25 empresas e entidades pontevedresas promocionan este mércores en Alacante a oferta turística da provincia da man da Deputación

A deputada de Turismo, Nava Castro, será a encargada de presentar a oferta turística da provincia e fará fincapé nas alternativas existentes para gozar dela durante todo o ano

17/10/2023

Ata 25 empresas do sector turístico da provincia promocionarán este mércores 18 de outubro en Alacante e da man da Deputación as alternativas que ofrecen para gozar de Pontevedra. Farano no marco da reunión de traballo que a institución provincial organiza no Hotel Spa Porta Maris by Meliá da cidade alacantina e  na que a deputada de Turismo, Nava Castro, será a encargada de presentar a ampla oferta turística da provincia e fará fincapé nas alternativas existentes para gozar dela durante todo o ano. As empresas pontevedresas manterán encontros de traballo con máis de medio cento de entidades de Alacante, Elche, Benidorm, Guardamar, Campello, Villalonga e, entre outras localidades, Orihuela.

“Pontevedra é moito máis que sol e praia”, remarcou Castro, e fixo fincapé en que a provincia ofrece innumerables alternativas para gozar nas catro estacións e que é precisamente neste aspecto no que vai centrar a súa intervención na reunión de traballo en Alacante. “Veñen agora por diante unhas datas cheas de maxia e o Nadal en Pontevedra é espectacular. Tamén temos un Entroido único, con propostas singulares e moi diferentes coma os Xenerais do Ulla ou as Madamas e os Galáns de Cobres; e se a isto lle engadimos unha gastronomía con produtos tan especiais que se converteron en embaixadores da nosa provincia, uns viños da Denominación de Orixe Rías Baixas recoñecidos en todo o mundo, unha oferta termal de calidade, ou as múltiples opcións de Camiños cara a Santiago que pasan pola provincia, sobran os motivos para visitar Pontevedra”, subliñou a deputada. Ademais, Nava Castro aproveitará a ocasión para anunciar que o Goberno provincial fará un esforzo considerable por impulsar o turismo MICE ou de reunións, incentivos, congresos e eventos partindo de lugares coma o castelo de Soutomaior, “espectacular para, entre outras cuestións, celebrar congresos especializados en turismo”.

O reunión de traballo comezará ás 19:45 horas coa recepción das empresas da provincia de Alacante no Hotel Spa Porta Maris by Meliá. Os encontros entre empresas pontevedresas e alacantinas estenderanse ata as 21:45 horas, cando comezará a presentación do destino Rías Baixas cunha actuación musical de Narci Rodríguez —que tamén pechará o evento— acompañada de imaxes da provincia de Pontevedra. Posteriormente, a deputada provincial Nava Castro e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, darán a coñecer a oferta turística e as alternativas existentes para gozar de Pontevedra durante todo o ano. Finalmente, proxectaranse máis audiovisuais e imaxes da provincia e terá lugar un cóctel degustación.

Entre as empresas da provincia de Pontevedra atópanse axencias de viaxe coma Galiwonders, Viajes Celtravel, Circuitos Galicia Viajes, Viajes Interrías, Vio Viajes, Tee Travel e Simply Galicia; hoteis coma Villa Covelo, Zenit Vigo, Talaso Atlántico, Hotel Alfonso I, Alda Hotels, Pazo Los Escudos, Veiga Mariña Hotel Rural, Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Hotel Bahía de Vigo ou Hotel Attica 21 Vigo; outros aloxamentos coma Galicia Villas e Casa do Sear; e a oferta complementaria representada por Bodegas Vionta, Paco&Lola, Bodegas Terras Gauda, Piragüilla Ocio y Aventura, Ocean Secrets e o castelo de Soutomaior. Todas estas empresas terán a oportunidade de contactar con máis de medio cento de empresas alacantinas, procedentes de localidades coma Alacante, Elche, Benidorm, Guardamar, Campello, Villalonga ou Orihuela, entre as que destacan, principalmente, axencias de viaxe que amosaron de antemán a súa vontade de coñecer a provincia de Pontevedra con maior profundidade, contactar con provedores da zona, descubrir as opcións turísticas que ofrece, e tamén obter información sobre rutas, cultura, experiencias e servizos complementarios.