A Deputación e Regalamúsica lanzan a segunda edición do programa “Descúbreas” para o fomento do talento feminino na industria musical

Ata o 11 de marzo as nenas e mozas de 16 a 30 anos da provincia poderán solicitar a súa participación neste proxecto de mentoring, que de novo ofrece 8 prazas para axudarlles a iniciar os seus pasos na industria musical

19/02/2022

A Deputación de Pontevedra, en colaboración con Regalamúsica, vén de lanzar a segunda edición do programa “Descúbreas”, o seu pioneiro proxecto de empoderamento das rapazas do ámbito musical que ten como obxectivo terminar coa brecha de xénero e a invisibilización das mulleres nesta industria. Esta nova edición arranca coa apertura do prazo de inscrición no programa de mentoring que constitúe un dos eixos centrais de “Descúbreas” e que permitirá a 8 nenas e mozas da provincia iniciar os seus pasos profesionais na música da man de mulleres referentes do sector en Galicia.

“Este é un proxecto pioneiro e potentísimo que na súa primeira edición ten sido un exitazo –destaca a presidenta provincial, Carmela Silva- e que está na liña que defendemos sobre o feito de que a igualdade entre homes e mulleres é fundamental e non pode reducirse a palabrerías, senón que ten que dotarse de accións en todos os ámbitos”. Engadiu que este programa “está a conseguir unha gran presenza e moitas oportunidades para as nenas e mozas” e, deste xeito, citou que moitos concellos da provincia xa utilizaron o pasado ano directorio de artistas que contén a plataforma web de “Descúbreas” para realizar contratacións musicais.

Este segundo programa de titorización  irá acompañado ao longo do ano, como subliñou a presidente, “doutras actividades de visibilización das mulleres da música”. Desde agora e ata o vindeiro 11 de marzo, nenas e rapazas de entre 16 e 30 anos poden solicitar a súa participación en “Descúbreas Mentoring” preferentemente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Deputación, e teñen tamén a información dispoñible nesta ligazón que atoparán na web do programa (Descubreas.com). De acordo ás bases do proxecto, ofrécense 8 prazas neste programa titorizado por persoal especializado , cunha duración estimada de catro meses, e no que nenas e mozas terán acceso a un itinerario individualizado, así como á gravación dunha canción propia en estudio e á gravación e realización dun vídeo musical, filmado por un equipo audiovisual de profesionais de Regalamúsica. Trátase de bolsas cun valor estimado cada unha de 1.000€.

Mentoras referentes

As mentorías estarán impartidas por mulleres referentes na industria musical e a iniciativa inclúe tamén diversas accións que lles aportarán ás participantes as ferramentas necesarias para iniciar a súa andadura na industria, amais de abrirlles as portas a novas vocacións máis técnicas ou de xestión do sector cultural. Raquel Seijo, xerente de Sweet Nocturna e presidenta de Festivais de Galicia; Patricia Hermida, xerente de Dotbeat e copresidenta do International Music Managers Forum (IMMF) e a artista Wöyza, unha das mellores voces do rap e o Rhythm & Blues, son algunhas das mentoras da primeira edición do proxecto, ás que se sumarán outras mulleres de relevancia nacional e internacional. Entre elas Salomé Limón, produtora musical gañadora de 5 Latin Grammy e que ten traballado con artistas como Andrés Calamaro, Paco de Lucía, Anoushka Shankar, Chick Corea, John Legend, Vampire Weekend ou con Enrique e Estrella Morente entre outros, e que amais do mentoring tamén participará noutro dos actos previstos en “Descúbreas”.

A industria da música amosa cifras moi afastadas da paridade. Segundo datos do estudo publicado o pasado ano 2021 pola Asociación de Mulleres na Industria Musical, case o 70% das mulleres deste sector en España cobra menos do soldo medio dos homes e as mulleres só lideran o 37% das empresas musicais de España. Amais, só un 14% dirixen discográficas independentes e non hai ningunha ao fronte das grandes multinacionais.

Amais do proxecto de mentoring, o programa “Descúbreas” aporta outras ferramentas para a visibilización do talento feminino na industria, dispoñibles na súa páxina web, como o directorio de profesionais e escolas do que xa teñen xurdido algunhas oportunidades laborais para técnicas e artistas ou os videotutoriais e o foro para resolver dúbidas e axudar ás mozas a dar os seus primeiros pasos no seu proxecto musical. A plataforma ofrece tamén información e axenda de concertos con perspectiva de xénero.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.