O deputado provincial Jorge Cubela recibe na Finca Areeiro o alumnado do obradoiro de emprego Freixo II impulsado por Dozón, Rodeiro e Agolada

A visita enmárcase nas propostas gratuítas que oferta a Finca Areeiro para centros educativos, asociacións e agrupacións de ata 25 persoas. Teñen lugar todos os martes e xoves non festivos e dous sábados ao mes en horario de 10 a 12 horas, e poden solicitarse na web de Areeiro

03/10/2023

JORGE CUBELA VISITA AREEIRO

O deputado provincial de Mocidade e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, acaba de recibir nas instalacións da Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) de Pontevedra o alumnado do obradoiro de emprego Freixo II, que impulsan conxuntamente os concellos de Dozón, Rodeiro e Agolada para formar vinte persoas desempregadas.  Na recepción ao grupo, o deputado provincial subliñou o carácter “punteiro” e “de excelencia” deste centro que a Deputación “pon á disposición de todas as persoas que traballan nos sectores agrícola e forestal da nosa provincia, axudándoas a recoñecer as pragas e enfermidades dos cultivos e asesorándoas sobre as medidas que se deben seguir para combatelas”.

A visita do alumnado de Freixo II enmárcase nas propostas gratuítas que oferta a Deputación de Pontevedra na Finca Areeiro para centros educativos, asociacións e agrupacións de ata 25 persoas. Trátanse de visitas guiadas didácticas e formativas que poden formalizarse a través da web de Areeiro, teñen unha duración de 2 horas e se desenvolven todos os martes e xoves non festivos e dous sábados ao mes, en horario de 10 a 12 horas.

Nas visitas á EFA dúas guías especializadas do recinto son as encargadas de dar a coñecer o traballo que este centro da Deputación desenvolve, así como o patrimonio que forman os seus xardíns. Deste xeito, as persoas visitantes poden realizar un percorrido polas instalacións, no que se explica a historia da EFA; que é a fitopatoloxía e a súa importancia e repercusión na produción de alimentos; datos sobre a camelia e as camelias figo; o insectario e o viveiro de forestais; a loita contra as pragas; a plantación de kiwi e a de té; os diferentes usos da camelia; a feixoa; os froitos secos e os fentos arbóreos.

As visitas rematan cunha cata de produtos obtidos en Areeiro, que varía en función da época do ano. Así, a degustación pode abranguer desde froitas de tempada ata té cultivado directamente nas instalacións da EFA en Pontevedra.

Galerias de imaxes