A Deputación dá a benvida ao Nadal cunha potente programación que arranca co alumeado o 1 de decembro

Amais do acendido das sedes e dos Castelos de Soutomaior e de Sobroso, a institución pon en marcha unha decoración con escenarios que se converterán “en auténticas postais de Nadal”

24/11/2022

NADAL 2022 NA DEPO

A Deputación ten xa todo preparado para acender o vindeiro xoves, 1 de decembro, as luces de Nadal coas que arranca unha potente programación que se espallará ata o día de Reis. Amais do alumeado do Pazo, da sede de Vigo, do Edificio Administrativo, do Palacete das Mendoza e de Príncipe Felipe, os Castelos de Soutomaior e, por vez primeira, o de Sobroso, tamén serán protagonistas do acendido e no caso de Soutomaior cunha ampla axenda de actividades que inclúe o tradicional mercadiño, así como visitas teatralizadas  e obradoiros con prazas limitadas que poderán reservarse a partir deste venres, 25 de novembro, en www.castelodesoutomaior.com.

O xoves, 1 de decembro, alumearanse as sedes de Vigo e Pontevedra. Ás 18.30 será a quenda da sede de Vigo, que contará con cortinas luminosas led de 1,5 metros de caída na súa contorna e motivos de Nadal, tamén led, similares a folerpas de neve que estarán instalados na fachada principal de pedra do edificio. A partir das 20.00 horas do 1 de decembro alumearase o Pazo provincial, o Edificio Administrativo e o Palacete das Mendoza en Pontevedra. O Pazo contará con cortinas luminosas led con efecto flashing, ao igual que o Edificio Administrativo, e motivos de Nadal, similares a folerpas de neve.  As árbores do seu xardín engalanaranse con 400 metros de grilanda de cor branca cálida e o magnolio decorarase con 20 mallas de luz e 50 unidades de bolas 3D tamén iluminadas.  O Palacete das Mendoza contará con iluminación na cornixa superior das tres fachadas principais do edificio e cortinas luminosas con 1,5 metros de caída. Amais a árbore-escultura dun dos seus laterais terá unha grilanda microled de cor branca cálida e efecto flashing. Tamén o xoves ás 19.00 horas alumearase Príncipe Felipe que contará cun abeto natural e tres estruturas de árbores luminosas no seu acceso. O seu centro infantil decorarase cunha estrela con cola de 2,5 metros e disporanse cortinas de luz con efecto flashing de 1,5 metros. O centro Agarimo presentará catro estrelas na súa fachada e tamén cortinas de luz de 1,5metros. Pola súa banda, a Escola Fogar, amais da cortina de luces de 1,5 metros de caída con efecto flashing, decorarase con 3 conos luminosos tipo árbore de Nadal e 6 bolas de 30 centímetros no xardín de entrada.

Xa o venres 2 de decembro a partir das 18.30 terá lugar o acendido dos Castelos de Soutomaior e, por vez primeira, do de Sobroso. No caso de Soutomaior, a súa torre da homenaxe e a torre do Conde contarán con cortinas led de 1,5 , 6 e ata 9 metros de caída de cor branca cálida. Pola súa banda a Galería de Damas contará con cortinas luminosas de 1,5 metros que tamén alumearán a muralla exterior e a construción principal do castelo.  O Castelo de Sobroso incluirá cortinas luminosas led de 1,5 metros e tamén cervos que decorarán o recinto histórico.

Amais, a Deputación ten previsto unha “sorprendente” decoración de Nadal que converterá o Pazo provincial, a sede de Vigo e o Edificio Administrativo de Pontevedra en escenarios que serán “auténticas postais de Nadal”. O vestíbulo do  Pazo incluirá unha recreación dunha cabana do bosque, en madeira, rodeada de céspede natural, cun sendeiro de acceso alumeado e elementos decorativos típicos do Nadal. A cabana, cuxo interior será visitable, terá dous laterais troquelados coas siluetas do castelo de Soutomaior e da ponte de Rande. A traseira da cabana, que contará coa expresión “Bo Nadal” con luces retroiluminadas sobre  un banco, mais o seu interior, cunha hamaca e estufa antiga, serán espazos destinados a photocall. Amais da cabana do bosque, o Pazo contará con arranxos vexetais nos arcos do vestíbulo e na balaustrada do primeiro andar.

A sede de Vigo e o Edificio Administrativo seguirán a estela do Pazo. En ambos lugares recrearase a praza dun pobo, con representación de cabanas de madeira como fío condutor, e con letras retroiluminadas coa expresión “Bo Nadal” sobre un banco que servirá de photocall.  No Edificio Administrativo a recreación da praza presentarase no interior e na sede de Vigo no seu exterior.

Programación de Nadal no Castelo de Soutomaior

Para o Castelo de Soutomaior a Deputación ten prevista unha completa axenda de actividades de Nadal que comezarán o 2 de decembro, ás 18.30 horas, co acendido do alumeado. Amais das luces, terán lugar visitas teatralizadas dirixidas ás familias e obradoiros para nenas e nenos de entre 5 e 10 anos. A partir deste venres, 25 de novembro, será posible inscribirse en ambas actividades, que terán un custo de 8 euros por persoa, a través de www.castelodesoutomaior.com.

As visitas teatralizadas, a cargo de Troula, terán lugar os días 3, 4, 6, 8, 10, 11, 17, 18, 23, 29 e 30 de decembro, ás 12 e 16.30 horas. Haberá 30 prazas por cada quenda. Nelas as familias deberán traballar arreo para axudar a recuperar o esplendor do Castelo onde o Nadal, dende que a Raíña de Corazóns o ten ocupado, non ten oco.

Os obradoiros, a cargo de “Donde viven los cuentos”, terán lugar os días 5, 7, 27 e 28 de decembro e 3 e 4 de xaneiro ás 16.30 h, con 30 prazas por día. Esta actividade, dirixida a nenas e nenos de entre 5 e 10 anos e cunha duración de 60 minutos, estará baseada nos seres mitolóxicos de Galicia, como as pupeiriñas, o Apalpador, a moura ou os trasnos.  O primeiro obradoiro terá lugar o 5 de decembro co título “As pupeiriñas, obradoiro de pan galego”, para elaborar pan tradicional galego e deixar migas na fonte para as pupeiriñas; o día 7 terá lugar “O tesouro da moura. Escape-Room de Nadal”, cun percorrido polo castelo cheo de probas que servirán para coñecer as tradicións galegas; o 27 “Os trasnos. Obradoiro de moda de Nadal”, para deseñar roupa para regalar aos trasnos e evitar que molesten durante as festas, e o 28 de decembro “O Apalpador: contacontos solidarios”, con contos de Nadal, recollida de libros para doar e obradoiro artístico de decoración de agasallos. Xa en xaneiro terá lugar “O tizón de Nadal. Decoración de Nadal” o día 3, para crear elementos decorativos con elementos naturais, e o 4 o obradoiro “O Nubeiro. Experimentos de inverno” para fabricar neve e xogar con xeo, creando paisaxes de inverno.

Amais das visitas teatralizadas e dos obradoiros, haberá, ao igual que o pasado ano, un mercadiño de Nadal, con produtos de quilómetro cero, que estará aberto entre o 2 e o 8 de decembro, e un “Buzón de soños” para recoller os desexos dos nenos e nenas, e tamén das e dos maiores, que terá tamén réplica, por vez primeira, no castelo de Sobroso. Tamén abrirá as súas portas o muíño das Afreitas, para que todas e todos coñezan o seu funcionamento e desfruten da última moenda para facer os doces típicos do Nadal. O muíño contará coa presenza dunha “familia misteriosa” que aledará a visita das familias.

Noticias relacionadas

 
		O Apalpador visitará 46 concellos da provincia grazas ao programa da Deputación “Nadal en Galego”

O Apalpador visitará 46 concellos da provincia grazas ao programa da Deputación “Nadal en Galego”

A tradicional figura realizará pasarrúas xunto ao acordeonista Servando Barreiro e o seu burro Río Lor entre o 19 de decembro e o 4 de xaneiro