O ciclo da Deputación “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema” chega este xoves a Tui

O xoves 16 de novembro a cidade acollerá unha mostra, visitas guiadas e proxeccións de obras do pioneiro do cinema galego, dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia

14/11/2023

A Deputación de Pontevedra leva este xoves a Tui o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará neste 2023 a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse este xoves 16 de novembro e inclúen proxeccións, visitas guiadas ao Cinemóbil e unha mostra sobre a traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que esta arte nacía en todo o mundo.

O Teatro Municipal de Tui acollerá este xoves, entre as 10:00 e as 13:30 horas, proxeccións dirixidas ao alumnado dos centros educativos que poderá tamén facer unha visita guiada ao Cinemóbil N.º 3 cos dezaseis paneis explicativos sobre o cineasta, onde Manolo González e Ignacio Vilar abordarán a súa biografía e traxectoria na fotografía. Tamén poderán gozar dalgúns dos filmes que José Gil proxectaba no seu cine Royalty de Ponteareas nos anos vinte. Pola tarde, entre as 18:00 e as 20:00 horas, haberá visitas guiadas ao Cinemóbil para as veciñas e os veciños tudenses, e de 20:00 a 21:30 horas proxectaranse filmes do artista para o público xeral.

O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de 30 concellos para difundir e pór en valor a figura e a obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas de Reis, Mondariz, Covelo, Poio, Redondela, Baiona, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Marín, Vigo, O Grove e Salvaterra de Miño. Despois de Tui, continuará en Moaña, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas.

José Gil e Tui

José Gil percorre Tui entre os 7 e os 12 anos ao estar destinado seu pai na casa cuartel de San Bartolomeu. Xa en 1910 se dedica a filmar as paisaxes e espazos tudenses. Aquí desenvolveu un pequeno filme de propaganda co gallo da Feira do Automóbil de Pontecesures (1926). Tras os intentos de paliar a tuberculose das súas fillas no balneario de Caldelas de Tui, filma en 1931 o documental Galicia y los balnearios. Ademais, catro anos antes do seu falecemento, a fábrica de galletas La Peninsular patrocina o seu derradeiro Noticiario de Galicia n.º 11 con vistas da catedral, da zona vella, das industrias e dos comercios de Tui.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.