A Deputación presenta os Rías Baixas Fest, as sete citas imprescindibles deste verán en Pontevedra provincia

Os sete festivais celébranse entre o 30 de xuño e o 10 de setembro e serán o escaparate dos valores culturais, paisaxísticos, turísticos e gastronómicos da provincia de Pontevedra

19/06/2023

Rías Baixas Fest  2023

O Pazo provincial da Deputación acolleu un ano máis a presentación dos Rías Baixas Fest, a marca que aglutina as sete grandes citas da provincia, que acumulan centos de miles de participantes e onde se reúnen os grandes nomes do panorama estatal e internacional da música, o deporte ou a gastronomía: Vive Nigrán, PortAmérica, Atlantic Fest, SinSal, SonRías Baixas, O Marisquiño e Revenidas. A deputada de Turismo en funcións, Ana Laura Iglesias, e representantes tanto das promotoras dos festivais como dos concellos onde se celebran estes eventos (Nigrán, Caldas, Portas, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Bueu e Vigo), aos que se sumou a presidenta da Deputación en funcións, Carmela Silva, deron as claves da edición deste ano, que se espallará entre o 30 de xuño e o 10 de setembro. A presentación contou coa actuación da cantante Zeltia, que abriu e pechou o acto coas cancións “Voltarei” e “Agardando amencer”.

Ana Laura Iglesias lembrou que Rías Baixas Fest é “unha marca que aglutina os sete festivais máis importantes da provincia, coa que nos posicionamos no panorama estatal como un territorio onde se dan as citas imprescindibles da música, a gastronomía, o deporte urbano, a sostibilidade e a igualdade”. A deputada en funcións sinalou que a marca é “un éxito de todas e todos, administracións e sector, consolidada e coñecida a nivel internacional”, ademais de seren “unha referencia en festivais sostibles”. Recordou que esta foi “unha idea do sector que recollemos e grazas á cal conseguimos cousas moi relevantes” co obxectivo de “promover os valores culturais, paisaxísticos, turísticos e gastronómicos da nosa provincia” e “converternos nun referente, algo que non sería posible sen tanto esforzo, dedicación, sacrificio e sobre todo paixón por parte dos festivais, que loitades ano tras ano para traer os mellores talentos do panorama internacional e por encher a provincia de felicidade”. En definitiva, asegurou Iglesias, “os Rías Baixas Fest son o orgullo da provincia e para a Deputación é un pracer poder formar parte deles”.

Durante o acto tamén interviu Xoán Quintáns (de Revenidas) como altofalante das promotoras dos festivais, que sinalou a “tremenda evolución que vivimos os Rías Baixas Fest desde que entramos nesta marca provincial en valores como a igualdade ou a sostibilidade, nos que traballamos conxuntamente”. Nestes aspectos, Quintáns sinalou no ámbito da igualdade “como pasamos de carteis 100% masculinos en 2016 a moitos carteis paritarios”, na sostibilidade “a xestión de residuos e a aposta por produtos de quilómetro cero como valor engadido, como na sardiñada de Vilaxoán ou coa presenza de viños con denominación de orixe da provincia nas barras”, e tamén puxo en valor a evolución tecnolóxica “pasando de tíquets a pulseiras cashless ou o control tecnolóxico de capacidade”. Todos eles exemplos de como “os avances da sociedade son tremendos e os festivais non somos alleos a eles”. Ademais, Quintáns agradeceu a Deputación “polo traballo feito, xa que sabemos que somos un colectivo que pide moito, pero que tamén agradece que se nos esixa”.

Música, gastronomía, cultura urbana e paisaxe: os catro alicerces dos Rías Baixas Fest

Nos Rías Baixas Fest danse a man a música, a gastronomía, a cultura urbana e tamén a paisaxe. A gastronomía é un dos puntos fortes dos Rías Baixas Fest, como escaparate dos produtores e produtoras, dos produtos e da cociña da provincia, e tamén porque se converten nun punto de encontro para a gastronomía nacional e internacional. Como exemplos, o showcooking de PortAmérica, a tradicional Sardiñada de Revenidas ou a nova Zona Gastro que vai poñer en marcha O Marisquiño. En canto á cultura urbana, salienta tamén O Marisquiño, que levará a exhibición de deportes como skate, BMX Freestyle, dirt jump ou basket 3x3, entre outros, a diversos espazos da cidade olívica. E como punto común, a posta en valor do territorio: as contornas costeiras e vilas mariñeiras de Nigrán, Vigo, Vilagarcía, Vilaxoán e a Illa de San Simón, un importante elemento do patrimonio industrial e do Camiño de Santiago como é a Azucreira de Portas no PortAmérica ou o casco vello de Vigo.

Os Rías Baixas Fest arrancarán con Vive Nigrán, que volverá a Praia América entre os días 30 de xuño e  1 de xullo. O seguintes mes, en xullo, terán lugares outros tres festivais: o PortAmérica, na Azucreira de Portas do 13 ao 15 de xullo, o Atlantic Fest, que desembarca na contorna da praia da Concha (Vilagarcía de Arousa) do 20 ao 23 de xullo, e mais o SinSal Son Estrella Galicia, na Illa de San Simón (Redondela) entre os días 21 e 23 de xullo. En agosto, o SonRías Baixas celebrará o seu 20º aniversario en Bueu entre os días 3 e 5 de agosto e O Marisquiño volve á cidade de Vigo do 10 ao 13 de agosto. Finalmente, case ao remato do verán pecha o calendario dos Rías Baixas Fest 2023 o Revenidas, onde as sardiñas serán protagonistas do 7 ao 10 de setembro en Vilaxoán (Vilagarcía).

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.