As actividades formativas do programa da Deputación “Conectadas” continúan esta semana en 7 concellos da provincia

Preto de 100 mulleres de 7 entidades de Baiona, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Pontevedra, Redondela e Vila de Cruces recibirán formación sobre patchwork, artesanía en coiro e iniciativas para a saúde e o seu coidado persoal

15/10/2023

Preto de 100 mulleres de asociacións de Baiona, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Pontevedra, Redondela e Vila de Cruces comezan esta semana sete novas accións formativas enmarcadas no programa “Conectadas” da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa ten como principal obxectivo potenciar a promoción das mulleres a través de cursos que este ano se desenvolverán en 53 concellos e contarán coa participación de máis de 4.000 usuarias.

O luns 16 darán comezo tres accións formativas. 14 mulleres da Asociación Cultural Sondexeve (Pontevedra) comezarán un obradoiro de iniciación ao patchwork que terá lugar todos os luns de 18:30 a 21:00 horas; outras 16 mulleres da Asociación cultural Dorna (Illa de Arousa) farano cun curso de artesanía en coiro que se desenvolverá os luns e venres de 16:30 a 18:30 horas; e 13 do Centro Cultural de Baíña (Baiona) outro sobre menopausa de forma saudable que será os luns e xoves de 10:30 a 12:00 horas.

O mércores 18, 12 mulleres da Fundación Las Samaritanas (A Guarda) iniciarán o curso “Coidar coidándonos” que se impartirá todos os mércores de 16:00 a 19:00 horas. E o xoves comezarán dous obradoiros de risoterapia dos que se beneficiarán 12 usuarias da Centro Cultural de Cesantes (Redondela) e outras 12 usuarias da Asociación de veciños de Xende-Paradela (A Lama).
 
Finalmente o venres, 20 de outubro, 16 mulleres da Asociación de mulleres rurais de Sabrexo (Vila de Cruces) comezarán un curso de musicoterapia que terá lugar todos os venres entre as 19:30 a 22:30 horas.

Este ano participan en “Conectadas” 219 entidades de 53 concellos da provincia. Os colectivos puideron escoller entre 30 obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: “Emprende, iniciativas sostibles para o emprego”, “ExpresARTE”, “Conéctate”, “Sementa sostibilidade” e “O teu momento. Coidado e benestar”. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre homes e mulleres e teñen unha duración de 35 horas.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.