As actividades formativas do programa da Deputación “Conectadas” continúan esta semana en catro concellos da provincia

Preto de 70 mulleres de Vigo, Caldas, A Lama e Cerdedo-Cotobade participan en cursos de artesanía en coiro, pilates e ioga ao abeiro desta iniciativa da institución provincial

29/08/2023

Un total de 67 mulleres dos concellos de Vigo, Caldas, A Lama e Cerdedo-Cotobade comezan esta semana catro novas accións formativas do programa “Conectadas” da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa ten como principal obxectivo potenciar a promoción das mulleres a través de accións formativas que este ano se desenvolverán en 53 concellos e contarán coa participación de máis de 4.000 usuarias.

Este xoves 31 de agosto iniciarase na Lama un obradoiro de artesanía en coiro, no que tomarán parte 16 participantes da Asociación de Mulleres Rurais A Pícara. A actividade desenvolverase os xoves no lugar de Cernedo, de 16:00 a 18:30 horas.

O venres 1 de setembro arrancarán outras dúas accións formativas nos concellos de Caldas de Reis e Vigo. No primeiro caso, trátase dun curso de pilates, no que participarán 25 mulleres da Asociación Saiar pola Igualdade, que terá lugar todos os luns e venres, de 20:00 a 21:00 horas, no local situado nas Goletas, Sequeiros. Na cidade olívica comezará o curso de ioga promovido pola Asociación Xaruma, no que participarán 14 persoas todos os venres, de 17:30 a 19:00 horas, na sede do colectivo, na rúa Sanjurjo Badía.

Por último, o sábado 2 de setembro comezará un curso de pilates para 12 mulleres da Asociación Sociocultural Deportiva de Veciños e Amigos de Santiago de Caroi, en Cerdedo-Cotobade. Impartirase os xoves e os sábados, de 17:00 a 18:30 horas, na Escola de Nenas.

Neste 2023 participan no programa “Conectadas” 219 entidades de 53 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Os colectivos puideron escoller entre trinta obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: Emprende, iniciativas sostibles para o emprego; ExpresARTE; Conéctate; Sementa sostibilidade; e O teu momento, coidado e benestar. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre mulleres e homes, e teñen unha duración de 35 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.