Vilagarcía, referente do modelo Ágora de recuperación do espazo público para as persoas

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destaca que o concello acadou unha das oito subvencións específicas concedidas na provincia por cumprir os Principios Ágora no proxecto da futura reforma da rúa Arzobispo Lago  

04/05/2022

Visita Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía é un referente do ‘Modelo Ágora’ de recuperación do espazo público para as persoas. Así o manifestaron hoxe o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos Uxío Benítez e o de Cooperación Santos Héctor nunha visita á vila para coñecer a transformación que se está a realizar nas prazas e rúas do concello máis populoso do Salnés grazas aos fondos provinciais, en concreto as obras de recuperación da rúa Arzobispo Lago que serán realidade nos vindeiros meses.

O deputado Uxío Benítez subliñou que é un orgullo que dende o goberno local vaian na mesma liña que a Deputación para intentar promover a recuperación do espazo urbano para as persoas fronte aos vehículos e anunciou que a vila será protagonista nas novas actividades que realizará a Rede de Concellos Polo Espazo Público.   “Vilagarcía axudará a visibilizar que en concellos máis pequenos están a aplicar o modelo de intervención Ágora. Non teño máis que animar ao concello a que sigan a ser valentes e ambiciosos, porque non hai cousa máis bonita que devolver os espazos á xente e esa é unha responsabilidade absoluta e única dos concellos”.

A Deputación, lembrou Benítez, estará dando soporte aos concellos como Vilagarcía con cartos, formación e actividades para seguir dentro do ‘Modelo Ágora’ . Destacou que o proxecto para a recuperación da rúa Arzobispo Lago foi presentado á liña de axudas do Plan Ágora e conseguiu moi boa puntuación e a subvención máxima (100.000 euros) polo cumprimento dos Principios Ágora: O espazo público é un dereito das persoas; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable.  “Este proxecto foi un dos só oito en toda a provincia que foron premiados”, destacou Benítez, sinalando a exclusividade da axuda.

O deputado nacionalista sinalou que dende a Deputación trabállase en toda a provincia coa Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público, unha rede de acción institucional entre a Deputación e Concellos para empurrar e incentivar a que a política de recuperación do espazo público para as persoas estea dentro da axenda política local. Lembrou que nestes momentos están 54 concellos dos 61 da provincia. “Podemos dicir que a motivación por parte da Deputación está promovendo que a provincia de Pontevedra sexa un referente en que os seus espazos urbanos sexan deseñados, pensados e recuperados para as persoas”, salientou.

Pola súa banda, o deputado de Cooperación Santos Héctor sinalou que a Deputación está a apoiar de forma decidida a transformación que se leva adiante en Vilagarcía. “Os recursos do Plan Concellos, que en Vilagarcía suman estes anos 11 millóns de euros, están a permitir con máis de 60 proxectos toda esta gran transformación”, dixo, lembrando obras como a humanización da Rúa Camilo José Cela, a urbanización na rúa Freixo (Vilaxoán), as obras de humanización e accesibilidade no Piñeiriño; a mellora da accesibilidade no acceso aos colexios A Lomba e Arealonga e na rúa dos Duráns, ou a urbanización contorna rúa García Caamaño, entre outras.

Subliñou Héctor que este ano o Plan Concellos inclúe tamén a liña 1 (de obras) do ano 2023 polo que Vilagarcía recibe 2.392.420 euros. “O Concello xa ten solicitadas 7 novas obras para este ano entre elas tres que tamén serán exemplo de transformación: a humanización rúa Aquilino Iglesia Vilariño; a construción do skatepark, ou a mellora da accesibilidade en Doutor Tourón, Marxión e urbanización O Piñeiriño”, dixo.

No balance de actuacións tamén lembrou que no Plan DEPOREMSE realizouse unha obra por valor de 435.802 euros para mellorar a seguridade viaria na contorna de FEXDEGA, ou a mellora da Vía Verde do Salnés, primeira ruta nunha antiga vía de ferrocarril que transcorre integramente por Galicia: Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas. “Deputación e os tres concellos fomos pioneiros en poñer en marcha unha iniciativa de éxito que hoxe é un emblema da comarca, comezando por Vilagarcía”, sinalou Santos Héctor.

A concelleira de Urbanismo Paola Mochales agradeceu a visita da Deputación e sinalou que o respaldo do organismo provincial e da Rede Ágora significa que o Concello de Vilagarcía vai  “polo bo camiño”: “queremos que as rúas estean cheas de xente e que as e os máis vulnerables, as persoas maiores e a rapazada poidan gozar das nosas vilas”.

“É certo que grazas ao Plan Ágora vemos que imos na mesma liña. A meirande parte dos concellos da provincia queren seguir esta vía porque vemos como os vehículos nos afastan ás persoas das cidades. Non podemos seguir consentíndoo. Na Facultade Ágora e no Plan Ágora foi o que se falou en todo este tempo, nos seminarios, e o que se está a levar adiante coas obras”, salientou. Destacou que para Vilagarcía o apoio da Deputación é o fondo máis importante para poder investir a pesares de que se concorre a todas as subvencións posibles (Edusi, Next Generation...): “Fai realidade que poidamos facer unha cidade máis amable e máis humana”.

En canto  ás obras de Arzobispo Lago -transformada coas achegas do Plan Concellos (385.000 euros), do Plan Ágora (100.000 euros) e do EDUSI (152.000 euros)- anunciou que adxudicaranse nas próximas dúas semanas (presentáronse 22 empresas). 

Arzobispo Lago: 1.784 metros recuperados máis para as persoas

A humanización de Arcebispo Lago cambiará a fisionomía dunha das principais arterias do centro urbano, a que une a Praza de Galicia coa Rúa Alexandre Bóveda, na zona da Praza de Abastos. A intervención, realizada nunha superficie de 2.400 metros cadrados, permitirá aumentar para o uso peonil 1.784 metros cadrados de superficie.

O proxecto prevé a eliminación do tráfico rodado continuo, acondicionando a rúa para acoller usos a escala peonil, combinando a circulación e o descanso. Introdúcense zonas verdes e zonas con auga, procurando recuperar os hábitats que existían historicamente. Contempla unha iluminación próxima ó plano do chan e integrada no mobiliario urbano, buscando en todo momento recuperar a relación Barrio-Cidade a escala humana, crear espazos para as relacións sociais, fomentar as zonas de estar e a circulación peonil, desterrando o automóbil do centro, e introducindo zonas verdes confinadas en parterres e xardineiras.

Galerias de imaxes