O Plan Reacpon da Deputación facilita ao concello de Rodeiro a humanización e mellora peonil da rúa Aviador Gumersindo Areán

Carmela Silva asinou o convenio co alcalde, Rubén Quintá, para “un ambicioso proxecto de recuperación do espazo público”, que ten un orzamento de case 450.000 euros

18/01/2022


 

O alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, agradeceu hoxe o apoio da Deputación de Pontevedra para o financiamento da humanización e mellora peonil da rúa Aviador Gumersindo Areán, un espazo moi relevante do municipio que vai ser recuperado para o desfrute das persoas, con actuacións de mobilidade segura e melloras como a do parque infantil, grazas ao Plan ReacPon da institución provincial. Quintá asinou hoxe coa presidenta Carmela Silva o convenio para mellorar esta contorna, que suporá un investimento total de 449.671,32 € dos cales a Deputación achega 404.794,18 e o Concello 44.967,17 €.

A presidenta Carmela Silva, felicitou ao concello de Rodeiro por esta aposta pola mobilidade amable que promove a Deputación na provincia e destacou que a obra proxectada vai supoñer a transformación deste espazo público e “maior calidade de vida para a veciñanza”. Lembrou que o concello non podería asumir esta importante actuación sen os fondos extraordinarios do Plan ReacPon e que se suman a outro importante investimento realizado na vila co Plan de Reequilibrio, a mellora do ximnasio e o pavillón municipal. “Nós cremos –apuntou- que recuperar o espazo para as persoas fai que as vilas sexan mais amables e que os concellos se convertan en espazos atractivos, para que a xente que veña visitalos se atope con lugares que merece a pena. Este paraíso de provincia ten un interior marabilloso, con moitísimas posibilidades e temos que humanizalo e embelecelo e facelo desexable para que poidamos amosar que amais dunha paisaxe única temos infraestruturas dos que podemos presumir”.

Carmela Silva destacou que o ReacPon tiña dous obxectivos principais. Dunha banda, poñer a disposición dos concellos recursos públicos, dentro dunha política económica expansiva, para favorecer a reactivación económica trala pandemia. E, por outra, axudar aos pequenos concellos para facer fronte a investimentos en dotacións e servizos que, de non ser por este apoio, non poderían asumir. “Somos conscientes que o Plan Concellos permite que poidan fronte a necesidades ordinarias, pero sen estes recursos extraordinarios proxectos transformadores como este non poderían realizalos”, indicou. Neste senso, subliñou o “enorme esforzo” que está a facer o Concello de Rodeiro “para con moi poucos recursos poder facer este proxecto senón tamén licitalo para dar cumprimento aos esixentes prazos”, en sintonía co exemplo que teñen dado os concellos da provincia á hora de presentar proxectos ao ReacPon, “o que amosa que son moi eficaces e que o mundo local somos un exemplo de xestión, particularmente os concellos pequenos parece que fan maxia co pouco que teñen”.

A presidenta anunciou que non será este o único plan extraordinario a disposición dos municipios, “porque o mundo local ten moitas dificultades, e temos que seguir esixindo que se nos trasladen máis recursos incondicionados de Europa, do Estado, e das Comunidade Autónomas porque amais somos moi bos xestores”. “Todos os recursos os executamos, non devolvemos recursos e por iso deben poñer a disposición dos concellos maior investimento, porque somos os que mellor coñecemos as necesidades de transformación que temos e é hora de que nos consideren maiores de idade”, engadiu.

Pola súa banda, o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, agradeceu o apoio da institución provincial “porque este diñeiro vennos de marabilla” para financiar este proxecto que, segundo destacou, permitirá recuperar esta rúa “que está moi mal e é unha rúa moi funcional para todo, na que se celebran festas e feiras e que conta con este parque para as crianzas”. “Seguiremos contando –apuntou- coa Deputación para que nos siga axudando”.

O proxecto

A humanización da rúa Aviador Gumersindo Areán permitirá mellorar a mobilidade peonil nunha rúa ata agora pensada para os coches e na que as persoas recuperarán o lugar para a interacción social, amais de acondicionar o parque infantil. Deste xeito, crearase un espazo público a medio camiño entre unha rúa e unha praza para transitar, que será escenario de relacións colectivas e adaptarase á celebración das feiras.

As actuacións incluirán a creación dunha rúa de único sentido que terá plataforma única, con prioridade para peóns/as e limitada a 20 km/h, con sinais de “rúa residencial”. Doutra banda, xerarase unha zona verde que envolverá a praza e a zona de tránsito exclusivamente peonil terá un ancho sempre por riba dos 3 metros e disporá de mobiliario urbano formado por bancos de granito, xardineiras, papeleiras e 19 farois con luminarias LED. Amais, acondicionarase unha área de parque infantil con zonas verdes, arena e pavimento de caucho, e novos xogos, a metade deles inclusivos, así como con mesas con bancos de granito e columnas de iluminación. Por último, melloraranse as instalacións urbanas existentes de iluminación, electricidade, saneamento, pluviais e abastecemento de auga.

videos