A Deputación edita un “manual de boas prácticas en arqueoloxía” para a xestión sostible do patrimonio arqueolóxico dende a perspectiva municipal

O documento xurde co obxectivo de dar a coñecer o valor do patrimonio arqueolóxico como recurso turístico para a comunidade local

13/04/2022

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos no marco do Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 coa edición dunha novidosa publicación dirixida aos concellos e persoal técnico local para a xestión sostible do patrimonio arqueolóxico dende a perspectiva municipal. Con “Manual de Boas Prácticas en Arqueoloxía”, xa distribuído entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, a institución provincial pretende dar a coñecer o valor do patrimonio arqueolóxico como recurso turístico para a comunidade local así como achegar información útil para xestionar as intervencións arqueolóxicas, salvagardalas e conservalas.

Ata o de agora a Deputación, a través de Turismo Rías Baixas, tiña publicado manuais de boas prácticas dirixidos a establecementos turísticos, axencias de viaxes, oficinas de turismo, guías e mesmo a persoas turistas. O “Manual de Boas Prácticas en Arqueoloxía” é o primeiro centrado nos concellos e persoal técnico local que realizan labores de conservación e posta en valor de recursos turísticos de carácter arqueolóxico. Trátase dun documento fundamental debido á crecente demanda do turismo cultural e arqueolóxico na provincia e á necesidade de crear produtos culturais de calidade, que permitan conservar, protexer, poñer en valor e divulgar o patrimonio arqueolóxico que atesoura o territorio Pontevedra Provincia.

Trátase dun compendio de normas básicas, definicións, procedementos e recomendacións destinadas ás persoas que xestionan o patrimonio arqueolóxico local. Achega información para protexer, conservar, poñer en valor e divulgar o patrimonio na provincia de Pontevedra, así como transmite os principios, leis estatais e autonómicas e nocións asociadas á xestión do patrimonio arqueolóxico desde a perspectiva local. Tamén afonda nos tipos de bens arqueolóxicos existentes, nos instrumentos para a súa protección e xestión, nos plans urbanísticos dos concellos, na catalogación do patrimonio, na conservación e na planificación das intervencións. Neste ámbito, inclúe cuestións relativas aos procedementos xurídico-administrativos para realizar unha intervención arqueolóxica, modelos de proxectos de intervención e pasos a seguir durante o proceso, dende a autorización por parte da Xunta ata a propia intervención, o tratamento dos materiais, a  memoria, o depósito de materiais ou a difusión e explotación educativa, cultural e turística.

O turismo arqueolóxico ten un grande potencial na provincia de Pontevedra e cada vez se realizan máis desprazamentos motivados polo patrimonio cultural. Trátase dunha actividade que contribúe ao desenvolvemento económico e social de sectores como a hostalería, o turismo ou o transporte e, de maneira indirecta, ao comercio e a gastronomía. Para a Deputación de Pontevedra é fundamental fomentar este tipo de turismo que contribúe a desestacionalizar o turismo e ten implicacións tanto no desenvolvemento económico como na conservación do patrimonio como obxecto de consumo.

Os Manuais de Boas Prácticas enmárcanse no Plan Estratéxico de Turismo 21-23. A través deste plan preténdese crear un modelo turístico integrado e axeitado á Axenda 2030; planificar o turismo en base ás necesidades do territorio, as persoas e o sector público e privado; avanzar na implantación de medidas concretas desde a sustentabilidade social, económica e ambiental; xerar un turismo ordenado que fomente a creación de riqueza de modo equilibrado e implicar á poboación local e á xuventude nun escenario de continua evolución nas tendencias de consumo.