A Deputación facilita co Plan ReacPon en Valga a senda peonil e ciclable no entorno da Gándara de Campaña e a rehabilitación ambiental do ámbito

A presidenta Carmela Silva e o alcalde José María Bello asinaron hoxe o convenio para esta actuación que conta cun orzamento de medio millón de euros e busca a recuperación desta contorna natural para o desfrute seguro polas persoas

18/01/2022


 

“Agradecemos á Deputación que aprobase este proxecto para unha zona na que temos moitas ilusións”. O alcalde de Valga, José María Bello amosou hoxe a súa satisfacción na sinatura do convenio coa presidenta Carmela Silva para a construción dunha senda peonil e vía ciclable no entorno da Gándara da Campaña e a rehabilitación ambiental do ámbito, unha ambiciosa actuación de mobilidade e medioambiental que será posible cos recursos extraordinarios do Plan ReacPon da Deputación, cun orzamento total de 500.915,47 € dos cales a institución provincial achega 425.778,15 € e o Concello 75.137,32 €. Este proxecto permitirá que as persoas poidan desfrutar dunha maneira segura desta contorna, e tamén a súa restauración hidrolóxica forestal.

A presidenta Carmela Silva, felicitou ao concello por este proxecto de recuperación dun espazo “de enorme valor” que “é un modelo a seguir” e prima a mobilidade sostible e segura para as persoas, vinculada á mellora medioambiental, “e que busca ser exemplarizante desa relación do ser humano co medio natural, que agora coa pandemia amosouse máis necesaria que nunca”. Subliñou que este tipo de actuacións “atraen persoas, serven para manter a poboación e constitúen un incentivo turístico, porque Valga ten moitos lugares únicos como este”. Carmela Silva engadiu que este proxecto vai supoñer “unha grande transformación” baixo os parámetros da Rede Ágora e a Axenda 2030, aliñadas cos novos fondos europeos.

A presidenta lembrou que o Plan ReacPon era “moi esixente nas bases” e ten demostrado que “os concellos da provincia de Pontevedra son moi eficientes, presentan moi bos proxectos e son capaces de executalos en prazo,  amosando que o mundo local, con tan poucos recursos, é capaz de facer ben as cousas. Nós nunca devolvemos un euro dos recursos, sen embargo as outras administracións si.  Polo tanto a ver se Europa, o Gobe4no do Estado e as Comunidades Autónomas nos teñen máis en conta e fan que cheguen máis recursos sen condicións, porque temos moitos proxectos moi bos e moita capacidade para executalos para que se convertan en mellor calidade de vida para a xente”.

O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, corroborou esta afirmación sinalando que “os organismos que están por riba nos, Xunta e Goberno do Estado poden aprender moito da labor que se fai nos concellos, que son os que coñecen mellor as necesidades e demandas da veciñanza“. Agradeceu o apoio da Deputación a este proxecto que, segundo indicou “é moi interesante para Valga”. Neste senso, apuntou que amais de mellorar a seguridade dos peóns e peoas, suporá unha transformación desta contorna natural e xunto con outros dous proxectos que se queren presentar aos fondos Next Generation, como son a rehabilitación e recuperación das vagonetas aéreas e a posta en valor da lagoa artificial para “fixar poboación e atraer turistas ao concello”.

O proxecto

O proxecto da construción de senda peonil e vía ciclable no entorno da Gándara de Campaña ten como obxecto completar a transformación dunha mina a ceo aberto nun espazo de grande calidade ambiental e social, convertendo o conxunto das lagoas de Valga nun espazo verde público referente dunha nova relación coa contorna. A actuación prevé o acondicionamento do terreo, a execución de vías peonís e ciclistas e a restauración hidrolóxica forestal.

Deste xeito, abrangue varias actuacións encamiñadas a conseguir o desfrute público deste espazo en condicións seguras, a primeira delas a incorporación das Gándaras da Barreira como ámbito naturalizado, e con calidades que permitan a súa integración na rede de espazos públicos do Plan Ágora, apostando por unha mobilidade inclusiva e autónoma, baixo o emprego de itinerarios peonís e ciclables.

Estas sendas formarán a rede de conexión co espazo urbanizado circundante. Amais, abordarase a restauración hidrolóxica forestal, co tratamento silvícola no rodal sueste, que prevé tratamentos de revexetación, mediante unha limpeza e roza selectiva, así como con tarefas de poda e eliminación de especies invasoras; coa recuperación da canle e da ribeira do rego do Regueiro, coa plantación de especies ripícolas (aliso; salgueiro; freixo; carballo; castiñeiro e bidueiro) e a recuperación ambiental do noiro da ribeira oeste da Lagoa, coa intervención para mellorar o acceso dende a zona de lecer.  As actuacións completaranse coa instalación doutros elementos como unha ponte de madeira, unha varanda e bancos.

videos