Tomiño, protagonista dun “obradoiro“ da Facultade Ágora da Deputación para coñecer de maneira práctica como recuperar espazo público para as persoas

Persoal técnico de diferentes concellos da provincia participará o vindeiro xoves 30 nunha visita ao municipio e analizarán as obras do Seixo, Figueiró e Goián

23/06/2022

Facultade Ágora

O Concello da Tomiño será o vindeiro xoves 30 protagonista dun dos ‘Obradoiros Ágora’ que está a desenvolver a Facultade Ágora da Deputación para formar ao persoal técnico e político dos concellos da provincia co fin de recuperar espazo público para as persoas. Representantes de diferentes municipios visitarán o municipio miñoto para facer unha análise das obras realizadas nos últimos anos e aprender xunto ao especialista Mateus Porto cales son as mellores fórmulas para priorizar ás persoas fronte os vehículos.

Segundo explica o deputado de Mobilidade e Espazo Público e concelleiro en Tomiño Uxío Benítez, o obxectivo dos ‘Obradoiros Ágora’ é adquirir coñecementos técnicos de forma concreta e práctica, visibilizar como se vai plasmando a filosofía Ágora no espazo público dos ‘Concellos Ágora’.

Durante a xornada aplicarase unha metodoloxía innovadora para que todas as persoas participantes tiren o máximo rendemento: haberá unha deriva de observación libre –na que cada persoa tirará fotografías de elementos salientables do espazo público local para logo comentar-, debate colectivo en grupo e visitas comentadas a espazos  reformados con solucións innovadoras. Falarase en xeral do ‘modelo Tomiño’ e entre as zonas que se analizarán estarán o núcleo do Seixo, a parroquia de Figueiró –onde se creou un núcleo de centralidade- e a zona de Goián, tres actuacións singulares que recollen a filosofía Ágora.

O ‘Observador Ágora’ que estará presente e fará as súas achegas externas será nesta ocasión o arquitecto Mateus Porto, quen xa participara como relator na anterior edición da Facultade Ágora falando de como facer “funcionar” vilas e cidades.

En xeral, a xornada de traballo servirá para aplicar conceptos teóricos adquiridos na primeira edición da Facultade durante o ano pasado. Quérense buscar solucións prácticas a necesidades que se repiten en todos os concellos: saber como repartir o espazo público, como utilizar criterios de deseño, como resolver interseccións, ou como xestionar o tráfico, entre outras cuestións. 

A falta de pechar a inscrición, está confirmado que asistirán ao obradoiro de Tomiño representantes políticos e técnicos de alomenos 10 concellos da provincia, así como persoal provincial responsable da redacción de proxectos de reforma urbana, e integrantes de consultoras que traballan para as administracións públicas, sendo a asistencia restrinxida para unha correcta celebración do evento dada a súa tipoloxía práctica.

O primeiro dos ‘Obradoiros Ágora’ celebrouse o pasado día 16 en A Estrada e os seguintes serán en Ponteareas e Vilagarcía de Arousa despois do verán.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.