Axenda de actividades provinciais
Exposición itinerante “Camiños do Sur”
A exposición itinerante “Camiños do Sur”, que impulsa a Deputación, busca valorizar o patrimonio natural e cultural das vías transfronteirizas que discorren pola provincia cara Compostela como o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa, enxalzando a súa natureza e as oportunidades de desenvolvemento económico e social sostible que xeran
Información
“Camiños do Sur”, que ocupará un espazo de 150 metros cadrados, difundirá información sobre as rutas portuguesas cara Compostela que atravesan a provincia a través de cubos retroiluminados e taboleiros con deseños atractivos e modernos. A mostra contará con imaxes de gran formato e mobiliario contemporáneo, práctico, atractivo e versátil adaptado ao espazo, que presentará “mundos diversos”, paisaxes, vilas, cidades, persoas e culturas a carón dos camiños. En concreto, amosaranse percorridos e datos históricos sobre os camiños, centrando a atención nos contrastes, nas relacións e similitudes entre as paisaxes, así como información sobre os núcleos de poboación que percorren as persoas peregrinas e sobre o seu patrimonio, as súas xentes, as súas tradicións e a gastronomía.