeral do Nadal da provincia, e abren oco á recuperación  “das nosas tradicións, aínda que sexa pouco a pouco, pero cunha acollida máis grande cada ano”. Salientou que o Apalpador achega valores moi destacables como o amor á terra, á natureza e a dinamización lingüística do galego.

Desenvolvéronse –a pesares dos moitos días de chuvia que houbo durante as festas- 48 actuacións en 72 espazos diferentes, parques, prazas, bibliotecas, auditorios, rúas, campos de fútbol, centros sociais e incluso bares de 47 concellos. Participaron aproximadamente unhas 10.000 persoas, ben interactuando nas actuacións ou pasarrúas ou ollando estas no seu percorrido.

Nas actuacións estiveron presentes o músico Servando Barreiro, o educador ambiental e monitor de tempo libre Brais Moure e o contacontos Anxo Moure coa colaboración en distintos lugares da saxofonista Viridiana Barreiro. Como en anos anteriores a escenografía estivo formada polo burro de madeira de bidueiro “Rio Lor” do carpinteiro galego Fernando Ibarra, pola novidade este exercicio da ‘tanxugueira’ de madeira de cerdeira centenaria do carpinteiro francés Sebastien Leprevost, e elementos musicais como a pandeireta, peitoque, guitarra, saxofón e concertina. Tamén houbo momentos para os monicreques de Paz Castro de Cangas e de Artesanía Reciclada de Galicia, e repartíronse 55 árbores de plantón ecolóxico (acivro, érbedos e aciñeiras).

Como avaliación, o propio Apalpador subliñou a boa acollida do público e manifestou a súa crenza sobre a necesidade do proxecto de recuperación da figura galega “dentro da dinamización da lingüística e fronte a perda axigantada das verbas que nos unen á natureza”.

“Nesta iniciativa recuperamos as voces dos freixos, bidueiros, buxos, aciñeiras..., fervenzas, fontes, cachóns, chuvias, bategadas, zocos, lareiras..., mais tamén recuperamos a voz dos poetas, do Zeca Afonso, de Cunqueiro, Avilés de Taramancos, de Otero Pedrayo. Recuperamos a carpinteira tradicional  co cabaliño de bidueiro e coa tanxuga  de madeira de cerdeira...”, destacou Moure, quen engadiu que “se das 60 árbores que se repartiron dentro de 30 anos alguén se senta a sombra dunha delas para descansar, ler, amar ou mesmo para facer unha revolución por un mundo mellor teño claro que o obxectivo estará conseguido”.

dende o departamento de Lingua e o propio Apalpador reivindicaron tamén o traballo de Belén Veleiro, Cris Lores e Juan na creación do vídeo no que se amosou un espazo descoñecido e de grande importancia tanto cultural como ambiental e sonora: os sobreirais do río Arnego.

Outra das cuestións máis salientables das actuacións ao longo de todo o Nadal foi a da baixa pegada ecolóxica das visitas aos concellos, xa que con catro visitas diarias en municipios próximos entre si evitouse o uso de varios coches e incluso se fixeron traslados en transporte público.

O Apalpador pasou, de maneira cronolóxica, polos seguintes concellos: Tui; Escola Infantil Montecelo (Pontevedra); Pazos de Borbén; Mondariz; Mondariz Balneario; Dozón; Forcarei; Rodeiro; Lalín; Vila de Cruces; Agolada; Meis; Barro; Bueu; Cangas; Marín; Arbo; A Cañiza; As Neves; Salvaterra; A Illa; Ribadumia; Cambados; Moaña; Poio; Sanxenxo; Meaño; Silleda; A Estrada ; Cuntis; Cerdedo-Cotobade; Campo Lameiro; Cerdedo ; Nigrán; Tomiño; Oia; Gondomar; Mos; O Porriño; Salceda; Catoira; Fornelos de Montes; A Lama; Pontecesures; Vilagarcía; Caldas de Reis; e Portas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.