#LETRASGALEGAS
Día das Letras Galegas
2022
A Deputación de Pontevedra dispón dunha ampla programación das Letras Galegas 2022 para homenaxear a figura de Florencio Delgado Gurriarán con actividades destinadas a todos os públicos.
Na planificación da programación de actos participan as áreas de Memoria e Lingua de maneira coordinada porque, segundo verbas da deputada María Ortega, o autor “é un exemplo de compromiso co país e de loita mesmo nas peores circunstancias (...) e achegarnos a Florencio é un modo de achegarnos a aquela xeración do pasado por vir que quería unha Galiza distinta máis próspera e máis libre. E tamén é achegarnos á literatura do exilio, destacando que na súa obra ademais de gabar o país, denunciou a barbarie do fascismo e nos deu a coñecer o que significaba ser exiliado”.
Espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’-Vigo
O primeiro acto aberto ao público (martes 24, ás 19 horas sede provincial da Deputación en Vigo) é o espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’, de Serafín Marcos, onde o autor noiés fai un percorrido pola vida do autor a través da súa poesía levando ás persoas asistentes dende o Valdeorras natal ata México co humor característico das súas montaxes.
O evento parte dun verso tomado unha obra de Delgado Gurriarán e pretende descubrir a traxectoria que fai ao escritor ser merecedor do recoñecemento das Letras Galegas deste ano. Será unha “viaxe de volta ao seu Córgomo natal revivindo a travesía marítima de fuxida no Ipanema e gozando pausadamente da natureza valdeorresa, un relato dinámico e participativo no que os versos de Florencio cobran vida”, explica Serafín Marcos.
Mesa redonda ‘O retorno de Florencio Delgado Gurriarán’-Pontevedra
O segundo acto aberto ao público será a o xoves 12, ás 19 horas no Pazo Provincial de Pontevedra baixo o título ‘O retorno de Florencio Delgado Gurriarán’.
Será unha mesa redonda conducida por Silvana Moril na que intervirán o biógrafo de Florencio Delgado Gurriarán, Ricardo Gurriarán, cunha exposición baixo o título “Marchei sen calar, dándolle sebo as canelas”; o escritor e profesor de Lingua e Literatura Miro Villar coa intervención “O macrotexto poético de Florencio Delgado Gurriarán”; e a escritora, investigadora e tradutora Tamara Andrés, que falará “Do xardín alleo: Florencio Delgado Gurriarán desde o prisma da tradución”.
Haberá intervención musical de Sheila Patricia, que interpretará pezas baseadas en poemas do homenaxeado.
‘De Valdeorras a México. Terra A Nosa’
Da man de ‘Polo Correo do Vento’ levarase a 35 concellos da provincia totalmente de balde unha actividade que, de xeito ameno e participativo, achegue a figura do homenaxeado como exemplo de amor á terra e mantemento da loita polos ideas.
Neses ‘obradoiros’ alternarase a narración da biografía do homenaxeado coa creación dunha ilustración e a interpretación de distintas pezas musicais. Contarase ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realizará a súa propia caricatura de Florencio Delgado Gurriarán.
Nestes momentos está aberto o prazo de solicitude para os concellos, que poderán desenvolver o acto ata o mes de xullo. Os concellos interesados nesta actividade deben presentar a través da sede electrónica unha instancia xenérica no rexistro da Deputación de Pontevedra (con destino ao Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico) a partir do vindeiro xoves, 5 de maio de 2022, ás 08.00 horas. Concederanse os obradoiros por estrito orde de entrada.
Actuacións en concellos
Concello | Lugar | Día | Hora |
---|---|---|---|
Poio | Salón de actos do Centro Cultural Xaime Illa (Raxó) | 13/05/2022 | 17:00 |
Oia | Centro sociocultural de Pedornes | 17/05/2022 | 18:00 |
Cangas | Casa de Cultura | 20/05/2022 | 20:00 |
Dozón | CEIP Pío Cabanillas Gallas | 23/05/2022 | 16:00 |
A Lama | CEIP de A Lama | 24/05/2022 | 11:00 |
Ponte Caldelas | Casa de Cultura | 25/05/2022 | 19:00 |
Cerdedo-Cotobade | Centro cultural e turístico "Antonio Fraguas" | 26/05/2022 | 11:30 |
Ribadumia | Praza do Concello | 26/05/2022 | 19:30 |
O Porriño | Rúa Peonil San Bieito (Feira do Libro-O Porriño) | 28/05/2022 | 18:00 |
A Cañiza | Auditorio de Casa de Cultura | 29/05/2022 | 12:30 |
Tomiño | Auditorio municipal de Goián | 29/05/2022 | 17:30 |
Ponteareas | Sala multiusos do auditorio municipal | 02/06/2022 | 18:30 |
Mondariz | Concello | 04/06/2022 | 21:00 |
Campo Lameiro | Praza do Concello (en caso de choiva Auditorio Sobrino Buhigas) | 05/06/2022 | 20:00 |
Tui | Biblioteca municipal de Tui | 08/06/2022 | 18:00 |
Pazos de Borbén | CEIP Pazos de Borben | 08/06/2022 | 13:00 |
Redondela | Alameda Castelao | 11/06/2022 | 11:00 |
Rodeiro | Centro cultural Manuel Lamazares | 29/06/2022 | 18:00 |
Cuntis | Praza das Árbores | 01/07/2022 | 21:00 |
Pontecesures | Plazuela | 02/07/2022 | 11:00 |
Gondomar | Parque da Coelleira | 03/07/2022 | 12:30 |
Vila de Cruces | Auditorio municipal Xosé Casal | 06/07/2022 | 11:00 |
Caldas de Reis | 07/07/2022 | ||
Sanxenxo | Auditorio | 08/07/2022 | 11:00 |
Portas | 12/07/2022 | ||
Catoira | 14/07/2022 | ||
O Grove | Biblioteca | 19/07/2022 | 11:30 |
Moraña | Multiusos | 21/07/2022 | 12:00 |
Agolada | 22/07/2022 | ||
A Illa de Arousa | Praza do Concello | 27/07/2022 | 12:00 |
Meis | Praza de España | 11/06/2022 | 20:00 |
O Rosal | Auditorio municipal | 13/06/2022 | 10:30 |
Salvaterra de Miño | Recinto amurallado | 13/07/2022 | 11:00 |
Baiona | Xardíns da Casa da Navegación | 27/07/2022 | 20:00 |
Mos | Centro social da Comunidade de Montes de Guizán | 28/05/2022 | 12:00 |
Banda deseñada ‘Florencio Delgado Gurriarán’
Para xente moza (e non tan moza) a editorial do Servizo de Publicacións da Deputación vén de publicar unha obra de banda deseñada realizada por alumnado de ’O Garaxe Hermético’ e coordinada por Kiko da Silva. Será distribuída entre os centros de ensino da provincia e tamén en diversos actos, así como nos centros de lectura públicos.
Títulos do autor, para as bibliotecas
Para rematar, a Deputación vén de facer a compra de diferentes títulos realizadas polo propio Florencio Delgado Gurriarán e realizará unha distribución entre as bibliotecas municipais e puntos de lectura de varias das obras, co fin de ampliar a dispoñibilidade da bibliografía a disposición de toda a cidadanía.
Un vieiro polo Museo con Florencio Delgado. Percorrido guiado
O público adulto será o destinatario desta proposta que terá lugar o sábado, día 11 de xuño, ás 12:30 h. Trátase dun percorrido pola traxectoria vital e literaria do poeta ourensán, guiado por Polo Correo do Vento, a través de artistas que colaboraron con el na revista Vieiros ou cos que tivo contacto ao longo da súa vida, como Castelao, Seoane, Arturo Souto... A entrada será libre