O Ciclo Mestre Mateo chega ao concello da Estrada este luns 2 de outubro, coa proxección do filme “Valentina”

O pase desta película de animación, dirixida por Chelo Loureiro, terá lugar ás 17:00 horas nos Minicines Central

01/10/2023

O Concello da Estrada súmase este luns 2 de outubro ás proxeccións da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo que promoven a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra para achegarlles as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Deste xeito, os Minicines Central acollerán ás 17:00 horas o pase da película de animación Valentina, dirixida por Chelo Loureiro e finalista dos Mestre Mateo nesta categoría.

O filme, gañador do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos Premios da Academia Española de Cine, amosa a historia de Valentina, unha nena que soña con ser trapecista, pero que cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa avoa, que lle ensina a xogar ao xadrez e un montón de cancións, anímaa sempre a perseverar: se os vermes conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. Valentina non está moi convencida, aínda que unha viaxe máxica descubriralle do que é capaz. A película tamén está producida por Chelo Loureiro, xunto a Noa García, Brandán de Brano, Mariano Baratech e Luís da Matta, e e conta coa banda sonora de Nani García e as voces de Andrés Suárez, María Manuela, Uxía e Pilocha, entre outras..

Ademais da Estrada, os outros concellos nos que recala esta segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son os de Baiona, A Guarda, O Grove e Caldas de Reis. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  

O resto de títulos do programa son os filmes finalistas destes galardóns. É o caso dos documentais Onde máis doe, de Manane Rodríguez, estreado o pasado 2022 no OUFF-Ourense Film Festival; No somos nada, de Javier Corcuera, Premio do Público no Festival In-Edit de Barcelona, e A Foreign Song de César Souto, gañador dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón. Tamén é caso das películas Live is Life, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e Código Emperador de Jorge Coira, que foi estreada no XXIV Festival de Málaga.
  

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 19 resultados.