As mulleres de Icíar Bollaín, protagonistas no marco da clase maxistral de Conecta Lab

O laboratorio creativo promovido pola Deputación e CREA organizou o encontro, no que a cineasta madrileña fixo un repaso polas personaxes femininas das súa filmografía

15/04/2023

Conecta Lab

Desde Trini e Niña ata Maixabel, pasando por Pilar, Rosa ou Carmen, Inés e Eva. Son só algunhas das mulleres da cinematografía de Icíar Bollaín que a recoñecida directora madrileña fixo protagonistas da clase maxistral “A construción de personaxes femininos” que impartiu esta tarde no Marco de Vigo no marco de Conecta Lab, o laboratorio creativo que organizan conxuntamente a Deputación e a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA). De onde xurdiron, como foi o proceso de investigación para crealas e incluso como foron evolucionando a medida que se ían gravando as películas, porque as súas son personaxes en constante evolución, foron as liñas centrais da conferencia da directora que ateigou o salón de actos do museo vigués, no que tamén se deron cita a deputada provincial Ana Mejías, o presidente de CREA, Fon Cortizo, as persoas coordinadoras da Vigo Film Office, Amalia Mauleón e Pablo Cameselle, e o director do museo, Miguel Fernández Cid.

Se algo caracteriza á obra de Icíar Bollaín son as personaxes femininas, que son habitualmente protagonistas das súas películas, ao principio de maneira inconsciente e, co paso do tempo, moito máis consciente. Así, a directora madrileña confesou que nos seus inicios como actriz en ocasións costáballe identificarse coas personaxes que tiña que representar polo que facían, por onde vivían ou polo que lles pasaba, e foi iso o que a levou a contar ela as historias. De aí xurdiron as protagonistas de “Hola estás sola” coas que, case sen querer, rompeu estereotipos maternais, ou como bebeu da realidade coas noticias sobre as caravanas de mulleres da década dos 90 a levaron a crear a Milady, Patricia e Marrirosi, tres mulleres completamente opostas que rematan nunha aldea castelá sen mulleres ‘casadeiras’ nin futuro. Tamén foron moi protagonistas da clase maxistral Pilar e a súa historia de amor-odio co seu maltratador en “Te doy mis ojos”, que levou a  Icíar Bollaín a acudir, durante meses, a un centro de mulleres en Toledo para coñecer historias reais.

Delas e de todas as mulleres que protagonizaron as máis de dez películas que ten ás súas costas charlou a cineasta cos e coas asistentes a esta clase maxistral. Continuou con Carmen, Inés e Eva, de “Mataharis”;  as mulleres indíxenas colombianas de “También el agua”; Laia, a mestra catalá que viaxa a “Katmandú”; Alma, protagonista de “El Olivo”; as figuras femininas máis importantes da vida de Carlos Acosta en “Yuri”; a modista Rosa en “La boda de Rosa”; ou Maixabel Lasa e a súa desgarradora historia en “Maixabel”, a súa última película ata a data. En xeral, mulleres fortes, empoderadas e capaces coas que Bollaín busca suplir, en certa parte, a falta de protagonismo feminino que ten a filmografía española.

Un roteiro polas localizacións de Vigo

Previo á celebración da clase maxistral, as e os creadoras/es participantes no laboratorio creativo Conecta Lab tiveron a posibilidade de facer unha ruta polas mellores localizacións para gravar na cidade olívica da man da Vigo Film Office. Desta maneira, tras chegar á cidade en barco desde a Illa de San Simón, exploraron lugares como o peirao de colectores, o porto ou a casco histórico, para rematar cunha visita guiada polo Museo Marco.

O programa Conecta Lab concentra na Illa de San Simón ás e aos cineastas Iria Sobrado, Alexandre Cancelo, Nacho Ozores, Lidia Fraga e Jacobo Díaz, Irene Pin e Dani Viqueira, que están a traballar  nos seus proxectos audiovisuais de maneira persoal, acompañados/as por titores e titoras especializadas co fin de profundar nos diferentes aspectos artísticos e narrativos. Ademais, alí estanse a celebrar unha serie de encontros profesionais, mesas redondas, proxeccións e instalacións artísticas co obxectivo de xerar espazos de comunicación entre creadores e creadoras, formular temas de debate ou abordar aspectos innovadores da creación audiovisual. Ademais desta clase maxistral de Icíar Bollaín, na mesma Illa tamén se celebrou unha de Álvaro Vega e Óliver Laxe. Mañá domingo 16 de abril será a quenda de Carlos Marqués-Marcet (20.00 h) e este luns, 17 de abril, Pablo Martí (19.30 h). As dúas poderán seguirse online con inscrición previa na web de CREA (www.crea.gal) ou da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal).

Galerias de imaxes