Trinta alumnas e alumnos rematan a súa formación ao abeiro da II edición do programa da Deputación “Canteira de Igualdade”

A presidenta Carmela Silva asistiu na sede de Vigo á última xornada deste programa que permitiu ás mozas e mozos “converterse en axentes do cambio feminista”

22/04/2023

Peche Canteira Igualdade

Trinta alumnas e alumnos veñen de culminar na sede da Deputación en Vigo a súa formación ao abeiro da segunda edición do programa “Canteira de Igualdade”. A presidenta, Carmela Silva, asistiu esta mañá á clausura desta actividade que tivo lugar todos os sábados, desde finais de xaneiro ata hoxe, e a través da cal a mocidade puido completar a súa aprendizaxe en igualdade a través dun programa formativo teórico-práctico para “converterse en axentes do cambio feminista”.

A presidenta provincial agradeceu a implicación do alumnado e profesorado, xa que lembrou que antes desta formación na sede de Vigo o programa realizou accións en institutos de Baiona, Cangas, O Grove, As Neves, Redondela e Vigo no último trimestre de 2022, coa participación de 400 mozas e mozos. “Sen o gran compromiso que ten o mundo da educación, o cambio non é posible”, sinalou a presidenta, á vez que puxo en valor o perfil das docentes do programa, “mulleres intelixentes e expertas que non só teñen un gran coñecemento, senón que ademais son capaces de crear pensamento crítico e espertar conciencias tanto entre o profesorado, que como todas e todos tamén tivo que formarse en cuestións que lles eran descoñecidas, como entre as persoas máis novas”.

A mocidade, precisamente, é a que debe dar o paso xa que “o futuro está nas súas mans”. Con “Canteira de Igualdade”, explicou Carmela Silva, “o que quixemos era que mirásedes o mundo con outros ollos, cos lentes violetas que vos permitan identificar as violencias machistas e desigualdades para borralas por completo do mapa e crear un mundo novo que sexa igualitario”. Para iso, engadiu, “non é necesario soamente adquirir novos coñecementos senón tamén desaprender, cuestionar todo o que nos transmitiron como se fose a verdade universal e non estereotipos reproducidos ao longo dos séculos. Agardo que entre todas e todos consigamos que as resistencias contra o feminismo non consigan que retrocedamos e perdamos todo o que nos corresponde e que, moi lentamente e con moito esforzo e sacrificio, fomos recuperando”.

A formación de “Canteira de Igualdade” realizouse os sábados en horario de 10 a 14 horas cunha duración de 50 horas das que 40 foron de formación presencial e 10 de traballo práctico. Participaron uns 30 mozos e mozas da zona de Vigo, do que o 82% eran mulleres e o 18% homes, que tamén hoxe recibiron cadanseu diploma acreditativo por ter participado no programa. Na xornada de clausura o alumnado, tanto individualmente como en grupo, presentou os seus traballos finais, nos que tiveron que integrar os coñecementos aprendidos e facer achegas ao resto do grupo. Para iso, empregaron desde música con mensaxes a prol da igualdade ata clases de autodefensa, pasando por enquisas a persoas mozas e entrevistas gravadas en vídeo, distintas ferramentas para que cadaquén atopase a súa propia canle onde amosar o coñecemento interiorizado. Trala exposición, entregáronselles os diplomas que certifican as 50 horas de formación completadas.

As coordinadoras do programa –Priscila Retamozo, Chis Oliveira, Amada Traba e Luisa Abad– amosaron a súa satisfacción coas redes que creou o alumnado, que permitiron construír un espazo seguro onde compartir vivencias impactantes. Nas sesións, as docentes comprobaron que as denuncias das expertas sobre a presenza de pornografía desde idades temperás é unha realidade preocupante. Tamén se falou sobre os insultos machistas, os bulos sobre a violencia de xénero e o descoñecemento en saúde afectivo-sexual. En canto á resposta do alumnado, esta foi inmellorable, todas e todos agradeceron a creación deste espazo e aseguraron que esta información debería estar ao alcance de todo o mundo. As docentes instáronas a facer de activistas e compartir coas súas contornas todo o que aprenderon en “Canteira de Igualdade”.

Durante estes meses afondaron en cuestións como xénero, patriarcado, androcentrismo, sexismo, machismo, feminismo, violencia machista simbólica e material, linguaxe non sexista, socialización diferencial, lei do agrado, coidados, dependencia e submisión, feminidade tradicional, mandatos da masculinidade, masculinidade hexemónica e masculinidades alternativas, división sexual do traballo, corresponsabilidade, sexualidade e os seus modelos, corpo e tiranía da beleza, pracer feminino e desexo, diversidade, amor, uso consciente das redes sociais, ciberdelitos, relacións virtuais, abuso na rede, pornografía, prostitución, mito da libre elección, e feminismo e a súa historia como motor de transformación.

As docentes do programa foron Chis Oliveira (catedrática de Filosofía, experta en educación afectivo-sexual e impulsora do proxecto coeducativo “Comando Igualdade”), Priscila Retamozo (politóloga e coordinadora externa de “Comando Igualdade”), Luisa Abad (licenciada en Pedagoxía pola Universidade de Barcelona, mestra de educación infantil e primaria, asesora de Formación Permanente no CEFORE de Vigo e orientadora escolar de secundaria), Amada Traba (experta en políticas de igualdade con máis de tres décadas de experiencia asesorando no campo da socioloxía de xénero e políticas de igualdade), Silvia Pérez (doutora en Socioloxía e investigadora social especializada en violencia de xénero, docente desde 2007 en Socioloxía na Universidade de Vigo), Cristina Louzán (axente de igualdade especializada en teoría feminista e prevención da violencia cara ás mulleres), Mónica Baleirón (licenciada en Filoloxía Hispánica e mestrada en Igualdade, Xénero e Educación) e Lola Varela (profesora de Ensino Secundario de Lingua Castelá e Literatura, con cargos directivos na súa carreira docente. Recibiu o premio “Irene La Paz Empieza en Casa” do Ministerio de Educación en 2011 polo traballo “Mellorando a convivencia entre iguais”).

Galerias de imaxes