A Deputación dará a coñecer na feira TTG Travel Experience de Rimini, en Italia, as súas liñas de traballo relacionadas co Camiño de Santiago e o turismo lento

A deputada de Turismo, Nava Castro, participará este xoves 12 de outubro nunha mesa de debate organizada polo Centro de Estudos Avanzados en Turismo da Universidade de Bolonia centrada nas experiencias de peregrinación en Europa

11/10/2023

A Deputación de Pontevedra dará a coñecer este xoves 12 de outubro as súas liñas de traballo relacionadas co Camiño de Santiago e o turismo lento na feira TTG Travel Experience de Rimini, en Italia. Trátase dun salón internacional de turismo que cada ano acolle as presentacións das principais novidades do mercado ás e aos profesionais do sector (operadoras e operadores turísticos, liñas aéreas, axentes de viaxe etc.) e no que a deputada provincial, Nava Castro, terá unha presenza activa a través da súa participación na mesa de debate sobre experiencias de peregrinación en Europa organizada polo Centro de Estudos Avanzados en Turismo da Universidade de Bolonia.

No debate, moderado polo profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e líder do proxecto rurAllure (“Promotion of rural museums and heritage sites in the vincinity of European pilgrimage routes”) do programa Horizonte 2020 da Unión Europea, xuntaranse representantes europeas e europeos nos campos do turismo, da cultura e do patrimonio cultural para afondar no turismo de peregrinacións. Así, xunto a Nava Castro daranse cita, entre outras personalidades, a directora do Departamento de Políticas Culturais do Ministerio de Cultura de Letonia, Baiba Murniece; o presidente da Asociación Europea da Vía Romea Xermánica, Thomas Dahms; a xerente do INORDE, Emma González; e profesorado universitario italiano e holandés.

Nava Castro afondará nas experiencias da provincia de Pontevedra relacionadas coas rutas de peregrinación cara a Compostela e a súa incidencia no desenvolvemento rural e no turismo lento. Neste eido, destacará na súa conferencia a importancia de “traballar na mellora do trazado das rutas cara a Compostela e tamén na acollida, incrementando e desenvolvendo aqueles servizos que demande o peregrino, o que repercutirá nun incremento progresivo e sostible da chegada de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago pola provincia de Pontevedra”.

Tamén insistirá na necesidade de promover a cooperación arredor das rutas de peregrinación como unha oportunidade para impulsar a economía das rexións e frear o avance do despoboamento do rural, “un dos obxectivos de desenvolvemento do turismo sostible”. “Creo ―en palabras da deputada― que é preciso promover a cooperación público-privada e transnacional, estratexias comúns e, sobre todo, acadar financiación para desenvolver de forma conxunta destinos e produtos turísticos sostibles, rendibles e de calidade”. Ademais, na súa intervención, Nava Castro fará fincapé na importancia de “crear unha rede de relacións internacionais para aprender, intercambiar e estender o modelo de xestión dos camiños de Santiago, fomentando unha verdadeira implicación institucional e unha planificación de accións a nivel europeo que axude a promoción e desenvolvemento do Camiño en toda Europa. Debe haber unha política común de aposta, defensa e promoción do Camiño de Santiago como parte do patrimonio común que nos une a Europa e, para iso, é necesaria unha cooperación real e un impulso económico e estratéxico do Programa de Itinerarios Culturais do Consello de Europa que nos permita converter este tipo de itinerarios en verdadeiros produtos turísticos”.