#HaiMulleres
"Mulleres en acción: Violencia zero"
2022-2023
Artistas aliadas
Nós contra as violencias machistas
A nosa realidade como mulleres, 7 anos despois
…
En 2015 “Mulleres en acción. Violencia zero” nacía da necesidade de reivindicar a loita contra as violencias machistas desde a cultura e a arte. A violencia machista estaba a evidenciar a súa capacidade de mudar de formas e canles para permanecer na nosa sociedade e, o máis grave, para perpetuarse entre as novas xeracións. Sete anos despois, arrincamos a oitava edición deste programa que se fai máis necesario que nunca, co desenvolvemento de accións sensibilizadoras nun escenario que foi empeorando nos últimos tempos, co encrudecemento e o incremento das múltiples faces da violencia contra as mulleres, mais tamén coa emerxencia de novos e vellos discursos que negan esta realidade tan dramática.
Nesta situación tan desesperanzadora, “Mulleres en acción. Violencia zero” non se resigna e volve á rúa co fin de seguir mobilizando conciencias e de implicar a toda a cidadanía na revolución feminista cada vez máis urxente na procura de posibles saídas. Máis de 160 accións e centos de persoas implicadas ao longo destas edicións fan que sigamos crendo nas persoas e, sobre todo, na mocidade, como substrato para esta semente transformadora na loita para reivindicar a causa máis xusta: a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Para esta oitava edición, propoñemos manter os procesos participativos (recuperados recentemente tras a COVID-19), coa programación dalgunhas pezas con obradoiro previo, e recuperar precursoras do programa (artistas que fixeron emerxer e crecer #ViolenciaZero), ademais de xerar alianzas entre elas e con novas colaboradoras, para idear xuntas pezas inéditas con dúas funcións en dous concellos: Artistas aliadas.
E, ao mesmo tempo, propoñemos ocupar o espazo público de dous xeitos: de forma efémera, coas accións artísticas reivindicativas, e de forma permanente, con intervencións de arte urbana, para amosar que #HaiMulleres con gran talento en todas as disciplinas creativas e culturais. Performance, danza, música, teatro, muralismo, poesía e audiovisual danse a man para crear obras colaborativas e reivindicativas: dos nosos dereitos, do noso lugar no mundo.
Artistas aliadas. Mulleres aliadas
Aliadas coa igualdade, coa cultura como arma en prol dunha sociedade máis xusta.
Nós, aquí, contra as violencias machistas.
ARTISTAS
Somos DUELIRIUM (Raquel Oitavén e Mercè Solé)
Somos DUELIRIUM
Somos creadoras, artistas de circo e deseñadoras de dispositivos e sistemas aéreos.
Comezamos no 2001 a nosa viaxe xuntas, motivadas pola linguaxe dos corpos suspendidos e a súa expresividade.
Impulsámonos a investigar sobre as posibilidades do movemento no espazo aéreo e deseñamos diferentes mecanismos técnicos e aparatos circenses na creación das nosas pezas.
A danza, a acrobacia, a poesía e a plasticidade son a canle pola que transmitimos os valores esenciais da compañía, o sinxelo, o humano e o afectivo, son as inquedanzas que habitan e navegan na base.
Sempre na procura do noso estilo e vocabulario propio percorremos Europa coas nosas producións. Como Aviadoras, que participou no programa europeo de Jeunes talents de cirque 2009, ou O que queda por chover no Festival Internacional Imaginarius de Portugal. Por separado, compaxinamos traballos individuais e para outras compañías xunto coa docencia.
En 2016 formamos o Colectivo Verticalia (Duelirium+Determinada Cía.), especializado na fusión de danza contemporánea e danza vertical, co que presentamos a montaxe Alma non é hippie no marco de Circo Red, no Teatro Price, ou no TRC Danza da Coruña, entre outros.
Raquel Oitavén
Creadora escénica, artista de circo aéreo, docente e técnica de seguridade en circo.
É diplomada polo National Centre for Circus Arts de Londres; tamén se formou na Escola do Circo Rogelio Rivel e en seguridade aérea coa Asociación Europea para a Investigación, Innovación e Seguridade das Artes do Circo (AERISC) e coa Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Audiovisuais de Galicia (AGATEC). En danza aprende de bailarinas e bailaríns coma Sharon Fridman, Laly Aiguade, Fabian Thomé, Merce Cunningham Dance Company, Fura dels Baus, La pharmaco, Victoria P. Miranda, Gravity & Levity etc.
Combina a creación de espectáculos en Duelirium e a interpretación para outras compañías coma Pistacatro, Aporía Escénica ou Generating Company, entre outras. Como docente imparte clases de danza, circo aéreo e pole dance nas academias Lodanzas, Danza Alfaia e Circonove, onde tamén xestiona actividades e proxectos culturais. Colaboradora da revista MujerArt Magazine e integrante da Asociación Profesional de Circo de Galicia (APCG).
Mercè Solé
Artista de circo aéreo multidisciplinar, docente e técnica de seguridade en circo. Licenciada no National Centre for Circus Arts e especializada en deseño e investigación de aparatos aéreos, con formación en danza con Merce Cunningham Dance Company, Gravity & Levity e Momix.
Fórmase como técnica en seguridade de circo con Thomas Loriaux (AERISC).
Conta con máis de 15 anos de experiencia como docente en técnicas aéreas, preparación física e flexibilidade, nos centros Circonove ou BSDanza, e é integrante da APCG.
Mónica de Nut
Mónica de Nut (Mónica Iglesias Rodríguez)
Cantante de ópera, jazz, contemporánea e música galega de raíz. Actriz con experiencia na danza contemporánea. Diplomada en Pedagoxía Musical pola Universidade de Vigo, a súa cidade natal, e licenciada pola Escola Superior de Canto de Madrid. Compaxina a docencia coa composición musical; é actriz no eido do audiovisual e no teatro e cantante e teclista en proxectos musicais.
Voz Soa, Intervencións de Rúa e os seus tres discos autoeditados en solitario, Mónica de Nut trío, Dos fíos invisibles chegan as cores e Raíces aéreas, son os seus proxectos. Forma parte do último traballo de Mercedes Peón, Déixaas, de Banda Tosta, representación internacional de música de culturas minorizadas, e Koklea, ambos os proxectos de Oreka Tx.
Entre os seus traballos teatrais destacan o papel de Jenny na produción do Centro Dramático Galego A ópera dos tres reás; Judit na obra Barbazul, dirixida por Marta Pazos, ou en Mujer muerta caminando, de Carlos Álvarez Osorio. No cine participa en Tilda & Jean de Darío Autrán e na recentemente estreada Nación de Margarita Ledo.
Foi premiada polo Festival Internacional de Arte de Sapporo (Xapón, 2014), pola interpretación da obra do compositor Karolis Biveinis Voicing, III parte, pola que recibiron un Silver Award da man de Ryuichi Sakamoto. No 2015 foi finalista do Premio María Casares de Teatro á mellor música escénica pola obra Kassa da compañía Elefante Elegante, e no 2016 foi gañadora desta categoría pola música da obra Manawee da compañía Matrioshka, coa que acaba de estrear a banda sonora da peza Comando comadres, e Miss Docet, de Eléctrica.
Iria Sobrado
Iria Sobrado
(O Carballiño, 1979)
Iria Sobrado é unha artista galega. Compostelá de adopción, “e de corazón”, é actriz de teatro e televisión e a súa proposta artística máis persoal ten forma de performance e de accións escénicas efémeras.
Amante do risco, aposta, na actualidade, por propostas que procuran unha conexión directa coa e co espectador e unha exploración da intimidade.
Actualmente encóntrase inmersa no proceso creativo da súa primeira longametraxe, Aquagym, proxecto seleccionado na convocatoria de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galegoda Axencia Galega das Industrias Culturais.
Gústanlle os fogos de artificio e a poesía, o mar, a calor e o salitre. O poeta Valente e as valentes. John Berger e Tarkovsky. Almudena Grandes e Carla Simón. A palabra. O silencio. E a procura incesante da beleza.
Ana Gesto
Ana Gesto
(Santiago de Compostela, 1978)
Estudou Belas Artes na Universidade de Vigo (2003-2008) e en San Carles de Valencia coa bolsa Sicue/Séneca, e tamén recibiu unha bolsa do Sistema Universitario Galego para estudos de terceiro ciclo (2009-2010). Formou parte do grupo de investigación Resistencia e Materialización da Universidade de Vigo desde 2008 a 2011.
Impartiu obradoiros de arte de acción e artes visuais en varias galerías, museos e escolas. Fixo performance de arte de acción en eventos e participou en exposicións individuais e colectivas a nivel nacional e internacional, como Art d’Acción (Valencia, 2009); Resistencia e materialización UPV/EHU (Bilbao, 2010); Epipiderme (Lisboa, 2011); Line Up Acción (Coímbra, 2011); Acción! MAD11 (Madrid, 2011); Fem Corpología (Girona, 2012); Galería Działań (Varsovia, 2012); XIV Interakcje 2012 (Polonia); Hydra. Küntlerforum Boon (Alemaña, 2013); Corporeidades feministas en España (Costa Rica, 2014); Arqueologías de lo íntimo (León, 2014); Mujeres: territorios artísticos de resistencia, La Nau (Valencia, 2014); La Muga Caula (Cataluña, 2015); Alén dos xéneros MARCO (Vigo e Santiago de Compostela, 2017); Eschangue. Exchange Live Art (Salamanca, 2018); “Mulleres en acción. Violencia zero”, acción colectiva con Ana Matey, Isabel León Guzmán, María Marticorena, tamén no Pao Festival (2019); ROM Kunst+Arkitektur (Oslo, 2019); Camiños incertos, Fundación Camilo José Cela (Padrón, 2020); USCénica (Santiago de Compostela, 2021); Conversas arredor da performance (Universidade de Vigo, 2021); Culturgal, “ViolenciaZero” (Pontevedra, 2021); Memoria e terra. Recolectoras (Lugo, 2022); Mujeres Dadá de Ediciones Canibaal (Valencia, 2022); ou Festival Plataforma 2022, entre outras.
Ana Gesto é performer e artista visual, e desenvolve o seu traballo arredor das prácticas culturais e sociais de forte carácter identitario, onde o proceso é esencial e resólvese a través da presenza, o espazo, a materialidade dos obxectos e o seu son. Tende a usar a escultura coma linguaxe e a experimentación acústica. Traballa con obxectos transmutados de gran valor simbólico e cos sons que o proceso produce. Incorpora a natureza non neutral do espazo nas súas accións, acotío interactúa co público.
Helena Salgueiro
Helena Salgueiro
(Santiago de Compostela, 1995)
É unha performer, intérprete, bailarina, poeta e directora escénica galega. O seu traballo focalízase na performatividade do corpo a través da linguaxe, a escritura e o movemento. Amosou as súas creacións en teatros, museos, espazos e festivais de Galicia, Portugal, o Reino Unido, Suecia e Arabia Saudí. Publicou dous poemarios e unha obra de teatro, ademais de participar en diversas antoloxías de poesía contemporánea e publicacións de investigación e crítica sobre artes performativas, danza e poesía no ámbito galego e británico. Tamén imparte cursos e conferencias en universidades e centros de arte.
María Move
María Move
(León, 1983)
Artista multidisciplinar que reside en Galicia desde 2005. Licenciada en Belas Artes e Música, con formación en danza e técnicas aéreas de circo, enfoca o seu traballo no campo escénico coma creadora, intérprete, compositora, cantante, bailarina e actriz.
Desde 2018 traballa e crea coa Compañía SU.MA (teatro físico, danza e circo) xunto a Sue Moreno e Marc Torrecillas, e centra o traballo de composición musical para danza e teatro xunto a Manuel Fonte e Raúl Grillo.
Entre os seus últimos traballos destacan:
Escénicas: AIREnoAR, 2015, dirección de Rut Balbís; IN MAPA SON, 2017; Toda a beleza do mundo, 2018, Cía. María Move, dirección de Nuria Sotelo; UMU_Música e ritmo para bebés, 2019, dirección de María Move; e IKIGAI, Cía. SU.MA, 2020, dirección de Gonçalo Guerreiro.
Bandas sonoras: Contiguo, 2015, Cía. IO; 4.0, 2018, Cía. Sue Moreno; Puk e Nuk, 2018, Cía. Elías Aguirre; Medula, 2020, Cía. Exire; IKIGAI, 2020, Cía. SU.MA; HOME, 2021, de Beatriz Pérez para Hedwig Dances Chicago.
Ana Abad de Larriva
Ana Abad de Larriva
(Vigo, 1988)
Actriz e creadora escénica, é titulada superior en Arte Dramática na especialidade de Interpretación Xestual pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. Como actriz creadora desenvolve pezas concibidas como poemas escénicos, nas que están moi presentes as artes do movemento (o teatro físico e a danza), o universo feminino, a natureza, a música e o canto (en espazos sonoros compostos e interpretados por ela), desde unha abordaxe performativa e plástica; cunha visión crítica e comprometida e, á vez, poética e inspiradora. As súas creacións foron seleccionadas e resultaron finalistas en diferentes certames e convocatorias (o Metro Cadrado do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Festival de Pezas dun Teatro do Porvir da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o 67.º Ourense Fervescénica do Festival Internacional de Teatro de Ourense...).
Como dramaturga, gañou en 2022 o Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con A nunca vista; en 2021 o Premio de Microteatro da Memoria, convocado pola Deputación de Pontevedra e a ESAD de Galicia, por Un biolo na noite; e en 2019 o Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais, convocado polo IES Ribeira do Louro, o Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, por A sombra das árbores. En 2022 gañou tamén a bolsa de dramaturxia do Centro Dramático Galego (CDG) co proxecto Bailar no ceo e actualmente forma parte do equipo da produción, tamén do CDG, Shakespeare en Roma, asumindo a dramaturxia de Antonio e Cleopatra. Ademais, textos seus foron publicados por diferentes editoriais: Galaxia, Invasoras, Á Feira Edicións...; algúns deles acompañados por ilustracións da propia autora. Tamén é doutora en Comunicación pola Universidade de Vigo cunha tese sobre a construción da presenza a partir do adestramento actoral.
Rut Balbís
Rut Balbís
(Ourense, 1979)
Creadora-coreógrafa, intérprete e docente en artes do movemento, é licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, alén de realizar o One Year Certificate in Contemporary Dance en The Place, Londres.
Dirixe a súa propia agrupación Pisando Ovos desde 2004, coa que recibiu o primeiro premio do XXI Certame Coreográfico de Madrid no 2007. A compañía conta con nove creacións coas que participa de forma habitual nas redes de teatros autonómicas e nacionais, así como nalgúns dos festivais nacionais ou internacionais máis destacados do panorama actual das artes vivas.
En paralelo ao seu proxecto con Pisando Ovos, colabora con outras compañías de teatro e danza na dirección e asesoramento de movemento como con Las Tricotouses, Chévere, Traspediante, Voadora, Paula Quintas, Masamadre, Marelas Teatro, Aire no Ar, Sarabela Teatro, Pista Catro ou o Centro Dramático de Galicia; e tamén como intérprete con Matarile Teatro, Iker Gómez, Lipi Hernández ou Licenciada Sotelo.
Rut participou en diferentes proxectos audiovisuais coma os de videodanza Danza na terra de Vilaboy, Katiuska de Antón Coucheiro, ou na curtametraxe Marcela e Elisa de Toño Chouza.
Como docente dirixiu a Aula de Danza Normal da Universidade da Coruña durante trece anos. Ademais, é integrante do colectivo RPM e foi colaboradora habitual da sección de artes do movemento do Diario Cultural da Radio Galega.
No ano 2019 recibe o Premio da Crítica de Galicia das artes escénicas, en recoñecemento ao seu labor na difusión e dignificación da danza contemporánea en Galicia.
Verónica Moar Suárez
Verónica Moar Suárez
(A Coruña, 1978)
Ceramista e artista galega, licenciada en Filoloxía Inglesa e titulada en Cerámica Artística pola Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (EASD) da Coruña.
A práctica artística de Verónica Moar caracterízase por diluír as fronteiras convencionais da cerámica e expandir as súas posibilidades en eidos coma a escultura, a performance e a danza contemporánea. Estes diálogos entre as artes plásticas e as artes vivas desembocaron nun terreo híbrido e colaborativo con poetas coma Antía Otero, dramaturgas coma Gena Baamonde, performers coma Helena Salgueiro e coreógrafas coma Rut Balbís.
Realizou exposicións individuais e accións performativas en institucións coma a Fundación DIDAC, o Festival C ou o Festival de Innovación Social: Ares Innova, ademais de participar en proxectos expositivos colectivos con carácter nacional e internacional no Auditorio de Galicia, no Museo Gaiás, na Deputación da Coruña, na Galería Ponce+Robles, na Porto Design Biennale ou na Bienal de Cerámica de Aveiro. Impartiu conferencias en ciclos organizados pola EASD Pablo Picasso da Coruña, no Festival Plataforma e en diversas xornadas educativas centradas nos ensinos artísticos, e foi seleccionada e premiada en certames coma o Premio Artesanía de Galicia en 2015 ou o XVI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo. Tamén participou nas Residencias Artísticas do Gaiás (REGA) 2021 e gozou dunha estadía no Centro Torrente Ballester, dentro do programa de residencias artísticas do Colectivo RPM. Á súa vez, foi bolseira polo Concello da Coruña cunha axuda para a creación artística no 2021/2022 e pola Fundación Pública Artesanía de Galicia para realizar unha residencia artística en Aichi, Xapón.
A súa obra atópase en coleccións coma a da Fundación DIDAC ou a da Deputación da Coruña.
Diana Bama
Diana Bama
(Valencia, 1989)
É licenciada en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia e fixo o Mestrado en Artes Visuais pola Universidade Nacional Autónoma de México. Desde 2014 comeza un proxecto persoal titulado “Ecofeminismo como proxecto de vida”. Para ela existe a necesidade de mostrar unha práctica política cotiá do ecofeminismo (concepto que unifica a ecoloxía e o feminismo) desde unha visión artística e co emprego do recurso do debuxo como medio de expresión.
Artista multidisciplinar, plasma o seu traballo sobre diferentes soportes e a través de distintas técnicas, e combina o campo da arte urbana, a escultura, o debuxo e a tatuaxe. Converte as paredes, rúas e peles nas paisaxes dos seus personaxes.
Amaia Arrazola
Amaia Arrazola
(Vitoria-Gasteiz, 1984)
Amaia chega a Barcelona en 2010 despois de pasar algúns anos traballando no mundo da publicidade. Desde entón, desenvolve os seus proxectos creativos, alternando a ilustración publicitaria co debuxo editorial e cos traballos murais de gran formato. Nos últimos anos colaborou con numerosos clientes, participou en festivais de arte urbana, pintou murais en lugares próximos e afastados, deu charlas e conferencias e publicou varios libros, tanto para grandes coma para pequenas e pequenos.
En 2017 estivo en Matsudo (Xapón) grazas a unha bolsa artística de Paradise Air; daquela residencia naceu Wabi sabi (Lunwerg), onde narra as súas experiencias persoais no país nipón. No seu último libro, El meteorito (Lunwerg), conta o bombazo que supuxo a maternidade na súa vida, tanto a nivel persoal coma profesional. Con Simón (Flamboyant) estreouse como autora de álbum infantil, no cal aborda o tema da identidade para as e os máis pequenos.
Xela Marx
Xela Marx
É graduada en Filosofía pola Universidade de Barcelona (UB) e posúe o título de profesora Feldenkrais, acreditado pola Eurotab. Formouse na escola lecoquiana de María del Mar Navarro en Madrid e participou, durante máis de dez anos, nos encontros anuais do restrinxido grupo internacional de investigación pedagóxico-teatral de Monika Pagneux.
A súa traxectoria como actriz desenvolveuse durante anos coa súa propia compañía de investigación teatral MU Teatro, e na súa etapa máis recente indaga, a través de solos, na posibilidade dunha maior respiración na relación actor-público. Tamén colaborou con compañías estables e creadores coma Ultramarinos de Lucas, España; Tafetá, Brasil; TSF, Reino Unido; Annabel Arden e Complicité, Reino Unido; e Aids-3D, Alemaña.
Ademais da súa carreira profesional de actriz, desenvolveu o seu labor como pedagoga desde o ano 2001 tanto en cursos continuos de formación coma de profesora de Movemento Escénico na súa propia escola, en cursos monográficos na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo, na Escola Cubana de Mimo na Habana etc., e tamén participou en proxectos multidisciplinarios coma as sesións anuais con alumnado de Fernando Casás na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, ou as conferencias na Facultade de Filosofía da UB en Barcelona e na Facultade Senai Cetiqt do Río de Xaneiro.
Maya Estarque Marx
Maya Estarque Marx
O seu labor de investigación céntrase nas hibridacións entre arte, moda e corpo, e contempla vertentes como identidade, comportamento social e consumo. Conferenciante sobre a relación entre arte e moda na actualidade en Tenerife Espazo das Artes (TEA) e MAC Coruña, entre outros.
Representa o Istituto Europeo di Design (IED) do Brasil como coordinadora do Grupo de Estudos Xestión e Negocios de Moda no Coloquio Internacional de Moda do Brasil e como coordinadora do panel New-Semiotics of Fashion & Lifestyles no World Congress of Semiotics en Grecia.
Doutora e licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Especializada en Deseño de Moda por Senai Cetiqt (Centro de Tecnoloxía da Industria Química e Téxtil) do Brasil. Membro consultora da Comisión de Dereito da Moda (CDMD) da Orde de Avogados do Brasil (OAB-RJ), e embaixadora da Female Tech Leaders.
Actúa como directora creativa e stylist de editoriais de moda e publicidade en Barcelona, Madrid, Río de Xaneiro e São Paulo. Deseña vestiario de teatro para compañías e creadoras e creadores españois coma Xela Marx, Hijas de Ananké, Mu Teatro e Captatio Benevolentiae. Pertence a Res Design, un grupo de estudos e laboratorio procesual de moda, arte e deseño. Imparte obradoiros nos que relaciona procesos creativos ao corpo.
Neves Seara
Neves Seara
(Ourense, 1983)
Artista multidisciplinar, traballa a performance, a plástica, a fotografía e a escritura desde unha perspectiva feminista. Tamén desenvolve o seu labor como docente e xestora cultural con esa mesma visión, ademais de xestionar eventos, comisariados, obradoiros creativo-didácticos para todas as idades cos que elabora pensamento crítico, creatividade e tamén desenvolve un labor de facilitadora no acompañamento terapéutico a través da arte a persoas en situacións complexas. Leva desenvolvendo o traballo da performance 18 anos e participando en diversos festivais por toda España, Londres e Nova York. Como artista expuxo tamén a nivel internacional en galerías e museos de Bruxelas, Londres, A Habana ou Madrid, alén de por toda Galicia e a nivel nacional.
Seleccións e distincións:
- Seleccionada para realizar un proxecto en Maison du Pilgrims en Bruxelas, Premio do público Roteiro de Creación no 2008
- Seleccionada unha videocreación súa no certame Novos Valores no 2004
- 2.º Premio no Certame de Artes Plásticas de Ourense no 2013
- Premio Zona C para realizar unha exposición individual no 2016
- Seleccionada no Auditorio de Galicia no 2016
- Seleccionada como poeta finalista de Poetry Slam Compostela no 2019
- Seleccionada no Auditorio de Galicia no 2022
Elsa Pereira
Elsa Pereira
(Oia, 1983)
Hai uns anos que experimento, bailo, me movo.
Viaxei á Arxentina e Chile en 2011 para formarme en clown e de 2012 a 2016 fixen parte dunha compañía de teatro amador coa que comezou a miña curiosidade polo movemento. Todo isto, para ficar con moito e partir cara ao descoñecido da danza.
Recibo aulas regulares desde 2013, asisto a obradoiros e encontros cos que reforzar a miña técnica e interese por descubrir, por volver a encontrar. Asómome ao body weather sempre que podo, subliño os encontros con Andrés Corchero e Yuko Kawamoto desde hai oito anos.
En 2018 instaleime no Porto para realizar a formación avanzada en creación e coreografía (FAICC) que promove a compañía Instável. É neste contexto no que presentei varias pezas de pequeno formato, entre as que destaco Ingrain, traballo para corpo, luz e son que interpreto e codirixo con Pedro Galante.
Colaboro coa Facultade de Arquitectura do Porto, no inicio dunha investigación sobre o traballo de espazo e luz do arquitecto Álvaro Siza, para a que creei a Peza para corpo e corredor de luz. A investigación continúa e trasladei este traballo ao CGAC coa creación da peza audiovisual Siza(s) dentro do marco do Festival Kino Galicia 2020.
Frecuento locais sociais e máis a Escola Superior de Música e Artes Escénicas (ESMAE), onde descubrín o forró e reconectei co jazz como danzas complemento, e transversalizo a miña formación en contemporáneo coa suor dos corpos que danzan fóra das aulas. De volta en Galicia continúo a facerme moitas preguntas e afondo na miña investigación sobre o movemento coa metodoloxía asymmetrical motion creada por Lucas Condró.
Para investigar co meu corpo e co das e dos demais, guío desde 2017 un laboratorio de movemento no que corpos diversos me ensinan que a danza está, existe e nos habita a todas as persoas por igual.
En 2020 comecei o proceso de creación de Casa pequena, que presentei en formato curto en novembro de 2021 no Centro Sociocultural O Ensanche de Santiago de Compostela como mostra do traballo realizado en residencia neste espazo.
Na actualidade continúo a dar aulas, colaboro con artistas e rego as miñas plantas para que medren fortes.
Lily Brick
Lily Brick
(Lleida, 1990)
Mireia Serra, o alter ego de Lily Brick, estudou o grao superior de Deseño Gráfico na Escola de Arte Municipal Leandre Cristòfol de Lleida. Aos 24 anos espertou o seu interese pola arte na rúa; antes, o seu traballo centrouse na cartelería, na expresión gráfica, na publicidade e no deseño de produtos.
Sete anos máis tarde, o muralismo converteuse no seu oficio. Máis de 400 obras en lugares moi diferentes do mundo levan a firma de Lily. Entre as súas pezas máis destacables cómpre mencionar os grandes murais que realizou en Penelles, Juncosa, Granadella, Alcarràs, Tremp, El Cogul e tamén outros numerosos proxectos de muralismo en Barcelona, Linares, Ferrol, Santiago de Compostela, Málaga ou Murcia, onde expuxo no Museo de Belas Artes (MUBAM).
Lily ten a marca de realizar o mural máis grande en España, feito por unha muller soa. Tamén posuía a anterior marca, que recentemente superou co mural para Nou Transport (Lleida) e que conta cunha superficie de 750 m².
En 2017 iniciou a internacionalización da súa pintura en Francia, coa súa participación no proxecto “Hotel 128”. Posteriormente xurdiron múltiples proxectos, entre os cales destacamos murais en Gambia, nos Países Baixos na Axencia Espacial Europea e en The Hague Street Art Festival, na India no Techfest IIT Bombai, en Suecia, en Hamburgo e Hannover (Alemaña), en Saidia (Marrocos) e en Lancaster (California, EUA).
Dos seus murais chama a atención o seu traballo sobre mulleres con mirada forte e intensa. Desde a súa introdución no mundo da arte urbana, as principais técnicas que desenvolveu foron o spray, a pintura acrílica, os pinceis e os rolos.
Comadres Matrioshka
Comadres Matrioshka
Currículo
Matrioshka Teatro é unha compañía teatral que nace no ano 2013 da man de tres actrices: Chelo do Rejo (A Estrada, 1961), Lorena Conde (Ponte Sampaio, 1980) e Anabell Gago (Frankfurt, 1974), para facer un teatro onde as intérpretes estean no centro da creación. Apostamos por linguaxes mesturadas que transitan entre o teatro máis clásico e o máis contemporáneo. Creamos dramaturxias a pé de escena sen deixar de lado unha estética coidada, o sentido do humor, a frescura e a naturalidade dun diálogo aberto co público. Facemos un teatro que amosa de onde vimos e nos orienta cara a onde vamos. Alimentámonos da nosa experiencia e do legado das xeracións que foron antes ca nós, repousamos o vivido e compartímolo coas persoas que, coma nós, pensamos nas que estamos e nas que virán. Mulleres que loitan e acubillan, igual ca nós fomos defendidas e acubilladas por outras.
Obra
Comando comadres en acción é un espectáculo breve creado a partir do espectáculo teatral Comando comadres dirixido e cocreado por Gena Baamonde (Ribeira, 1970), no que xunto á actriz e cocreadora María Ángeles Iglesias (Bos Aires, 1972), e a través do humor, un grupo de activistas organizadas por comandos ataca as múltiples manifestacións da violencia sexista e cuestiona a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual. Mulleres preparadas para as encomendas máis perigosas levan a cabo incursións no territorio inimigo para poñer luz sobre a inxustiza e volveren airosas da misión, que é a de crear unha rede de comandos a nivel mundial para renderlles homenaxe a todas as heroínas de cada día, ás mulleres invisibilizadas e á historia oculta do noso pasado.
Nerea Brey
Nerea Brey
(Lalín, 1987)
Actriz, docente de arte dramática, creadora escénica, violinista e narradora oral. Titulada en Interpretación pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, tamén realizou o Mestrado en Artes Escénicas da Universidade de Vigo. Actualmente interpreta o papel de María Casares na produción teatral Despois das ondas, de ButacaZero (2019), e nas visitas teatralizadas á Casa-Museo Casares Quiroga do Concello da Coruña. Asume varios personaxes na obra O péndulo (2022) de Inversa Teatro. Forma parte do elenco de Soga e Cinsa (2021) de Aporía Escénica, compañía coa que tamén levou a escena 6 cubos negros en corpo branco (2017). Traballa con Abismo Caracol e protagoniza a obra Entelequias (2020) e intervén na película El cuarto de mona (2021). A súa experiencia no audiovisual inclúe tamén o filme O bosque de Levas, de Ficción Producciones (2007), e 13 exorcismos (2022), de Atresmedia Cine e Bambú Producciones. Cómpre destacar, ademais, a súa participación nos espectáculos da compañía Feira do Leste: Exilio das moscas (2016) e Tras Tannhäuser (2018), esta última beneficiaria das axudas Creación Joven do Injuve.
Pasou polas escolas Espazo Aberto e Estudio Juan Codina, e ampliou a súa formación en cursos con diferentes docentes coma Alfredo Sanzol, José Sanchis Sinisterra, Marta Pazos, Laila Ripoll, Jorge Coira, Fernando Soto, David Luque, Carla Calparsoro ou Daniel Abreu, entre outros.
Miriam Rodríguez
Miriam Rodríguez
(Mos, 1984)
É licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela en 2008 e técnica superior de Realización Audiovisual e Espectáculos pola Escola de Imaxe e Son de Vigo (EISV) en 2010. Nos seus comezos interésase polo documental; mostra diso é o seu primeiro traballo, a curta de investigación sobre a panificadorae o patrimonio industrial, que será proxectado en diversos festivais, coma no Culturgal do 2010. Con Home cobaia, falso documental que codirixe xunto á creadora Ale Cid como traballo de fin de ciclo, acada o Premio Curtocircuíto de Escolas Galegas e tamén o Premio do Público da EISV.
A súa experiencia pasa por cámara, edición e auxiliar de produción en produtoras como Ficción, Panorámica e Niños Grandes.
Gaña en 2012 o 1.º premio na modalidade de microvídeos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, organizado pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo, cun vídeo narrado no que emprega diferentes técnicas. É aquí cando se interesa pola videoarte.
No 2014 recibe o premio Xuventude Crea de videocreación co vídeo Mareas. Comeza así a experimentar coa videopoesía, e crea o colectivo Fiinda xunto co poeta Xabier Xil e co director de fotografía Pablo Kaufmann. Algúns videopoemas, coma Velaquí o texto, Mira a miña pel ou Es,recibiron o premio da Asociación Socio-Pedagóxica Galega en diferentes categorías.
No 2018 comeza a desenvolver traballos de videocreación para escénicas, con compañías como Berrobambán ou A Artística. Recentemente traballou con A Quinta do Cuadrante e Ainé Producións con vídeos para a obra Continente María,que se atopa agora mesmo en salas. Así mesmo, crea visuais en vivo para eventos musicais como as Sesións H. A. L. O., a presentación do selo de música electrónica Valisou o concerto aniversario da Banda Crebinsky.
Participou en obras do Colectivo Limites, como Limites manifesta,creada para o Play Doc 2020, ou Trigémio,para a Binnar de Vila Nova de Famalicão no 2021. No 2020 tamén participou como artista convidada na nova sección do Play Doc “Noites á deriva. Cinema percorridos” coa peza A pía.
En 2021 recibe a bolsa Residencias Paraíso para a investigación e creación da peza Memorias danzantes coa bailarina Olga Cameselle.
Sofía Espiñeira
Sofía Espiñeira
Creadora e artista multidisciplinar. Desde fai case unha década desenvolve a súa traxectoria escénica arredor do circo, do teatro, da danza e da música, traballando en diversas compañías e proxectos propios, mais é na música onde atopa o seu proxecto máis persoal.
Composicións orixinais con tonalidades de raíz e unha linguaxe propia e xenuína son a esencia deste proxecto, que nace no 2016 tras resultar gañadora do II Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, premio que lle permite lanzar o seu primeiro disco: Alá onde agroman as herbas. Nove temas cheos de naturalidade e frescura que entrelazan o humor, o íntimo e o social nun mesmo tapiz e que a autora dará continuidade nun próximo traballo co que xirará en 2023.
No seu camiño atopamos festivais coma o Agrocuir da Ulloa ou o Revenidas, así como colaboracións con artistas coma A banda da Loba, Belém Tajes ou o escritor Antón Cortizas e a súa iniciativa de libro-disco O colo das palavras, onde participan artistas coma Guadi Galego ou Tanxugueiras. Recentemente foi finalista nos Premios Martín Códax da Música 2022.
MJ Pérez
MJ Pérez
É unha cantautora galega que bebe de diferentes estilos, co predominio do pop-rock nos seus primeiros álbums e cun xiro cara a sons máis latinos e música de raíz no seu último disco. Suma case 200 concertos por toda Galicia e Portugal.
O seu traballo discográfico está formado por catro álbums: Ollos que non ven, síntoma de cegueira; Guerrilleira; Casandra e A luz prendida, todos eles autoproducidos. A isto súmanse diversas colaboracións con outros artistas dentro e fóra do escenario, e algúns singles.
A artista pasou xa por festivais coma o Noroeste Pop Rock, o Festival do Queixo ou o Festival Armadiña, así como polos principais circuítos de concertos do panorama galego. Foi finalista do I Certame de Canción de Autor de Teo e acadou un segundo posto no VIII Concurso Musical da Deputación da Coruña. Obtivo o primeiro posto no Xuventude Crea 2017 e foi finalista dos Premios Martín Códax da Música nos anos 2019 e 2020, nos que resultou premiada no 2021 na categoría de canción de autor/a.
O pop-rock, ritmos latinos e música de raíz combínanse con outros xéneros musicais neste proxecto onde MJ emprega a música como medio de expresión e o traballo constante como clave para crear e avanzar neste camiño.
Neste 2022 MJ lanzou un novo single, Coma Villanelle, que marca outro punto de inflexión e innovación na súa música e creación, seguido dun verán cheo de concertos, onde pasou por escenarios importantes coma o do Armadiña Rock, Trece Roeis Fest ou Festiletras. Agora prepara novos temas que espera presentar entre 2022 e 2023.
Margarida Mariño
Margarida Mariño
(Vigo, 1990)
Licenciada no Conservatorio Superior Liceo de Barcelona, a traxectoria de Margarida Mariño esténdese pola exploración dos límites sonoros e estéticos do violoncello, que a levan a experimentar con xéneros onde o seu instrumento non é tan común, coma a improvisación libre e o jazz, a música espontánea e a experimental, a electrónica ou a música tradicional galega. Formou parte de diferentes agrupacións coma a Orquestra Ressonance (Suíza), La Via dei Concerti(Italia) ou a Filharmonía de Galicia. No 2015 foi galardoada xunto a Su Garrido, coa que forma o dúo Treme, co Premio Música Xoveá mellor banda galega. No ano 2018 foi solista de Pulcinella, produción do Teatro Real.
Ten dous traballos discográficos publicados co multiinstrumentista Fernando Barroso: Silence Lovers Club (2018) e Xograr (2020); ademais de Eixos cromáticos (2020) co trío de música clásica e contemporánea e de Límbico (2021) co quinteto de jazz homónimo.
Compuxo e interpretou música orixinal para cine, entre as que destacan a banda sonora da curtametraxe Puzzle, de Nicolás Ferglez, a da curtametraxe Unha illa no medio do mar de Alberto Montull ou do espectáculo de danza Good Luck de Alfonso Rivera. En febreiro de 2020 presenta o seu traballo en solitario Cello & Electronics, no que fusiona o violoncello clásico coa electrónica. O proxecto presentouse no WOSFestivale xa percorreu auditorios e salas coma Prinsenkwartier de Delft, Onder aan de Dijk de Róterdam, o Teatro Colón da Coruña, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela ou o Auditorio Conde Duque de Madrid.
Laura Iturralde
Laura Iturralde (Laura R. Iturralde)
(Vigo, 1984)
Técnica superior en Imaxe e en Gráfica Publicitaria e titulada superior en Arte Dramática na especialidade de Escenografía, finalizou en 2017 o Mestrado en Profesorado.
Dentro dos seus traballos podemos destacar a dirección artística de Terra, do grupo galego Tanxugueiras, para o festival de Benidorm —actuación que acadou o 70 % das votacións do público e que contabiliza case cinco millóns de visualizacións en YouTube—, ou o deseño de iluminación e videoescena de Fariña, produción teatral vista xa por máis de 50.000 persoas. Traballa como iluminadora, escenógrafa e videocreadora con múltiples proxectos escénicos, con artistas coma Mercedes Peón ou Brigitte Vasallo e compañías coma A Quinta do Cuadrante, o Centro Dramático Galego, Cía. Borja Fernández ou Pálido Domingo. Desenvolve tamén o seu traballo máis persoal nos proxectos de música con visuais coma Corvax e en instalacións coma Fenda ou Centinela.
Recibiu en 2018 o Premio María Casares á mellor escenografía polo seu traballo en Resaca (ilMaquinario) e en 2019, 2020 e 2021 acadou este mesmo galardón na categoría de iluminación por Invisibles (Redrum Teatro), O empapelado amarelo (A Quinta do Cuadrante) e Bailar agora (Marta Alonso Tejada), respectivamente. Recibiu tamén en 2021 o Premio Rogelio de Egusquiza, da Asociación de Directores de Escena de España, pola iluminación de Fariña, de Ainé Producións. Suma así un total de cinco premios e nove candidaturas nos últimos catro anos. Explora desde 2016 a liña do live cinema e as visuais a tempo real a través de cámara en vivo e participa con proxectos como Lorca namorado; Oh, rosas vivas!; Vesalii Icons do TAC; Trilitrate e Nostoc. Combina a súa actividade nas artes vivas coa docencia e imparte en diversas entidades cursos vencellados á creación de videoescena e á iluminación para espectáculos e exerce de docente de Iluminación de xeito temporal na Escola de Arte Dramática de Galicia. Desde 2022 é vogal galega da Asociación de Autores de Iluminación, entidade dedicada á obtención do recoñecemento da figura de deseñadora ou deseñador de iluminación.
Monica Mura
Monica Mura
(Cagliari, 1979)
Artista interdisciplinar, performer e artivista. O seu traballo analiza as relacións entre memorias, xéneros e identidades e ten como punto de partida a súa investigación sobre os paradigmas de poder e control social e político, no ámbito do íntimo, do privado e do público. Foi seleccionada en convocatorias entre España, Italia, Portugal, Bélxica, Dubai, Ecuador, a Arxentina e Costa Rica, nas cales recibiu premios, bolsas e residencias. Levou a cabo as súas accións e expuxo en espazos claves da arte contemporánea e en institucións de prestixio coma o Museo Thyssen-Bornemisza; ARCO Madrid; JUSTMAD; Sala Alcalá 31; Museo Vostell Malpartida; CGAC; Museo Centro Gaiás; Bienal de Arte de Cerveira; Museo José Malhoa Caldas da Rainha; Sala Dogana Palacio Ducal Xénova; Fiber Art Sardeña; ou MIA Anywhere Dubai, entre outros. O seu traballo (fotografía, paisaxe sonora, vídeo, instalación, arte de acción, arte dixital...) presentouse en festivais, feiras, seminarios e congresos coma o Congreso Internacional Re-Pensar os Museos (Thyssen); Fugas e Interferencias: Congreso Internacional de Arte de Acción (CGAC); Seminario Permanente de Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO (USC); Congreso de Arte de Acción (UCM); Congreso de Xénero, Museos, Arte e Migración (Rede Museística Provincial de Lugo); Festival de Arte Contemporánea OBERTURA (Madrid); Festival Miradas de Mulleres (M.AR.CA.); ARTSevilla; Cultur3 Club Xixón; WOS Festival (Cidade da Cultura de Galicia); PLATAFORMA festival de artes performativas ou Culturgal, entre outros. As súas obras publicáronse en artigos de crítica, teses, catálogos e retransmitíronse en programas coma La aventura del saber. LaBolsa de TVE. Desde o 2021 conta coa súa propia galería virtual. A súa obra forma parte de coleccións públicas e privadas, entre as que destacan os fondos do Museo Provincial de Lugo, o MAC Fundación Florencio de la Fuente de Huete (Cuenca) e o Museo MARATÈ de Isili (Sardeña). Gañadora do premio XXV Mostra ArtPúblic-Universitat Pública da Universidade de Valencia.
María Bueno
María Bueno
É unha artista malagueña, criada entre Marrocos e Andalucía, con estudos en Filosofía e Belas Artes polas universidades de La Laguna (illas Canarias), Alameda (California, EUA) e a Escola de Belas Artes de Tolosa (Francia) respectivamente. A práctica artística de Bueno xorde ao longo dunha traxectoria de vinte anos na que explora a pintura e o debuxo a través de exposicións individuais e colectivas, colaboracións, publicación de libros, comisariados e proxectos educativos. Grazas aos citados formatos, a artista establece unha práctica consciente e comprometida que versa sobre a memoria individual e colectiva.
O interese de Bueno polos procesos creativos lévaa a xerar diálogos con persoas que proveñen de diferentes contextos e idades, o que lle permite reflexionar sobre aspectos ligados á identidade, á transformación e á reparación.
En palabras da historiadora e comisaria Marta Mantecón, “a transferencia de saberes e faceres entre mulleres é parte da aprendizaxe feminista. María Bueno constrúe o seu imaxinario en relación cos demais, expandindo a rede afectiva e a súa potencia curadora. Gústalle mesturar procesos, tecer complicidades, facer en común e integrar o alleo, mais tamén o propio. Toda a súa práctica artística pon de relevo que as formas de coñecemento que se transmiten de xeración en xeración non se poden cuantificar, pesar ou medir, nin se rexen pola lóxica do beneficio inmediato, son o legado máis valioso. A nosa herdanza está feita de memoria”.
Desde o inicio da súa carreira, María pon no centro da súa obra as persoas e, moi en especial, a muller como figura de loita; resiliente e creadora. É por iso que para a artista é crucial tecer alianzas e un sostemento mutuo, baixo a premisa de facer deste mundo un lugar mellor. O seu labor comprometido foi recollido en The New York Times.
Montse Piñeiro
Montse Piñeiro
(Pontevedra, 1990)
Experimenta coa luz, co volume e coa imaxe en movemento en proxectos de distinta natureza.
Fórmase como escenógrafa e iluminadora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto, e traballa nos anos seguintes para producións de compañías e institucións galegas e estatais como Sarabela, ilMaquinario, Cía. Diego Anido, Centro Dramático Galego ou Teatro Nacional de Cataluña. Durante estes anos tamén participa en diversas colaboracións en directo con músicos como Luz Prado, Mateo Mena, Macarena Montesinos, Ensemble Galería e actualmente realiza visuais de animación en vivo co grupo Trilitrate.
De xeito paralelo fórmase tamén nos ámbitos da ilustración e do deseño gráfico, e traballa desde 2014 como ilustradora profesional.
En 2016 comeza os estudos oficiais de Cerámica na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Tres anos máis tarde presenta o proxecto “Alifáfaro”, en colaboración co músico Rubén Abad, no que mestura a cerámica, a animación estroboscópica e a técnica do movemento pausadopara crear unha serie de pezas musicadas. O seu traballo foi proxectado en festivais como Another Way Film Festival, Festival de Cine Silente de Cidade de México, Lisbon Film Rendez-vous, Curtas Armadiña, Lift-Off de Londres, Bang Awards Portugal, Chaniartoon de Creta, Primavera do Cine, Festival de Animación Laboral, La Guarimba Calabria, FIC Bueu ou Festival de Cans.
En 2020 recibe unha bolsa da Fundación para as Artes Cerámicas Archie Bray de Montana para continuar a súa investigación nos eidos da cerámica e do audiovisual, coa que realiza unha serie de esculturas animadas a través da luz.
As súas pezas están moi influenciadas polas ideas de autómata, o teatro de marionetas, os xoguetes de animación de finais do século xix e o deseño de personaxes da animación rusa dos anos 60 e da norteamericana dos 90.
Cristina L. Bolívar
Cristina L. Bolívar
(Granada, 1984)
Iluminadora e creadora escénica, desenvolve o seu traballo principalmente no eido da performance e da danza contemporánea, desde o deseño de iluminación e a creación audiovisual.
Licenciada en Comunicación Audiovisual coa especialidade de Cine e Fotografía pola Universidade de Málaga e formada en Iluminación na Escola de Artes Escénicas de Andalucía, a partir de 2007 empeza a traballar na iluminación e nos audiovisuais de diferentes espectáculos de música.
En 2010 comeza a licenciatura de Antropoloxía na Universidade de Granada e inicia a súa colaboración na creación de iluminación, escenografía e audiovisuais do Grupo de Teatro Universitario, dirixido por Sara Molina. Desde o devandito ano, e a cabalo entre Madrid e Granada, o seu traballo concéntrase por completo na creación de iluminación e audiovisuais para teatro, performance e danza contemporánea. Remata a licenciatura en 2015 na Universidade de Lyon (2015-2016), cun traballo de investigación sobre a antropoloxía do corpo.
Desde 2012 traballa entre Madrid, Granada e Vigo con artistas e compañías como Tania Arias, Cía. Daniel Abreu, Elena Córdoba, La Tristura, Sara Cano, Poliana Lima etc. Creou deseños de iluminación ou visuais para Sara Molina, Hurycan, Camille Hanson, Teatro de Açúcar, El Bailadero de Mónica Valenciano, Cía. Janet Novás, Carlota Mantecón, Altraste Danza, Luz Prado, Les Myrtilles, Mucha Muchacha, entre outras compañías, e participou nunha longa serie de encontros e procesos de creación. En 2020 deseñou a iluminación para a exposición “Trémula” do artista plástico Javier Cruz, e no 2021 codeseñou a iluminación da exposición anual “Dialecto” xunto á iluminadora Irene Cantero, ambas as dúas no Museo Ca2M de Móstoles (Madrid).
Carmen Conde
Carmen Conde
Carmen Conde é filóloga pola Universidade de Santiago de Compostela e dramaturga e guionista pola Escola Nacional de Experimentación e Realización Cinematográfica (ENERC) de Bos Aires. Contadora con funcións nas dúas beiras do Atlántico, é autora de relatos breves para público infantil e adulto, humorista de comedia unipersoal con varios espectáculos desde 2004 e narradora oral autora de Premios Darwin, gañadora do premio á mellor comedia por parte de Hipócrita Teatro, e de Tabú, actualmente en xira (entre outros espectáculos).
Guionista en Dama Negra Films (curtametraxes de ficción) e docente teatral na Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO) ata xaneiro de 2019. Cofundadora de Tarabela Creativa xunto a Diego Gallego, desde onde crean non só formatos escénicos senón tamén audiovisuais, como a miniserie web Premios Darwin e a serie dixital Quéreme soar!, ademais da dirección artística, guión e presentación da novena edición dos Premios Martín Códax da Música Galega. Profesora de Arte Dramática e directora da Compañía de Teatro USC-Campus de Lugo no curso 2020/2021. Autora da obra A emperadora para a representación da compañía universitaria. Desde 2009 imparte obradoiros de relato breve, poesía, microrrelato e narración oral.
Participou no III Torneo de Dramaturxia de Galicia, gañou o Slam Zona Norte de Poesía Oral en Bos Aires (2015), a primeira edición do Slam Poetry Compostela (2018) e o slam do II Festival Alguén que Respira, tamén en Santiago de Compostela (2019).
Vero Rilo
Vero Rilo
É narradora oral e educadora. Nos seus inicios, encamiñou a súa traxectoria formativa cara ao eido dos servizos á comunidade e titulouse como técnica superior en Integración Social e máis tarde en Educación Infantil. Ademais, combinou con estudos iniciais en lingua de signos a titulación de Monitora de Tempo Libre, e fixo un pequeno percorrido polas facultades galegas para interesarse pola audición e linguaxe e a educación física.
Foi traballadora, a partir do 2010, na Rede de Escolas Infantís de Galicia “Galescolas” e decide, despois de tres anos, marchar do proxecto para mergullarse no mundo da narración, cousa que xa viña investigando nos ámbitos da aula e da escola. Aínda así, non pon fin ao seu percorrido pola educación formal e comeza unha nova andaina como educadora da Rede de Escolas de Ensino en Galego “Semente” desde o 2015 ata o 2018, para logo mergullarse por completo no universo narrativo.
Do 2010 ao 2018 combina o traballo de educadora e narradora. Fórmase con importantes referentes da narración oral galega e internacional como Charo Pita(a quen lle agradece que fose o seu inicio), Tim Bowly, Quico Cadaval, Pepito Mateo, Nono Granero, Paula Carballeira, Rodorín, Pablo AlboouSoledad Felloza, e asiste ás escolas de verán AEDA nos anos 2015, 2017, 2018 e 2019. Cursa dous anos de formación actoral con Carlos Neira, no centro Espazo Aberto en Santiago de Compostela, e de formación regular en improvisación teatral cos mestres Antón Coucheiro e Alfonso Lupo. Tamén realiza un obradoiro de interpretación a cámara con Alfonso Zarauza. Recibe clases de técnica vocal con Pablo García Ferradás e Cristina Domínguez da Pena. Vero Rilo nunca, por máis que o intente nestes anos, aprende a tocar a pandeireta.
ILUSTRADORAS
Alba Casanova
La Platanera
Heyjuddy
Heyjuddy (Inés Elorrieta Fernández)
(Vigo, 1978)
Debuxa, pinta, deseña e agora dedica a maior parte do seu tempo á cerámica, como artista e como docente. É unha artista multidisciplinar que se divirte creando historias e ás súas e os seus protagonistas; unha desas persoas que traslada a súa paixón ao seu traballo, as súas creacións falan por si soas, xa que as dota de voz propia.
Baixo un pseudónimo que destila amor polos Beatles, revélase Inés Elorrieta.
Gústame moito a música, creo que a vida sería moito menos interesante sen ela. Quizais por iso unha canción dos Beatles me deu o alias tras o que me escondo un pouquiño.
Desde este lugar fago o que máis me gusta: debuxar, modelar, crear personaxes e aprender coas clases que imparto no meu obradoiro en Vigo.
Comecei pintando cadros, debuxando, sen máis pretensión que expresar o meu mundo. Despois fixen camisetas ou bolsos cos meus primeiros personaxes, ilustracións dixitais, deseño gráfico... Máis tarde chegou a cerámica. Todo iso forma parte do meu traballo actual, onde xorden vaixelas personalizadas, figuras, debuxos orixinais e moitas outras pezas.
La Platanera
Chámome Andrea e son a ilustradora que está detrás de La Platanera, un espazo creativo na Illa de Arousa onde organizo obradoiros e retiros artísticos alén de producir as miñas pezas, nas que utilizo o gravado e a cerámica como ferramentas principais.
A miña aventura comezou en 2012. Cansa de esperar a que alguén me dese unha oportunidade decidín darma a min mesma e facer o que me gustaba: contar historias. Aproveitando os recursos que tiña, reconvertín o antigo alpendre dos meus avós no meu obradoiro e a súa casa nun espazo aberto para crear e desconectar.
Para min La Platanera é o meu proxecto de vida. Con ela constrúo a vida na que me gustaría vivir, conecto persoas, dándolles un espazo onde experimentar, e uso a arte coma unha ferramenta social para cambiar e contaxiar a miña contorna máis próxima.
Son licenciada en Publicidade e Comunicación Audiovisual, realicei o Mestrado en Dirección de Arte na Mr. Marcell School e de Gravado no Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos (CIEC).
Fun seleccionada para os premios Injuve de ilustración e participei en diferentes exposicións e publicacións. Recentemente estiven na II Residencia Literaria da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela cun proxecto de novela que estou a preparar.
Alba Casanova
(Vigo, 1981)
Nace en Vigo no 1981, mais vive en Valencia desde hai moitos anos. É licenciada en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia, ten un mestrado en Arte e Tecnoloxía, é técnica superior en Artes Plásticas e Deseño e integradora social. A súa obra persoal como artista xira sobre problemáticas arredor do feminismo, das crises migratorias, dos procesos democráticos ou da consideración social da enfermidade. Desenvolveu o seu traballo desde diferentes disciplinas culturais en Londres, Santiago de Chile ou agora en Valencia. Como ilustradora independente realizou traballos para diversas entidades coma a axencia Shackleton, Abanca, Albariño Martín Códax, Closca, Fundació Full, Aditech ou Píkara Magazine, entre moitas outras, e participou en numerosas exposicións. Nos últimos anos a súa produción céntrase no audiovisual, na colaxe e no debuxo. Forma parte, ademais, do tándem Fenómena (@somosfenomena) xunto coa animadora Laura Cuello, onde ilustra pezas de animación en colaxe e deseño gráfico en movemento para clientes coma Àpunt Tv, Sex School Hub ou EMT Valencia.
Novas relacionadas
O programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero” chega a Caldas de Reis para poñer o foco na relación entre mulleres e coidados
10/10/2023
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asiste á acción “As voces da conciencia” incluída no programa provincial “Mulleres en acción. Violencia zero”
16/08/2023
A Deputación leva á praza do Mosteiro de Poio unha acción escénica contra a Violencia de Xénero
15/08/2023