Día feliz para o alumnado do CPI Mosteiro de Meis na estrea das visitas escolares ao CAAN da Deputación

Corenta nenos e nenas de 4º de Primaria puideron coñecer o funcionamento do centro e interactuar con cans e cadelas nunha emocionante xornada na que tamén se levaron para casa o libro “Benvida á casa, Onza”, da campaña EduCAANdo

07/04/2022

CAAN

Era a súa primeira excursión trala pandemia e, como subliñaba unha das súas profesoras, “non terían desfrutado máis en ningún outro sitio”. Escolares de 4º de Primaria do CPI Mosteiro (Meis) estrearon esta semana as visitas ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra nunha xornada na que non só aprenderon moito sobre os coidados que deben ter os cans e cadelas, senón que desfrutaron ao máximo compartindo tempo e agarimos con varios dos animais do centro. A visita forma parte da campaña EduCAANdo, que desenvolve a Deputación entre escolares de Primaria para favorecer as adopcións e concienciar sobre o abandono animal, e os e as pequenas leváronse para as súas casas o libro estrela desta iniciativa, “Benvida á casa, Onza”, do que a institución leva repartidos máis de 1.500 exemplares en diversos centros da provincia.

“Aquí os cans e cadelas están moi ben coidados, pero non é onde deben estar, o noso obxectivo é que teñan un fogar e unha familia”, contoulles o deputado Manuel González ao darlles a benvida. As referencias á concienciación sobre o abandono animal e as adopcións estiveron presentes en toda a visita, na que os 40 rapaces e rapazas, acompañados das súas titoras, Julia Martínez e Pilar Rodríguez e divididos en grupos, seguiron moi atentamente as explicacións do equipo veterinario formado por Marcos Gómez, Santos Javier e Silvia Rivas e deixaron patente a súa curiosidade e coñecementos.

Con “Pipo”, un agarimoso cachorro mestizo de cinco meses, e “Tuco”, de tres meses, que fora recollido nun colector en Valga, coñeceron todos os pasos que segue un animal cando chega ao CAAN, desde o pesado, o control de temperatura, o completo exame veterinario ata a medicación para os parasitos internos e externos e as vacinas, así como a alta no rexistro de animais da Xunta. Santos Javier tamén lles ofreceu consellos sobre a alimentación máis adecuada, sobre a hixiene que deben levar os animais e a necesidade de pasealos para a súa socialización e premialos “cando obedecen e fan as cousas ben”. E faloulles así mesmo da obrigatoriedade de identificalos con chip, amosándolles como o realizan no centro, así como da dura realidade dos abandonos que se seguen a producir.
Amais, os e as escolares visitaron a sala de quirófano e coñeceron os equipos de radiodiagnóstico de que dispón o centro, pero sen dúbida a súa parte favorita chegou no momento en que puideron acariciar a varios animais no “patio de recreo” onde cada xornada pasean co personal do CAAN. Nel desfixéronse en abrazos con catro cachorros que apareceran fai tres meses en Pontecesures nun colector e que xa están plenamente recuperados. De feito, un deles, “Yogui”, atopou un novo fogar ao día seguinte da visita.

“E a todos dádelles de comer...?”

Tamén desfrutaron con “Cuca”, unha mestiza que amosou o seu tranquilo carácter, ca preciosa “Tina” e con “Casala”, unha mastín que fora recollida no concello de Vila de Cruces. Abraiáronse cando o veterinario Marcos Gómez lles explicou que nas instalacións hai na actualidade ao redor de 200 animais e houbo quen pensou de seguido na loxística: “E a todos dádelles de comer...!?”. Tamén se sorprenderon cando coñeceron as excepcionais cifras de adopción no centro (660 o pasado ano), e impresionoulles saber cantos animais recolle ao ano o CAAN, máis de mil o pasado 2021. “Aínda así, cerca de 400 foron devoltos aos seus donos mesmo no sitio onde apareceron, mentres que a outros 300 os viñeron a buscar aquí”, contoulles Gómez, quen lles advertiu sobre a necesidade de vixiar ben aos cans e cadelas para evitar que escapen.  

A profesora Pilar Rodríguez explicou que antes da visita xa habían traballado no colexio sobre o CAAN a partir de noticias recollidas nos xornais, por exemplo, a feliz adopción de “Cabo”, un can de 11 anos que aparecera ferido nun acantilado en Sanxenxo e que xa está fóra do centro trala súa recuperación. Agora, co libro “Benvida á casa, Onza” nas súas mans, que resume a través da historia dunha nena de sete anos, Xiana, e a súa cadela Onza o proceso de adopción e adaptación dos animais aos seus novos fogares, seguirán a traballar na aula todas as cuestións aprendidas.    

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.